Alfonso Cabaleiro: “a política audiovisual virá marcada pola TVG, a internacionalización e a comercialización”

Este mes comezará a andar o novo Consorcio Audiovisual de Galicia

Alfonso Cabaleiro, o Secretario Xeral de Medios
Alfonso Cabaleiro, o Secretario Xeral de Medios
Nunca a reforma do sector audiovisual foi tan complexa e profunda como a actual. Por iso, Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios, acaba de capitanear o reto de mudar a televisión analóxica, a de toda a vida, pola dixital. Con esta fronte aínda sen pechar e non exenta de problemas, a batalla continúa coa reforma lexislativa para a comunicación pública máis profunda da súa existencia: a lei do audiovisual, a da CRTVG, a de publicidade institucional. E para todo isto, Cabaleiro pide diálogo, consenso e unificación nesta entrevista.

Pasado o 3 de abril, data fixada polo goberno para o apagón analóxico, ¿podemos facer balance de cómo foi o proceso
Para entender o contexto actual hai que remitirse a tres antecedentes. O primeiro foi que nos atopamos unha falta de planificación absoluta. O primeiro apagón tiña que ser o 30 de xuño e nós (que chegamos entre abril e maio) vimos que era algo absolutamente imposible de cumprir. Segundo, o goberno central destinara un crédito para temas de banda ancha e TDT de 98 millóns (93 para banda ancha e 5 para a TDT) e atopámonos con que os cartos foran destinados a outros usos, non de xeito irregular, senón que se marcharon para outros destinos. Despois daquel magno acto na Fonsagrada, para o que se elixiu un dos sitios máis complicados e para o que só se conseguiu unha cobertura do 70%, iso obrigounos a partir de cero. E, terceiro, había informes e estudos feitos pero tivemos que redactar pregos, sacar concursos e facer todo un proceso administrativo que leva meses. Este proceso serviunos para unificar o despegamento técnico que había: había reemisores das deputacións, concellos, asociacións… que obrigou a un proceso de coordinación. Ademais, tivemos un inverno moi crú con moitos temporais que obrigou a recolocar antenas, non poder colocar outras, técnicos bloqueados pola neve.... que complicou as cousas. Creo que non somos conscientes, quizais porque fixemos isto con bastante prudencia sen facer gala de ningún triunfalismo porque non o queremos facer ata que estea todo rematado. Estamos ante un proceso dun cambio histórico tremendo porque implica acceso a moitas canles, a televisión interactiva e de calidade. Ademais, sempre avisamos que ía haber problemas e hóuboos. Por resumilos: aínda faltan colocar reemisores (retraso motivado por cuestións climatolóxicas e cuestións sobre o terreo, como descubrir que hai unha maior cantidade de poboación afectada por unha falta de cobertura da prevista), problemas de reaxustes (ás veces dos usuarios, outras dos postes que non están ben orientados) e, en terceiro, está o problema das zonas de sombras. Neste último suposto, primeiro confirmaremos cos técnicos e cos instaladores que efectivamente é unha zona sen cobertura e logo tomaremos a medida pertinente. Nuns días sairá unha orde de axudas de todo isto e, para nós, a prioridade neste momento é a colocación dos aparatos e dos equipos.

¿Que porcentaxe de poboación ten garantido a cobertura neste momento?
Reaxustados os problemas nos repetidores xa instalados e tendo en conta que a obrigatoriedade era o 98%, neste momento a cobertura é do 99% e haberá un 1% para recorrer ao satélite. Os principais problemas hoxe son a montaña lucense e algúns núcleos de Pontevedra.

Falaba antes do que suporá a TDT para os usuarioa nivel de contidos e aproveito para preguntar ¿como van as licenzas de televisión dixital terrestre autonómicas?
Popular TV xa está en funcionamento e nun período de tempo moi curto ten xa todos os trámites feitos para poder emitir. E con Voz Audiovisual estamos co proceso técnico. A Administración tiña que facer unhas serie de aprobacións e tramitacións entre a empresa que tiña a concesión e o goberno central que non se fixeron. Neste tempo estivemos a traballar na fase de requirimentos e decidir que imos facer no caso de que as empresas non cumpran cos prazos. En todo caso, a nivel de autonómicas non hai ningún problema.

¿E que pasa coas televisións locais?
Había que esperar a que se producira o apagón. Temos que retomar a aprobación dos proxectos que non se fixeron nestes anos e estamos nesta segunda parte de dicirlles ás televisión que van facer. Necesitamos uns meses máis para facer a foto final de todo o proceso.

No seu momento o bipartito cancelou o concurso de radio dixital porque non había demanda nin mercado para a radio dixital ¿van retomar ese concurso?
No tema da radio non parece, efectivamente, que vaia adiante o da radio dixital. Creo que a FM demostrou que aínda ten entrada a súa boa calidade técnica. Tamén é certo que nos pasa un pouco como a televisión local, que temos que ordenar o espazo radioeléctrico. Agora ben, neste sentido si que está na nosa intención conseguir traer para Galicia a Axencia do Espectro, que suporía a confirmación que temos un sector das telecomunicacións moi importante.
___

A OBRIGATORIEDADE LEGAL ERA DO 98% PERO NESTE MOMENTO A COBERTURA DA TDT É DO 99% E PARA O 1% QUE FALTA RECORREREMOS AO SATÉLITE
___

Hai uns meses, no marco do foro organizado pola Academia Galega do Audiovisual, As regras do xogo anunciou un cambio normativo que afecta a media ducia de leis ¿como se vai reorganizar todo este panorama?
Quero ter antes do mes de xuño o deseño temporal de todo isto e isto supón aclarar en que momento vai cada texto: a lei do audiovisual (que estabamos pendentes da aprobación do marco estatal), a aplicación en Galicia dos múltiplex de dividendo dixital, a Lei de Publicidade Institucional e a Lei da CRTVG. A primeira reforma xa está en marcha coa constitución no Parlamento dunha comisión. Aquí tentaremos retomar o consenso con toda as formacións políticas tal e como quixemos facer ao principio da lexislatura coa designación do seu director xeral. Foi un compromiso que quixo asumir o presidente da Xunta que rompeu o Partido Socialista. Neste asunto o que buscaría, por riba de todo, é o máximo consenso. Nesta reforma entra: o nomeamento do director xeral e mellorar os mecanismos de control dos medios públicos. Con respecto ás cuestións laborais, creo que hai que buscar un consenso entre as distintas forzas políticas e as sindicais. Parto da base dos magníficos profesionais que hai no medio e tamén terá que ver qué modelo de televisión queremos.

Con respecto á lei da CRTVG, temos un cambio radical nos últimos anos do que foi sistema de medios públicos, e está por ver se as autonómicas adoptan ou non o modelo de corporación RTVE e non sei se entra neste debate.
Isto entra totalmente neste debate. Cando me refería ao novo modelo de empresa que queremos, estou falando diso. Asumo o que dixo o director xeral no Parlamento, creo que hai que ir ao modelo dunha corporación audiovisual no que debe ter un papel importante a produción propia pero tamén o apoio ao sector audiovisual e no que debe ser fundamental a xestión de dereitos, a comercialización, a programación, a exhibición… Creo que hai que facer un novo esquema da presenza a TVG nas novas tecnoloxías. O que si me gustaría sería lograr un consenso porque cada vez máis temos que arredar os medios públicos da liorta política.


___
CADA VEZ MÁIS TEMOS QUE ARREDAR OS MEDIOS PÚBLICOS DA LIORTA POLÍTICA
---
Levamos un ano de goberno e aínda non existe esta ventanilla única ¿qué se estivo a facer neste tempo?
Está claro que o bipartito trouxo ao audiovisual unha serie de disfuncións: axudas a mecanismos, varias políticas de exhibición (ás veces enfrontadas…) creo que se podía resumir en división e certo enfrontamento. O primeiro obxectivo era arranxar isto e era a principal demanda do sector. Marqueime dúas grandes liñas, primeiro que non se retrase nada e, segundo, diálogo e consenso. Non teño remordemento de que algo se deixara de facer neste tempo, aínda que si houbo os lóxicos retrasos. Despois, diálogo e consenso. Creo que o diálogo co sector foi continuo, houbo unha participación moi construtiva e houbo novos criterios. O sector aceptou moi ben un dos criterios, que a TVG estea presente en todas as comisións de axudas convocadas. E temos unha serie de reivindicacións que van saír adiante, como é conseguir financiamento adiantado dos cartos e para a promoción a través do IGAPE. Ademais, esta semana reúnese Sempre Cinema para aprobar os próximos proxectos. Creo que vai ser un ano moi bo para o audiovisual polo impulso que levou ao sector galego o éxito de Cela 211, a presentación de O apóstolo será unha rehabilitación do sector da animación e, terceiro, a película de Martin Sheen (O camiño) vai ter un impacto mediático moi destacado.

A lei di que a definición da política audiovisual correspóndelle ao consello da Xunta. E pregunto ¿cal é esa liña política?
A liña política gustaríame que viñera marcada polo diálogo e o consenso. O goberno ten unha idea que quere expresar a través do Consorcio en diálogo co sector. As tres liñas: a importancia máxima en todo o proceso de produción audiovisual da TVG (desde a presenza nas axudas, a TVG ten que xogar un papel máis importante no tema da promoción e comercialización). O segundo gran concepto é a internacionalización: un a través da TVG e dous a través da presenza fóra de Galicia. Para iso o Consorcio vai ter o protagonismo da presenza do audiovisual galego nos mercados nacionais e internacionais. Imos facer unha aposta en Cannes (nos mercados tanto de cine como de televisión) e, mentres tanto, facemos achegas económicas a través do Clúster. E, terceiro, volver apostar por axudas á comercialización, se no ano pasado foron 200.000 euros, este ano rondará entre os 300.000 e 400.000 euros.

___

ESTA SEMANA REÚNESE SEMPRE CINEMA PARA APROBAR OS PRÓXIMOS PROXECTOS
__
¿Como vai ser o novo Consorcio Audiovisual de Galicia?
Nós o que buscabamos era a integración de todos os organismos relacionados co audiovisual. Cambia un pouco a composición en función do novo organigrama do goberno galego. Agora a presidencia vaina ter o conselleiro de Cultura, a vicepresidencia a Secretaría Xeral de Medios e logo estarán as consellarías e as deputacións. O que estamos estudando é buscar unha fórmula para que as asociacións sexan escoitadas. O Consorcio vai ter toda a capacidade executiva e aglutinará todas as distintas políticas audiovisuais existentes ata o momento e as súas liñas de axuda.

Tendo en conta que a liña política a define o goberno ¿como se traslada esa decisión ao Consorcio?
A través do Presidente (conselleiro de Cultura) e o vicepresidente (secretario xeral de Medios). Queremos tamén desgubernamentalizar o sector e buscamos un organismo destas características para que o audiovisual sexa unha aposta de país.

Unha decisión importante e que marcará a característica do seu funcionamento é a designación do seu director xerente ¿será concurso de méritos como noutros sectores culturais ou será por designación directa? ¿cal é o perfil que buscan?
O perfil é unha persoa con experiencia no sector, que coñeza o sector e os distintos sectores de produción e que teña un gran coñecemento da televisión. E tamén podo dicir que foi escoitado o sector antes da súa designación, que será pública nos vindeiros días.

¿Qué acontecerá coa Axencia Audiovisual Galega?
Desaparecerá como tal e todo o material que alberga se trasladará ben ao CGAI. Todas as copias das producións con financiamento público que, de sempre, se depositaron no CGAI pasaron á Axencia nestes últimos catro anos e devolverémolos ao seu lugar. O resto de actividades, será unificada a través do Consorcio.

¿E o CGAI, onde se adscribe organicamente?
O CGAI pasa a ter unha absoluta coordinación co Consorcio Audiovisual Galego pero desde o punto de vista administrativo non se integra nel. Queda adscrito á Secretaría Xeral de Medios pero a súa xestión establécese de xeito coordinado co Consorcio. Todo o que ten que ver como exhibición do audiovisual galego e filmoteca ten que ser do CGAI. Por exemplo, toda a actividade que se facía desde Cinemas Dixitais, de exhibición dos colexios, nos concellos, na emigración e outras actividades desenvolvidas por outras entidades, tense que unificar no CGAI. Non sei que nome terá, pero a autoexhibición dos produtos galegos ten que estar unificada e no CGAI.

A finais de 2009, e despois de catro anos sen facelo, reuniuse o Consello Asesor das Telecomunicacións, ¿entra no marco de entidades a reformar?
En primeiro lugar, a urxencia obrigou a convocalo tal e como estaba constituído. Agora ben, o segundo obxectivo pasa por unha reformulación do Consello nas seguintes premisas: unha maior presenza do sector das telecomunicacións porque agora teñen unha excesiva presenza os medios de comunicación; unha maior presenza de mulleres para cumprir coa paridade; e dotalo de órganos consultivos para as distintas cuestións que vaian saíndo. E iso último ten que obrigar a establecer un consello directivo e unhas comisións que sexan operativas.