O sector audiovisual galego ten hoxe unha festa en Narón. Ás 22:00 horas (TVG comezará a emitir ás 22:36) dará comezo a festa dos premios Mestre Mateo que, ademais de premiar as mellores producións feitas en Galicia no 2009, celebrará os 25 anos da creación da CRTVG. Presentada polo humorista Xosé Antón Touriñán, contará coa presenza especial de Xosé Ramón Gayoso e Enrique Banet (galardoado co premio de honra Fernando Rey) que compartirán o protagonismo dos gañadores nas 25 categorías coas que conta o certame. Entre as favoritas destaca Cela 211, con quince candidaturas, seguida das series de Voz Audiovisual Matalobos e Padre Casares con dez e nove, respectivamente.