Xelmírez, o embaixador do 2010

Analizamos a grande exposición internacional deste Xacobeo

O arcebispo Diego Xelmírez (esquerda) no Tombo de Toxosoutos
O arcebispo Diego Xelmírez (esquerda) no Tombo de Toxosoutos
Unha mostra representará, ao longo deste 2010, o Xacobeo en Europa. París, Roma e Santiago recibirán a visita de Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez, un proxecto que analiza as conexións internacionais da Cidade do Apóstolo no século XII a través do arcebispo que máis impulsou as peregrinacións durante a Idade Media. Manuel Castiñeiras, comisario deste proxecto, explícanos as claves desta embaixada xacobea e coméntanos algunhas das pezas máis interesantes da mostra.

“A elección de Xelmírez como protagonista dunha exposición está máis que xustificada. Se había facer unha exposición sobre o que supón para Galicia un ano santo, esta figura resulta fundamental para entender o pulo que tivo a cidade desde o século XII”, explica Castiñeiras. E é que o arcebispo foi o primeiro grande promotor das peregrinacións ata o noso país a nivel europeo, e desenvolveu toda unha estratexia de engrandecemento da cidade para conseguir incrementar o seu peso na cristiandade da época. “Aínda que a descuberta dos restos é do século IX, a peregrinación non tivo carácter universal ata a súa época. El deseñou un programa para facer de Compostela un centro de referencia non só na arte e senón tamén no poder eclesiástico e político da época”. En último termo, a través de Xelmírez como exemplo das relacións internacionais do noso país durante a Idade Media, “quérese amosar a creación de Compostela e o feito xacobeo como un xeito de estar Galicia no mundo”.

Unha biografía xacobea
Ao optar por centrar a exposición na figura deste sacerdote, “para evitar a historia de sempre sobre as peregrinacións, a partir da descuberta da tumba do Apóstolo, queriamos explicar o fenómeno dun xeito persoal. E para iso escollemos a Xelmírez, de quen se ten moitísima información”. En concreto, as viaxes internacionais que realizou a Roma nos anos 1100 e 1105 e, en menor medida, a Braga en 1102, serven como fío condutor da mostra amosando, por exemplo como estaban os camiños de peregrinación na época. Precisamente a viaxe a Braga é un claro exemplo do xeito en que o galego tentou incrementar a importancia da súa sé. “Na súa viaxe realizou o chamado pío latrocinio, que foi traer a Galicia as reliquias que se conservaban así para así eliminar un competidor e atraer os peregrinos a Compostela”. De xeito semellante, as visitas a Roma tiñan un carácter político e buscaban “que Santiago obtivese entidade metropolitana, por riba de Braga e á altura de Toledo”.

A pegada europea
As viaxes marcaron en boa medida o desenvolvemento da capital galega, para alén do político, tamén no campo artístico e urbanístico. “El e mais a súa comitiva entran en contacto directo co que se fai en Europa. Esta era unha época de grandes construcións e proxectos decorativos, e ese modelo é o que se implanta en Compostela a comezos do século XII”. Aínda que as obras da catedral xa se iniciaran, é neste momento no que o templo acada a súa dimensión actual, con elementos como o transepto ou o altar do apóstolo. Diferentes pezas que se poden ver na exposición amosan os paralelismos entre o modelo escolleito para construír o templo e obras francesas do mesmo período, e mesmo a presenza de artesáns europeos en obras galegas.

As pezas
O feito de optar por unha exposición itinerante complicou en boa medida a elaboración deste proxecto, ao tempo que permitiu explorar as potencialidades das diferentes localizacións. “Ao ser unha itinerancia tan longa, é moito máis difícil negociar as cesións de pezas. Pero a iniciativa era abondo importante como promoción de Galicia e polo seu contido como para facer este tipo de aposta. Os contidos adaptáronse un pouco a cada lugar”. Na actualidade a mostra está no Museo dos Monumentos de Francia en París. “Queriamos apostar por un lugar céntrico e con moito prestixio. Neste centro están as copias das máis importantes pezas de arte medieval francesa. Aproveitando iso, e co apoio do Museo, o que fixemos foi cartelar a galería destes monumentos en relación coa viaxe da comitiva compostelana do século XII”. É dicir, que boa parte das pezas deste Museo están integradas como contexto da propia exposición do Xacobeo. “Iso ten unha significación moi importante. Galicia entra na casa dos grandes monumentos de Francia e ademais déronnos a oportunidade de cartelear todo o país en clave compostelana” lembra Castiñeiras.

A selección
Na súa paraxe en Roma, a mostra en si ampliarase en 25 novas pezas entre manuscritos e mais pezas de orfrebrería e monumentais que completarán os contidos. En total, a mostra cunhas 45 pezas, o que pode semellar, a priori, unha cantidade escasa para a que se supón é a grande exposición internacional do Xacobeo 2010. No entanto, Castiñeiras ten clara a elección. “Optouse por unha exposición con poucas pezas polas dificultades de as levar de xira, pero todas as que hai están moi estudadas para elaborar un discurso. O criterio que se seguiu foi tentar repetir o mínimo. En Galicia é habitual ter nas exposicións unha grande oferta de pezas de museos galegos pero iso pódese visitar xa en Compostela ou desde a cidade. Reducimos moito a presenza de pezas galegas e apostamos por complementar con pezas de fora que amosasen a dimensión internacional do Santiago a comezos do século XII”. Principalmente préstamos franceses e italianos complementan pezas galegas e poñen de relevo as relacións artísticas e políticas do país.

A aposta virtual
Para alén daqueles elementos históricos que se poderán ver na exposición, os contidos da mesma compleméntanse con producións audiovisuais e reconstrucións virtuais. En concreto, un video de quince minutos visita os lugares polos que pasou Xelmírez nas súas viaxes e amosa edificios e espazos que se conservan daquela época. “O material que se presenta pode parecer moi sinxelo, pero implicou unha reflexión moi longa”, advirte o comisario. “Tivemos que ir á Historia Compostelana para ver o itinerario, en nalgúns casos tivemos que os reconstruír”. Para alén da montaxe finalmente seleccionada, o proceso xerou unha inxente cantidade de material, con entrevistas e tomas de diferentes monumentos. Canda a isto, a mostra achega a reconstrución virtual da Porta Francíxena, que estaba na Acibecharía e que os responsables da mostra realizaron a partir dos restos que se conservan da mesma e mais de investigación de pezas semellantes. “Tamén facemos unha proposta sobre como serían o altar orixinal do apóstolo, e mais parte da Capela da Magdalena”, lembra Castiñeiras. En Roma e Compostela engadirase unha reconstrución da Torres de Catoira. “O pai de Xelmírez era o tenente das torres e seguramente el estivo parte da sua infancia alí. Ademais, era o lugar onde estaba a armada que el mesmo mandou construír para defender a diócese de posibles ataques piratas”.

Os interesados en coñecer de primeira man esta proposta, teñen a ocasión en París ata o vindeiro 16 de maio. En Roma, a paraxe está prevista entre o 3 de xuño e o 16 de agosto, e Compostela acollerá o proxecto entre o quince de agosto e o dez de outubro.


PEZAS DESTACADAS



Vieira de Santiago
Manuel Castiñeiras:“Amosamos a vieira máis antiga que apareceu relacionada coas peregrinacións. Atopouse nos anos 50 nun enterramento na Catedral, e seguramente é anterior ao 1120. Segundo o Códice Calixtino, a vieira é o símbolo da caridade. Unha teoría que temos é que o grande inventor da vieira como símbolo da peregrinación foi Xelmírez ou o seu entorno. Viu a importancia de ter un souvenir barato para os peregrinos. Antes os visitantes ilustres compraban reliquias, pero eran moi caras, e entón cumprían recordos de pouco prezo, e aí aparece a vieira. Protexíaos dos demos, das enfermidades e era símbolo da viaxe”.



Cáliz e Patena de San Giraldo
Manuel Castiñeiras: “Outra peza que destacaría polo seu valor simbólico e tamén sentimental é o Cáliz de San Giraldo, que chega do teosouro da Sé de Braga. Está relacionada coa viaxe de Xelmírez a Portugal e co Pío Latrocinio. O cáliz é de orfebrería, de comezos do século XI, é unha pequena xoia, que se empregaba na liturxia e se conservou ata hoxe”.



Signum Leonis, Signum Arietis
Manuel Castiñeiras: “Unha peza que provén de Basílica de Saint-Sernin de Toulouse. A comitiva pasou dúas veces por alí, estamos seguros de que Xelmírez contratou un mestre local para comezar a decorar a Porta Francíxena. Con isto queremos amosar as relacións entre as obras dos dous lugares. Está considerada unha das obras mestras da arte románica e sae en calquera manual. Considerábamos que era fundametnal que estivese con nós”.



Capitel con David e os seus músicos
Manuel Castiñeiras: “Outra peza importante que ven á mostra é un capitel con David e os seus músicos do claustro da Abadía de Sainte-Foy de Conques. Quixemos traer unha peza de alí porque Conques está nunha das vías de peregrinación e porque chegamos á conclusión de que seguramente Xelmírez estivo neste lugar. Alí naceu o que se chama o modelo de igrexa de peregrinación. Os primeiros construtores da Catedral de Santiago empregaron esta guía, e mesmo poida que algún mestre de Conques estivese no comezo da catedral. Tamén vimos que algún dos mestres da fachada de Praterías seguramente eran de alí. É unha peza importante, resulta moi difícil que a abadía ceda algo así”.



Fuste da Porta Francíxena
Manuel Castiñeiras: “Unha das pezas que veñen de Compostela e que era importante amosar fóra é o fuste da Porta francíxena, que se garda no Museo da Catedral. É unha peza en mármore, un material que nesta época non era moi común nos monumentos galegos. Esa elección e mais o tipo de decoración, con motivos do mundo antigo é unha proba do nivel de calidade que acadaron os obradoiros de Santiago a comezos do século XII. Ademais amosa que os artistas accederon a ese repertorio seguramente polas viaxes a Roma de xelmírez”.



Columnas salomónicas de San Carlo a Cave e da Santissima Trinità dei Monti
Manuel Castiñeiras: “En relación con este fuste, na área de Roma e do Lacio atopamos toda unha serie de columnas chamadas entorchadas ou salomónicas, que se facían na época en que Xelmírez foi alí. A de San Carlo a Cave foi restaurada grazas a este proxecto. A parella desta columha está na igrexa da Santissima Trinità dei Monti, e nos dous casos é a primeira vez que se amosan fóra dos seus templos. Penso que con estas pezas moita xente mudará as súas impresións sobre o Románico. A idea que hai é a dunha arte moi xeométrica e ruda. Estas pezas dan un pouco o contraste, teñen unha calidade artística extraordinaria e moita sofistificación”.



Altares portátiles de San Rosendo e do Abade de Conques
Manuel Castiñeiras: "Trouxemos o altar portátil do abad de Conques e mais o de San Rosendo porque son pezas practicamente xemelgas. Con estes pezas, que son extraordinarias, amosamos a relación directa entre Francia e Galicia. É curioso, porque aínda que se coñece como altar de San Rosendo, é posterior a este santo".