A Orquestra Folk Sondeseu presenta o seu terceiro traballo discográfico

Barlovento é unha homenaxe musical á cultura das embarcacións tradicionais

13/4/2010 | Santiago. Redacción | Seccións: Música
Compartir:

Composto por once temas, Barlovento (Do Fol, 2010) recolle o mundo da construción e o uso renovado das embarcacións tradicionais como metáfora da viaxe das melodías tradicionais a un mar sonoro salferido de contemporaneidade. A carón da enerxía que caracteriza a interpretación dos 40 músicos que compoñen SondeSeu, neste disco atopamos as colaboracións de Rosa Cedrón, Rodrigo Romaní, Xaquín Xesteira, Javier Feijoo (Chisco), e Xosé Liz. Conta con oito creacións de Rodrigo Romaní, dúas de Anxo Pintos e unha de Xaquín Xesteira, baseadas na música de tradición oral galega. O disco foi gravado no auditorio do Conservatorio Superior de Música de Vigo co obxecto de captar o ambiente e a enerxía que caracterizan os concertos de SondeSeu. A partires da publicación de Barlovento, SondeSeu comezará a xira de concertos para 2010 que se iniciará en Madrid o vindeiro 1º de maio no Teatro Circo Price dentro do Ciclo Cantigas do Camiño - Xacobeo Raíces. Na actualidade, en colaboración co Concello de Vigo, SondeSeu lidera o proxecto ENFO (European Network of Folk Orchestras) no que se está a impulsar a creación de novas orquestras por toda Europa para consolidar unha rede estable de participación e intercambio.

Que che parece esta nova?
48 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con SonDeSeu, Folk, Rodrigo Romaní, Vigo...