Os campos de traballo: unha alternativa ecolóxica para o verán

Traballo de verán

Cando se xunta o verán, as ganas de coñecer xente nova e as ganas de desenvolver unha actividade, aparecen os Campos de Traballo. Son actividades que che permiten entrar en contacto co medio, a baixo prezo e coñecer xente nova. Unha especie de campamentos de verán para adultos con destinos en Galicia, noutras comunidades e no estranxeiro.

Cada quen goza do verán ó seu xeito. Hai ofertas para todos os gustos, idades e cartos no peto. Pero entre todas elas emerxe con forza unha actividade na que cada quen pagará a súa estadía coa suor da súa fronte. Son os campos de traballo que como o seu propio nome indica significa desenvolver actividades laborais (en distintas modalidades, pero moi relacionadas co medio) que che permiten por un módico prezo, coñecer un entorno e xente nova. Non son o que se adoita a entender como vacacións, porque tes un horario e un obxectivo que cumprir, pero goza doutros moitos alicientes.




Unha experiencia que engancha




En Pontemaril (Forcarei) lévase case 11 anos traballando en campos de traballo, e catro, estando con Luís Javier Álvarez á fronte das instalacións como xerente. O traballo consiste, en palabras do xerente, en “restauración e medio ambiente. Encargándose da conservación do sendeiro nas marxes do río, do tramo que vai desde Cotelo e Pontemaril ata Acibeiro. E aí facemos traballos de limpeza e restauración do sendeiros, e recuperación dalgún dos muíños da zona, entonces procuramos ir cada ano por tramos”.



Todos os días, ás nove e media da mañá os 25 rapaces que están inscritos nesta primeira quincena de agosto en Pontemaril, teñen que poñerse mans á obra co seu quefacer. Segundo Luis Javier son “traballos sinxelos. Cando temos algún problema, botamos man do mestre que tiña antes a Escola Taller que nos asesora en cousa técnicas. Nós facemos as tarefas de limpeza que non requiren ningunha técnica especial”. Pero isto non quita que sexa un traballo duro, pero só a medio gas, xa que polas tardes, considerando que son vacacións cada quen pode descansar ou facer o que lle apeteza. “Logo de cada xornada teñen a tarde libre, recorda Luis Javier, na que nós temos organizado algunha actividade, que son de carácter voluntario, pero os rapaces acostuman a colaborar”; aínda así, como todos os participantes son novos (as súas idades comprenden entre os 18 e os 23 anos), “sempre hai ganas de que continúen máis os xogos e as bromas e menos o traballo”.



E o traballo que estes mozos fan por 72 euros (que é o que lle custa o aloxamento e a manutención de 15 días) non cae en saco roto. De feito, todas as tarefas están coordinadas desde o Concello que e encarga de elaborar un catálogo do patrimonio que se ha de recuperar en cada momento. Así, a cadea complétase: os participantes teñen as súas vacacións, e mellórase o medio. Unha experiencia productiva que ademais “engancha”, de feito, Luis Javier encárgase de recibir ano tras ano a xente que logo de probar esta experiencia decide volver ano tras ano.





Unha tupida rede de iniciativas




O de Pontemaril é un dos once campos de traballo que hai en Galicia. Este ano ofertáronse en Galicia un total 1020 prazas (100 para estranxeiros, 654 para outras comunidades autónomas e 266 para galegos) un número maior que en anteriores edicións. E, en función das previsións e das solicitudes, prevese unha ocupación do 85- 90% (entre galegos e estranxeiros). Pero os galegos non só poden coñecer o seu propio medio, senón que este tipo de programas, coordinados a través do Instituto da Xuventude (Injuve), posibilita a mobilización cara outras zona, unha oferta de 407 prazas (81 cara ó estranxeiro, das que este ano están cursadas 64 demandas, e 326 cara outras comunidades autónomas, cunhas solicitudes que se concentran na costa). E é que este tipo de actividades están pensadas, en moitas ocasións, como unha forma económica de viaxar.



Luis Lapido, Xefe de Negociado da Dirección Xeral de Xuventude e responsable dos campos de traballo en Galicia, recorda o dobre sentido deste tipo de prácticas estivais “son actividades de lecer e ó mesmo tempo, un traballo para a comunidade”.



E todo o que queira pode probar con esta actividade, porque, segundo Lapido “Realmente non hai moitos requisitos, o único, se cadra, é ter unha idade precisa para desenvolver este traballo (é dicir ter entre 18 e 30 anos), non padecer ningunha enfermidade ou ningunha eiva que o imposibilite desenvolver a súa actividade”. E estas actividades consisten en ambiente (que significa recuperación dalgunhas zonas do medio), arqueoloxía (pequenas actividades en torno a xacementos e planos de non moito interese e de doado acceso), restauracións, rehabilitacións e reconstruccións (asesorados por persoal técnico cualificado dentro do plan de cada Concello) e de etnografía. E aínda que estas son as liñas xerais, a temática dos campos pode variar cada ano, para ir complementando a oferta. Segundo explica Lapido“Hai un campos de traballo cunha temática que presentamos nós (que se repiten cada ano), e outros ós que se nos presenta un proxecto (ben dunha asociación, ben dun concello). Unha asociación presenta un proxecto, ofrece un presuposto do que custa cada cousa, unha explicación do campo de traballo e logo se aproba. Hai proxectos subvencionados pola Dirección Xeral e máis o Concello, e outros ó pola Dirección Xeral”.