A Fundación Araguaney prepara un espazo cultural no casco histórico de Santiago

A intención é abrir as súas portas antes do 25 de xullo

Foi unha das xoierías máis emblemáticas da cidade de Santiago e algo dese pasado conservará nas súas novas funcións. A antiga Xoiería Malde (Rúa do Vilar, 21) converterase no centro cultural promovido pola Fundación Araguaney. “Continuaremos tendo a galería no hotel, pero queríamos facer un proxecto que ofrecera máis que arte e achegara xoiería, deseños galegos, escultura, unha sala permanente de cine, música galega, pero tamén cultura hispanoamericana e árabe” explica Ghaleb Jaber Ibrahim, presidente da Fundación Araguaney. Non é só un proxecto expositivo, senón tamén comercial xa que pretende “darlle ao turista unha oferta que saia dos tópicos”.

“Sempre tiven na cabeza a idea de desenvolver un proxecto na zona histórica e un día, paseando, vin que o local quedou baleiro e nese mesmo momento púxenme en contacto cos propietarios e empezamos a traballar” apunta o presidente desta institución. Con esa mesma celeridade se puxeron en marcha, xa que a súa intención é abrir esta nova proposta antes do 25 de xullo. Para iso, pasarán por un proceso de rehabilitación dos 280 metros cadrados que ocupa o lugar dividido en tres espazos e mantendo a estrutura deseñada polo arquitecto José Caridad Mateo (Betanzos, 1906-1996).