Achegarse á poesía a pé

Uxío Novoneyra incorpórase aos Roteiros de Culturagalega.org

Uxío Novoneyra no Courel. 1996. Foto: Ayako Sugitani
Uxío Novoneyra no Courel. 1996. Foto: Ayako Sugitani
Verter a vida e a obra de Uxío Novoneyra nun itinerario. Este é o desafío ao que se enfrontaron as traballadoras de Etnoga para os Roteiros de Culturagalega.org e para o que se contou coa colaboración da familia do poeta. O proceso de investigación para isto permitiu comprobar que a memoria do autor continúa viva na poboación da zona, e deu nun xeito diferente de coñecer a comarca do Courel.

“O básico para o roteiro foron as obras literarias. Revisamos Os eidos e outras obras, e logo de ter localizados varios topónimos e outros elementos, completamos con traballo de campo a falar con veciños e familiares”, lembra Carmela Sánchez, unha das responsables deste proxecto. “A memoria de Novoneyra está moi viva. Comprobamos que é moi querido e en xeral todos din que era unha persoa moi boa e que os veciños, sobre todo en Seoane, o quería moito”. Deste xeito, apareceron no proceso elementos pouco coñecidos da figura do autor. “A falar coa xente xorden moitas cousas da súa vida. Por exemplo, contan que se cabreaba bastante cando os nenos lle ían roubar a froita, mentres que ao seu pai non lle importaba tanto”, lembra Carmela. Para a elaboración do Roteiro tamén se contaron coas valiosas achegas da familia de Uxío Novoneyra, quen aportou a memoria oral da casa, un arquivo fotográfico que permite ver ao autor no seu contorno e mais notas bibliográficas.

Os camiños do poeta
Á hora de localizar espazos vencellados á vida de Novoneyra, ou roteiros que el mesmo fixese, a investigación topou que para o poeta non era costume facer grandes camiñadas pola zona. “Os veciños falan sobre todo do paseo que facía desde Parada, a súa aldea, ata Seoane. Logo semella que era bastante caseiro, a verdade é que non apareceron moitos sitios nos que fixese vida habitualmente, como tabernas ou lugares específicos. Si que hai fotos con amigos en lugares como a Campa da Lucenza, así que algo debía andar. Pero cando marchou para Santiago debeu de deixar bastante eses paseos”, lembra Sánchez. Por mor disto, o traballo de Etnoga se baseou en boa medida en referencias literarias, e non só do poeta courelán. “Hai unha obra de conversas con Manuel María, na que este poeta conta como ía con Novoneyra a atravesar montes ata a capela de San Roque, e tamén a incluímos”.

A importancia dos lugares
“Á hora de escoller elementos guiámonos polo número de veces que o repite e a importancia que lles dá e logo por buscar lóxica no percorrido. Non é o mesmo que fale cun castelo en xeral que mentalo de xeito concreto ou facerlle un poema”, explican desde Etnoga o xeito en que se escolleron os lugares do roteiro. “Houbo que facer unha boa selección, porque se non quedaría un roteiro de máis de tres días. Centrámonos finalmente no Concello de Folgoso e mais en Pedrafita, de onde era a súa nai”. Lugares coma Hórreos ou Soldón quedaron fóra para conseguir un trazado abarcable.

Espazos de contexto
Tamén se poden atopar no roteiro elementos que non aparecen especificamente nas obras de Novoneyra. “Por exemplo, el menta castros, como o de Brío, ao que non se pode ir en coche. No seu lugar metemos o da Torre, que está escavado e que empregamos como símbolo dos castros no Courel. El moitas veces fala de cousas sen mentar un elemento concreto”. No mesmo sentido, inclúense elementos destacados polos que transcorre a ruta. “O núcleo actual de Folgoso ou a aldea de Santa Eufemia, aínda que non teñen moitos elementos relacionados con Novoneyra, tamén se referenciaron”, explica a responsable da elaboración do roteiro. Mesmo se deu o caso de lugares que nun comezo aparecían como contexto e que ao final si que apareceron na obra do poeta. “Fomos a Vilar tamén, que está a ficar despoboada, e nun comezo metémola como exemplo de aldea que fica deserta, que é algo do que el fala moito. E ao final si que atopamos referencias a esa aldea.”

Espazos perdidos
Unha das maiores dificultades ás que se enfrontaron os investigadores foi localizar determinados puntos concretos. “Custounos moito, por exemplo atopar o Castro de Brío. A cova da Teixeira, ao contrario, atopámola con facilidade, nun día de neve, grazas ás indicacións dun señor”. Para mais, a lembranza de moitos dos lugares que menta Novoneyra están a se perder da memoria dos actuais poboadores da zona. “Novoneyra emprega moita microtoponimia, nomes de fincas ou de soutos. E se non falas coa xente maior é moi difícil localizalos. Só algunha xente nova, sobre todo cazadores, sabían de moitos sitios, pero en xeral estase perdendo”, explican desde Etnoga.

O roteiro
En conxunto, unha serie de elementos paisaxísticos, patrimoniais, etnográficos, naturais e arqueolóxicos combínanse neste itinerario, que está pensado fara facer nunha fin de semana. “Para un día pode quedar algo xusto, sobre todo porque dá a posibilidade de, en achegándose a Mercuríns, subir ao Castro de Brío, ou opcións semellantes para facer pequenos sendeiros a pé”. Entre os puntos máis curiosos do percorrido, os membros de Etnoga lembran elementos como a mina da Toca, en Piñeira e o túnel romano de Romeor. “Son bastante significativas. En Romeor foi o primeiro destino do home de María Mariño. Tamén é interesante o castelo do Carbedo, e logo a paisaxe en xeral, especialmente o Piapaxaro ou o miradoiro do Monte Cedo e a Lagoa da Lucenza, que estaba conxelada cando fomos”. Tamén destacan unha cova en Teixeira na que o autor ambienta un poema sobre un paseado na Guerra Civil. Desde a perspectiva de Novoneyra, “para el era básica a súa aldea de Parada, e mais a de Moreda que está ao carón. Ás veces de feito fai a referencia a Parada de Moreda, que son núcleos diferentes”. Agora, os interesados en se achegar ao poeta dun xeito diferente, teñen unha boa oportunidade con este roteiro.