O equipo A(AAG)

O teatro galego celebra os vinte e cinco anos de profesión cuns premios moi repartidos

"A Esmorga". Sarabela Teatro
A adaptación de A esmorga que Sarabela Teatro recuperou do seu repertorio serviulle á compañía ourensá cinco María Casares, entre os que destaca o de mellor espectáculo. Pero non foi a única gañadora da noite xa que tanto Lagarta, Lagarta co seu Segredo dos Hoffman como as Palabras Encadeadas de Talía Teatro se repartiron os premios á interpretación e dirección. Pero, sobre todo, foi a noite do teatro máis politicamente correcta dos últimos tempos.

“Déixense levar e gozar co imaxinario porque todo o que acontece e pura ficción” cantaba Hugo Torres, presentador-conductor dunha gala que retransmitiu en falso directo a TVG-2 (que, por certo, cortou a emisión cando faltaba por anunciar o gañador do premio a mellor espectáculo) e que, sobre todo, foi un canto aos vinte e cinco anos de profesionalización do sector teatral en Galicia. Por iso, o premio de honra Marisa Soto (que toma o nome da actriz e primeira secretaria da Asociación de Actores e Actrices de Galicia) recaeu este ano en Gonzalo Uriarte, actor e primeiro presidente deste colectivo que lembrou a “terrible velocidade” coa que pasaron os anos e compartiu o premio con toda a xeración de “pioneiros que unha mañá espertaron co soño obstinado e fermoso na cabeza de que algún día se vivirá en Galicia da súa profesión de actor”.

Os premiados
Hai trece anos que Sarabela Teatro levou aos escenarios a noite de farra escrita por Eduardo Blanco Amor en A Esmorga. Agora, como compañía residente do concello de Ourense e noutras condicións ben diferentes, volveu recuperar o texto con mínimas modificacións e, ao contrario que daquela vez, foi a vencedora da noite con cinco galardóns. “Ademais da alegría sinto moita rabia porque me gustaría ter recibido este recoñecemento co meu amigo da alma Carlos Couceiro, que finou hai xa moitos anos” explicou Begoña Muñoz, premiada pola adaptación de A Esmorga e que se recuperou sen apenas modificacións con respecto ao traballo feito hai trece anos. A compañía ourensá recibiu tamén os galardóns a mellor iluminación e escenografía (Suso Díaz fixo doblete), a mellor actor secundario (Tito R. Asorey) e, o premio grande, o de mellor espectáculo que recolleu a directora Ánxeles Cuña.

A posta en escena dos dramas familiares dos Hoffman (O Segredo dos Hoffman) obtivo catro recoñecementos. As interpretacións femininas protagonista (Belén Constenla) e secundaria (Rebeca Montero) e a música orixinal composta por Fran Pérez “Narf” foron recoñecidas polo xurado. Un xurado que repartiu o galardón a mellor dirección entre Rosa Álvarez (O Segredo dos Hoffman) e Artur Trillo polas súas Palabras encadeadas. Unha obra que tamén lle fixo merecedor a Toño Casais do premio a mellor actor protagonista.

Completan o palmarés Fanybell pola maquillaxe de Testosterona (Chévere), Cloti Vaello polo vestiario de Bicharada, e Mofa e Befa (aínda que Quico Cadaval figure como autor) de Shakespeare para ignorantes.

Noite politicamente correcta
Co seu tradicional pano palestino, Vicente Montoto, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, subiu ao escenario a pronunciar un discurso que anunciou sería políticamente incorrecto “porque é o que se espera”. Sen embargo, Parada explicou que despois dun ano de “moitos encontros, desencontros e moito diálogo grazas aos que xa podo dicir que xa temos amigos importantes na nova dirección e que os problemas que presentamos xa van tendo solucións” aínda que despois apostilou que non eran sempre as idóneas. O presidente pasou a enumerar os logros conseguidos pola entidade nestes vinte e cinco anos de traballo entre os que destacou a creación da Escola Superior de Arte Dramática e a aprobación do convenio colectivo para o sector.

Outro dos momentos reivindicativos da noite tivo lugar cando María Xosé Queizán subiu a ler o manifesto do Dia Mundial do Teatro. Un documento no que lembrou o carácter xerador de emprego e riqueza económica do sector cultural ao tempo que reivindicou o seu papel de “escola do mundo moral cunha grande responsabilidade ética”. Queizán rematou a súa intervención lembrando que o teatro une pensamento política e liberdade nunha sociedade que tanto precisa de “acción, progreso e transgresión”.

A mención máis crítica da noite chegou da man de Rebeca Montero quen aproveitou o seu recoñecemento para amosar, como nai, a súa disconformidade co decreto do plurilingüismo que o goberno pretende pór en marcha para o vindeiro curso. “Creo que isto só se arranxa con cultura e como o teatro é cultura, agora máis que nunca, viva o teatro galego” apuntou.

Palmarés XIV Premios María Casares

Palmarés XIV Premios María Casares

Ánxeles Cuña, directora de Sarabela Teatro, posa co premio a mellor espectáculo

Toño Casais, mellor actor protagonista por Palabras Encadeadas

Toño Casais, mellor actor protagonista por Palabras Encadeadas

Tito R. Asorey, mellor actor secundario por A Esmorga

Tito R. Asorey, mellor actor secundario por A Esmorga

Belén Constenla, premio a mellor actriz protagonista por O segredo dos Hoffman

Belén Constenla, premio a mellor actriz protagonista por O segredo dos Hoffman

Rebeca Montero co premio a mellor actriz secundaria por O segredo dos Hoffman

Rebeca Montero co premio a mellor actriz secundaria por O segredo dos Hoffman

Rosa Álvarez e Artur Trillo comparten o premio a mellor dirección por O segredo dos Hoffman e Palabras encadeadas, respectivamente

Rosa Álvarez e Artur Trillo comparten o premio a mellor dirección por O segredo dos Hoffman e Palabras encadeadas, respectivamente

Suso Díaz recibe o premio á mellor iluminación por A esmorga

Suso Díaz recibe o premio á mellor iluminación por A esmorga

Fanybell, non presente na gala, recibiu o premio a mellor maquillaxe por Testosterona

Fanybell, non presente na gala, recibiu o premio a mellor maquillaxe por Testosterona

Gonzalo Uriarte recibe o premio de honra Marisa Soto

Gonzalo Uriarte recibe o premio de honra Marisa Soto

Mofa e Befa, ausentes na función, recibiron o premio a mellor texto orixinal por Shakespeare para ignorantes

Mofa e Befa, ausentes na función, recibiron o premio a mellor texto orixinal por Shakespeare para ignorantes

Begona Muños e a viúva de Carlos Couceiro reciben o premio a mellor texto adaptado

Begona Muños e a viúva de Carlos Couceiro reciben o premio a mellor texto adaptado

Cloti Vaello recibe o premio a mellor vestiario por Bicharada de Berrobambán

Cloti Vaello recibe o premio a mellor vestiario por Bicharada de Berrobambán

Listaxe de gañadores dos XIV Premios de Teatro María Casares.