Roberto Varela anuncia o apoio de Cultura ao vindeiro Cultur.gal

O conselleiro explicou no Parlamento as medidas do Ano do Libro

A vindeira edición da Feira das Industrias Culturais (Cultur.gal) contará co apoio da Consellaría de Cultura. Así o anunciou o titular deste departamento, Roberto Varela, sinalando que negociará cos editores a concreción desta axuda. Varela explicou hoxe no Parlamento as actuacións que prevé o seu departamento de cara á celebración do vindeiro Ano do Libro. Para alén de propostas xa coñecidas con anterioridade, Varela sinalou que se creará este ano a Cámara do Libro de Galicia, un organismo amplamente demandado polo sector e previsto na Lei do Libro, aprobada en 2007. A nivel de actividades de animación á lectura, destaca como novidade Oes, eu leo, que se destinará aos máis novos. Varela anunciou avances na elaboración da nova Lei de Bibliotecas, medidas de apoio aos clubes de lectura coa creación dun portal temático de Internet, e mais a edición dun monográfico sobre lírica galega na prestixiosa Poetry Review.