Os veciños de Ribadavia e Cambre mobilízanse para recuperar os seus castelos

A nova revolta irmandiña

Son os irmandiños modernos. Son asociacións culturais, agrupacións veciñais e diferentes colectivos que inician novas protestas. Pero esta vez a súa revolta non é para derrubar fortalezas, senón para erguelas das ruinas ás que os ten sumido do paso do tempo. Os castelos de Ribadavia e Pambre non son máis que dous dos diferentes casos desta nova forma da historia.

O movemento veciñal está agromar con forza ó redor dos castelos. E aínda que parecen fenómenos illados, son movementos que se desenvolven en puntos diferentes ó mesmo tempo. En Ribadavia (Ourense) e en Pambre (Palas de Rei, Lugo) érguense dúas fortalezas, que son máis que edificios de grande valor monumental. Son símbolos doutra época, que agochan entre as súas pedras momentos da historia moderna de Galicia. Pero cada un deles tivo a súa propia historia, o seu propio movemento, e agora os veciños pretenden recuperalos, cada quen co seu sistema e atendendo ó estado de cada castelo, pero recuperalo a fin e ó cabo. Aínda que cada un deles tivo a súa historia ambos os dous gardan un denominador común, que é o deterioro sufrido polo paso do tempo.



Pambre




O Castelo de Pambre foi un mito dentro da loita irmandiña contra a nobreza da época, que logo engrosou López Ferreiro coa súa novela “O castelo de Pambre”. Localizado en Vilar de Donas (Palas de Rei, Lugo), o castelo que é de titularidade privada atópase hoxe en día nunha situación de abandono, aínda que desde o Concello sinalan que é “recuperable, porque a súa estructura non está danada”. Pero o feito non é novo nin descoñecido, por iso, desde hai tempo varios colectivos veciñais iniciaron unha peculiar batalla contra o seu dono para tentar recuperar este anaco da historia, non só de Palas, senón tamén de Galicia. Aínda que ata o momento a batalla resultou infructurosa, desde os diferentes colectivos veciñais non abandoan o seu cometido. E así a súa vindeira cita será o día 25, onde se celebrará unha marcha desde Palas ata Pambre, unha comida e logo un roteiro de sendeirismo arredor do castelo. É a terceira “marcha irmandiña” que convocou a Asociación Cultural “Os Lobos” dun xeito bastante fortuito. Segundo explica, José Manuel Pérez, membro da asociación, “un día vimos na prensa que a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ía gravar o seu CD no Castelo de Pambe, e nós convocamos unha xuntanza aberta a todo o mundo e concentrámonos ó seu lado, repartimos folletos e, outra asociación aproveitou o momento para seguir recollendo sinaturas. Alí mesmo decidimos organizar unha marcha, semellante a outras dúas que temos feito para facernos eco das nosas reivindicacións”. Unhas demandas que se centran en dous puntos principalmente “a apertura ó público, total ou parcial, e, en segundo lugar, a conservación e restauración do castelo”.



Ata o de hoxe, esta asociación cultural, en conexión con outras que existen na zona, foron esgotando unha a unha as vías precisas para conseguir os seus obxectivos. O ano pasado enviaron un informe e documentación á Dirección Xeral de Patrimonio solicitanto unha intervención urxente, así como o establecemento dun horario de visitas. Algo ó que Patrimonio Respondeu que “ non existía mínimo e que non había abandono, senón que o que había era deterioro polo paso do tempo”. Con respecto ó concello, “sempre amosou o seu apoio, pero ata o momento non houbo actividades de ningún tipo e se as houbo, foron internas”.



No informe remitido á Consellería de Cultura, a Asociación Cultural Os Lobos barallaba diferentes fórmulas para o Castelo no caso de que fose reconvertido. Unhas posibles solucións que se deberían axustar ó modelo pactado entre as administracións e o propietario, e que ían desde “un centro comarcal; un museo comarcal; un museo medieval; un ecomuseo, no que se debería ter en conta que hai un espacio natural moi importante ó seu redor; podería formar parte da Rede de Paradores ou para facer cursos de verán”. Calquera solución é válida para esta Asociación Cultural, agás o feito de que o Castelo se vaia perdendo co paso do tempo. Por iso a cita do día 25 deste mes, más que unha cita cos organizadores, é unha débeda co castelo.




Ribadavia




A situación do Castelo de Os Sarmiento en Ribadavia é sensiblemente diferente. Entre outras cousas porque nel estase a realizar un plan de actuacións para a súa restauración. De feito, o Castelo acóllese ó programa do Ministerio de Cultura (que este ano anunciou un investimento de 240 mil euros para a recuperación do torreón, da zona murada e a necrópole) que se suma ás axudas da Mancomunidade Turística (que destina uns 138 mil euros para a fachada).



Sen embargo, os veciños consideran que os proxectos de intervencións son insuficientes que son “inversións que se limitan a actuacións puntuais, que serán bágoas na area e que non resolverán o delicado estado do castelo”. E como a unión fai a forza, os veciños e diferentes asociacións e colectivos agrupáronse na “plataforma cidadá en defensa do castelo, para incrementar a presión das súas reivindicacións.



E ata o momento o seu esforzo foi obtendo os seus froitos. Unha das súas primeiras actividades foi enviarlle ó presidente da Xunta un informe sobre o estado do castelo, acompañado de fotografías que avalaban as súas afirmacións. Un envío que xa tivo a súa resposta, na que Manuel Fraga e compromete a tramitar as peticións da plataforma cidadá. Un compromiso que seguirán de preto a plataforma cidadá para conseguir que un dos principais monumentos de Ribadavia manteña a súa importancia.



En ambos os dous casos, os colectivos de veciños desenvolven as súas actividades para que, mentres eles poidan evitalo, non sexan testemuñas desta perda irrecuperable.