Arte doente

Unha exposición analiza as relacións entre a enfermidade e a arte

15/3/2010 | Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:

A exposición na Fundación Seoane. Foto: Fundación Seoane

Na China, as mulleres empregaban estatuíñas de marfil para indicar con presión o lugar doente sen ter que espirse. Artistas como Frida Khalo, Goya ou José Ribera utilizaron a pintura como vía de escape para amosar as súas múltiples doenzas físicas e psíquicas. Non foron casos illados, senón que existe unha ampla relación entre a arte e a enfermidade que se analiza nunha exposición, “Amosa a ferida: arte e enfermidade”, que pecha as súas portas na Fundación Luís Seoane o 21 de marzo.

Tintoretto, José Ribera, Caravaggio, Goya… tantos e tantos artistas canalizaron o seu talento creativo nas súas obras. Pero o que a exposición “Amosa a ferida: arte e enfermidade” pretende facer vai moito máis alá de exhibir un sumatorio de pezas que representan a dor, senón que é máis o inicio dun proxecto de investigación sobre esa relación e que se pode ver na Fundación Seoane ata o 21 de marzo. “Esta primeira vista, explica David Barro, comisario da mostra, é como albergar diferentes disciplinas ou medios de expresión como a pintura, instalación, vídeo, debuxo e a fotografía, que tiveran certa relación a veces non tan directa”. E a exposición acolle un pouco de todo, pezas de trece artistas que representan a dor directamente e outras máis conceptuais. “A nosa intención foi coller unha serie de pezas, de artistas que moitas veces traballaban a enfermidade porque lles aconteceu ou porque foi clave na súa maneira de desenvolver o traballo como é o caso de Tapies, Bárbara Hammer que loita contra o cancro, ou David Negrera que ten unha enfermidade psíquica e se automutila, xunto con outros artistas que se poñen na situación de que pode ser ter unha enfermidade, como a acción sadomasoquista de Tonny Oursler que se vai pisando e collendo gusto pola dor”. Pero non todo é unha visión negativa da enfermidade, xa que hai pezas divertidas como Don Quixote esperta en Conxo de Leiro que, como o comisario explica “pretendía quitar crueza á enfermidade”. De feito, Barro pon o acento na necesidade de exercer outro tipo de ollada sobre a enfermidade “sempre o facemos desde un punto de vista impúdico, sobre o que significa a ferida dor, cercanía coa morte que fai que moitas veces a patoloxía da enfermidade nace na nosa ollada en nós mesmos, e parecíanos clave poder significar e quitar dureza a esa exposición con artistas que amosan a enfermidade de maneira menos dramática.

A dor na historia da arte
Malia que neste primeiro achegamento á enfermidade desde o punto de vista da representación artística non segue ningunha ordenación cronolóxica e existen manifestacións das doenzas en múltiples momentos, para os comisarios desta exposición (o crítico de arte David Barro e a doutora Sofía Santos) a diferenza fundamental entre as épocas pasada e o momento presente é o rexeitamento a asumir a enfermidade e as súas consecuencias, como a morte, como algo propio da natureza humana. E iso plásmase nas representación da enfermidade que se fai desde o século XX está máis focalizada no feito persoal e autobiográfico que no tratamento da mesma como un aspecto fundamental da existencia humana. Para David Barro hai un feito social e histórico como foi a aparición da SIDA que motivou un torrente de expresión creativa que “daría para unha exposición en si mesma”.

De momento, Amosa a ferida é o primeiro achegamento ou, por dicilo doutro xeito, o punto de partida que analiza algunhas manifestacións (en diferentes soportes sobre a enfermidade) que se documentarán nunha publicación. “Non é un catálogo da exposición, senón un “libro que analizará en profundidade a relación entre arte e medicina ao longo da historia, desde a antigüidade ata os nosos días e nos que traballamos tanto a profesora Sofía Santos desde un punto de vista médico, como Alberto Ruíz de Samaniego, que achegou reflexións sobre a estética da arte, e o meu punto de vista, entre outras colaboracións”.
A exposición, alén das obras artísticas, contén fondos documentais que serven para contextualizar libros de cirurxía, expositores de osos ou reproducións de partes do corpo humano.

Que che parece esta nova?
21 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega
Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

31/10/2011

Arte causal

Unha exposición reinterpreta o contexto actual da Sida

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Luís Seoane, Mulleres, Fundación Luís Seoane, David Barro...