Proxectos no camiño

O sector audiovisual continúa cos seus proxectos á espera da definición política e administrativa

A tropa de trapo é un proxecto de longametraxe de Continental e Abano Producións
A tropa de trapo é un proxecto de longametraxe de Continental e Abano Producións
Estreas, rodaxes, desenvolvemento…. A falta da convocatoria de axudas deste ano, a reorganización do Consorcio Audiovisual de Galicia como entidade que coordine a política administrativa da Xunta, as produtoras seguen co seu traballo. Tic Tac Producións presenta o luns en Santiago Que Culpa ten o tomate, Ringo Rango roda en marzo Anos despois, Filmanova Doentes e Continental ultima a gravación de O sexo dos anxos. Son só un anticipo da produción deste 2010, repasamos algunhas das historias.

Estes días ródase en Ourense, a película de Ringo Rango, Anos despois, un proxecto dirixido por Laura Gardós que conta o reencontro dunha familia trala guerra, a emigración e as diferenzas ideolóxicas. Protagonizada por Celso Bugallo, María Bouzas, Ernesto Chao e Ledicia Sola, entre outros, é un dos títulos que ficción que está en rodaxe. Ademais, Filmanova Invest está a ultimar a rodaxe doutra longametraxe de ficción, Doentes, que adapta a historia homónima de Roberto Vidal Bolaño, na que conta como o réxime franquista decidiu converter o hospital do Hostal dos Reis Católicos nun hotel e como os enfermos crónicos quedaron desperdigados por Compostela. A historia, protagonizada por Antonio Durán (Morris) e Xosé Manuel Olveira (Pico) estará dirixida por Gustavo Balsa (Secuestrados en Xeorxia). Prevista para rodaxe tamén está O sexo dos anxos, co que Xabier Villaverde volve a dirixir unha comedia romántica arredor dun triángulo amoroso. O filme, que conta no reparto con María Valverde, conta a historia dunha parella nova que vive feliz ata a chegada dun mozo sedutor e aventureiro que provocará neles un verdadeiro cataclismo emocional. A previsión de Continental é rodar este título entre xuño e xullo. Ademais destes, tamén está prevista para rodaxe o documental Fraga e Fidel, sen embargo, no encontro que os dirixentes políticos realizaron en 1992 cando Fidel veu visitar a localidade na que naceu seu pai; ou de Clangor: o documental. Vaca Films, a produtora de moda despois do éxito de Cela 211, enfila co mesmo rigor profesional a rodaxe de Secuestrados. Na súa liña de traballo habitual, Vaca está a rodar en Madrid un violento thriller guionizado e dirixido por Miguel Ángel Vivas (co-escrito xunto con Javier García) que conta a historia dun “secuestro express” por parte dunha banda do leste a unha familia española que dura unha soa e angustiosa noite. A nova película de Vaca, que confirma que o proxecto Ollos de auga cae da súa axenda de traballo, está protagonizada por Fernando Cayo (El orfanato, ou Concursante), Ana Wagener (El bola, Biutiful), Manuela Vellés, coa que xa traballou en Retornos, pendente da estrea.

Máis rodaxes previstas, entre as anunciadas está que nesta primavera se rode Emilia Pardo Bazán, a Condesa Rebelde por parte de Zenit Tv. Trátase dun filme para televisión de carácter histórico que pretende dar a coñecer aspectos menos coñecidos da escritora; ou As reliquias do Santo, dirixida por Toño López Ríos e que trata unha historia de asasinos e intrigas ambientadas na Galicia do século XII. Para este 2010 tamén está previsto a nova película de Ángel de la Cruz, Cinematógrafo (producida por Manuel Cristóbal) e, mentres, a Navalla Suiza está a facer Eu falo documental colaborativo sobre a lingua e os falantes. Precisamente a mesma temática que aborda, Entre linguas, o proxecto que distribúe Amen Cinema.

A animación
Tendo en conta que a Lei do Audiovisual galego destina un apartado específico para a animación e que existe unha canteira creativa en Galicia nesta materia, cómpre non esquecer este xénero. IB Cinema acaba de rematar a rodaxe de Vicenta, o remake feminino de Frankestein que orixinou a construción de máis de doce mil miniaturas e unha banda sonora coas voces de Santiago Segura, Esperanza Lipe e Marta Poveda. Un filme que dará paso a Ramón, longametraxe stop motion, que fará parodia dos filmes de terror máis míticos da historia do cinema. Continental Produccións xunto con Abano Producións preparan A tropa de trapo , unha longametraxe de animación que conta a viaxe da pequena Mumu para conseguir o seu soño: Ser unha super-estrela. Un percorrido no que non estará soa e descubrirá que debemos querer aos demais tal e como son e non polo brillo que aparenten ter. Continental Producións tamén ultima Regina Verbum, unha historia de intrigas, traizóns e ambientación medieval, reconstrúe a paisaxe da Galicia dos séculos XII e XIII, e concretamente da cidade de Santiago de Compostela, cunha catedral en plena construción. Fernando de Castro e Juan Pablo Etcheverry combinan este proxecto que mestura imaxe real e animación en 3D. Na mesma liña de traballo habitual, Bren está a desenvolver a longametraxe de animación Copito de Neve, que consistirá na integración de imaxe real e 3D, seguinda a liña de Pérez, o ratiño dos teus soños e na que recrea a chegada ao zoo de Barcelona, nos anos 60, do único gorila albino coñecido do mundo.

Rematadas pero pendentes de estrea están 18 comidas proxecto experimental de Jorge Coira baseado na improvisación, o mesmo autor que o luns estrea no teatro principal Que culpa ten o tomate, que observa os mercados populares de sete países iberoamericanos que nos envolve nas súas diferentes culturas e formas de vida. Canda estes, figuran Fútbol de alterne, filme protagonizado por Fran Grela e Camila Bossa que conta a historia dun clube de fútbol modesto é patrocinado por un local de prostitución da mesma vila; ou Tralas luces, documental sobre o estilo de vida dos feirantes feito por Sandra Sánchez Cachaza. Pero son só algunhas das historias que se traballarán, construirán e se estrearán neste 2010.