Iniciativas galegas para o Día Internacional da Paz e a Non-violencia

Para a paz

| Santiago. Redacción | Seccións: Sociedade
Compartir:

Ante a celebración o vindeiro 30 do "Día Internacional da Paz e a non violencia", varias entidades culturais galegas veñen de por en marcha diversas actividades conmemorativas. Así o Seminario Galego de Educación para a Paz fará entrega dos seus galardóns "Portapaz" e "Contrapaz" e a Associaçom Sócio Pedagógica Galaico-Portuguesa realizará un ciclo de cinema edutacativo sobre a paz. Asimesmo, máis de douscentos centros de ensino de toda Galicia teñen programadas actividades para esta data.

Seminario Galego

O Seminario Galego de Educación para a Paz ven de presentar o Programa para a Paz e a Xustiza para o Século XXI, consistente en material de apoio ó profesorado para organizar actividades sobre este tema. Ademais, e pensada específicamente para este día, está dispoñible na rede a unidade didáctica "Aprende a convivir, estarás máis a gusto, serás máis feliz". Xa son máis de 200 os centros de ensino que realizarán actividades arredor destas propostas. Ademais, o seminario entregarálles ás sete da tarde do día trinta os premios Portapaz e Contrapaz 2000, a Carmen Sarmiento e o Círculo de Empresarios de Madrid respectivamente. Os actos celebraranse no Clube Internacional de Prensa de Santiago de Compostela, e irán seguidos dunha cea.

ASPGP

A Associaçom Sócio Pedagógica Galaico-Portuguesa (ASPGP) celebrará esta data organizando un "Ciclo de cinema educativo sobre paz" co Cine Clube Minho e o Cineforum de Ourense. Os filmes escolleitos son "Carreiros de gloria", "Sopa de ganso", A grande ilusión", e "Ghandi". As películas proxectaranse na aula cultural de Caixa Galicia ás sete da tarde entre os días 23 e 30 de xaneiro. A entrada e gratuíta e os asistentes a tódalas proxeccións recibirán un diploma por vinte horas, válido para concursos. Ademais do ciclo de cinema, a ASPGP editou tamén unha unidade didáctica específica sobre "Paz e non-violencia".

Día Internacional da Paz


A celebración do Día Internacional da Paz instaurouse hai trinta e oito anos para conmemorar o aniversario da morte de Mahatma Ghandi, destacado líder do movemento da non-violencia. Nesta data preténdese realizar un chamamento ós educadores para que asuman a súa responsabilidade en realizar unha educación nestes valores.

Que che parece esta nova?
9 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Cine, Educación, Ensino, Morte...