Galicia, Aragón, Castela e León, Navarra e A Rioxa coordinarán as súas actuacións arredor do Camiño Francés. O Consello da Xunta aprobaba esta mañá o protocolo de colaboración para pór en marcha esta iniciativa. Entre outros proxectos, as comunidades pretenden marcar, co nome Fitos do Camiño 21 elementos de interese no contorno da ruta. Tamén prevén a elaboración dunha peregrinaxe musical coa realización de varios concertos a cargo do Coro Accentus e mais a creación do programa Patrimonio Aberto, un folleto que indicará a localización e horarios de diferentes monumentos. Para alén, as actuacións desenvolvidas dentro deste marco contarán cunha sinalización e un deseño comúns.