O escritor Xosé Neira Vilas recibiu das mans do conselleiro de Cultura, Roberto Varela, o Premio Laxeiro 2010. Trátase dun galardón que xa vai pola súa sétima edición que premia a figuras destacadas da cultura de Galicia e que concede a Fundación Laxeiro. Para Roberto Varela, existen afinidades entre o pintor lalinense e o escritor homenaxeado: "as afinidades, non tanto electivas coma biográficas e circunstanciais, entre estas dúas figuras clave do noso século vinte, comezan pola súa relación con Galicia, unha relación a miúdo mediada pola distancia da emigración. Laxeiro e Neira Vilas coñecéronse de feito hai case sesenta anos, na biblioteca do Centro Galego de Bos Aires".