A recuperación do Castelo da Rocha pon en valor o patrimonio histórico da periferia de Santiago

Memoria dun castelo invisible

Foi a chave da defensa de Compostela, o instrumento da opresión da nobreza sobre os labregos e o refuxio de arcebispos expulsados durante as revoltas burguesas. Viviu a guerra, o asasinato e a traizón, e ata hai pouco, as súas ruínas estaban sepultadas no medio das silveiras. É o Castelo da Rocha, que o Concello e a Universidade de Santiago están a recuperar para crear un parque arqueolóxico.

Unha vella, sentada nun podio, ve pasar os coches ó carón da estrada que une Santiago con Padrón, despois da Ponte da Rocha. Ó achegarse ó castelo, hai varios meses, a vella contaba que os veciños da Rocha mantiveran conversacións con responsables do Concello para acondicionar as ruínas do castelo. “¿E non sabe vostede se iso dará cartos?”, preguntou a vella chusca.



É un bó inicio da concienciación veciñal. A Asociación Cultural Rocha Forte, formada por veciños da zona, moveuse a reo nos últimos anos para concienciar ós responsables políticos da importancia do que eles xa chamaron o "tesouro oculto" baixo a matogueira. Aproveitar o patrimonio para tirar máis beneficios do territorio e conseguir axudas municipais. Por parte do Concello, a iniciativa foi aprobada: permitirá estender os circuítos turísticos da cidade. A Rocha, A Rocha Forte, que é un dos nomes que tiña o castelo, levaba séculos de esquecemento. Situado na entrada de Santiago, ó carón da Ponte do mesmo nome na estrada Padrón-Compostela, o castelo só era visitado por afoutados investigadores que tentaban entrever algo entre as matogueiras, silvas e toxos e polos rapaces que facían aventuras de verán na cripta aínda en pé.



Estudios entre pedras

Nestes momentos, un grupo de arqueólogos e historiadores dirixidos polo profesor de Historia Medieval Ermelindo Portela están a realizar a primeira fase do plan do Castelo da Rocha. Basicamente, consiste en saber que hai embaixo da espesura das ruínas, pescudar nos arquivos históricos, explorar outros xacementos arqueolóxicos na zona de Conxo e comprobar o estado do recinto, que se calcula que ocupa uns 4.000 metros cadrados. Contan para iso con 120.000 euros. Co informe resultante, o Concello de Santiago deberá decidir como preparará o Parque Arqueolóxico, que axudará a completar a oferta de coñecemento histórico de Compostela e como se realizará a intervención arqueolóxica no recinto. A Igrexa, propietaria do terreo dende a época medieval, cedeu ó Concello a finca por 50 anos.



Son os primeiros pasos, pero a Rocha xa está dando moito de seu. Segundo declaraba Ermelindo Portela a La Voz de Galicia, “non esperabamos tanto e aí os documentos reveláronse particularmente alumeadores, porque nos orientaron na reconstrucción dos trazados e das comunicacións do castelo co seu contorno con moita precisión”.




Un punto estratéxico

Sen embargo, o Castelo da Rocha foi decisivo na configuración do Santiago medieval que hoxe temos a oportunidade de ver. Era o refuxio dos arcebispos de Compostela, o lugar onde meterse cando había problemas. Algo semellante ó Castelo de Sant’Angelo en Roma para os papas. De poucos castelos galegos se conserva unha historia tan apaixonante. Construído no século XIII, o castelo exercía como punto de control para o camiño do mar, como primeiro posto de defensa ante previsibles invasións que puidera entrar, a través da Ría de Arousa e o Río Ulla, contra a cidade, e tamén como un lugar estupendo, ó carón do camiño principal, para cobrar os tributos ós comerciantes que traían mercadorías á cidade. Este foi o motivo principal de que o castelo, ó contrario do habitual, se colocara ó carón do río, no fondo dun val, e non nunha posición alta.



Algúns dos momentos máis intensos da súa historia vivíronse durante o convulso século XIV. O Papa Xoán XXII nomea ó francés Berenguel de Landoria arcebispo da rica e influínte sé de Santiago de Compostela. E envíao para un territorio nada doado de manexar, o do Reino de Galicia, dividido en belicosas faccións e bandos. De feito, cando Berenguel chega a Santiago, a cidade está levantada en armas contra o Arcebispo. Os burgueses composteláns querían conseguir que o Concello pasara a depender da Coroa no canto da Igrexa, e así aproveitar as avantaxes de ter ó señor moi lonxe da cidade. Berenguel de Landoria refúxiase no Castelo da Rocha e dende alí acomete as negociacións cos burgueses. Despois de meses de enfrontamentos, prodúcese un sanguento episodio. Unha embaixada de burgueses en representación do Concello de Santiago acude á Rocha para negociar. Os soldados do arcebispo, bruscamente, pechan tódalas portas do Castelo e asasinan ós representantes da cidade. Era o 16 de setembro de 1320, o día da ira. Once representantes composteláns caen mortos no patio do Castelo.




No tempo das Irmandades


No século XV, a Rocha convertérase nun edificio odiado e temido polos labregos da zona. Durante as décadas de 1450 e 1460, os soldados do arcebispo agrupados no destacamento da Rocha rouban o gando, secuestran labregos e violan mulleres. As denuncias quedaron rexistradas para o futuro no Libro do Concello de Santiago. No medio do trebón social que supón a Revolta Irmandiña, na que os labregos e mariñeiros galegos se ergueron contra a aristocracia, o Castelo da Rocha, como símbolo da opresión feudal, é atacado e derribado. O castelo, polo tanto, conserva entre as súas ruínas aínda trazos de guerra. Durante a investigación que se está a realizar, este estado de guerra aínda se percibe. O equipo atopou entre as ruínas uns sesenta proxectís de pedra posiblemente destinados ó uso de catapultas.