A carta do galego

Moitas das posibilidades da Carta Europea das Linguas Minoritarias para a nosa lingua están sen explotar

De xeito periódico, saltan aos titulares dos medios denuncias de que os gobernos estatal ou autonómico están a incumprir a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. A realidade é que o compromiso do Estado con este texto implica a obriga de desenvolver unhas políticas de apoio e promoción da nosa lingua que en boa medida van moi para alén do recollido na actual lexislación autonómica. Entre hoxe e mañá, unhas xornadas no Consello da Cultura Galega analizan a situación e posibilidades deste texto.

Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago é a coordinadora dun encontro que conta coa presenza dalgúns dos máis destacados especialistas europeos na Carta, incluíndo membros do comité de expertos que avalía a súa aplicación. Nomes coma Simone Klinge, do propio Secretariado da Carta, Robert Dunbar, da Universidade de Aberdeen ou Elizabeth Craig, da de Sussex son algúns dos relatores no evento. Segundo explica a coordinadora, “o encontro quere ser unha análise detallada e por sectores do que significa a Carta, e como en moitos ámbitos pode supor cambios na normativa interna. Para alén tamén se tratará como ten sido a práctica do Consello de Europa encol deste texto mediante os informes das comisións de expertos, e como foi evoluíndo a súa interpretación”.

A carta
Á hora de falarmos sobre este texto, cómpre ter claro que a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias é un tratado internacional que promoveu o Consello de Europa e que foi ratificado por diferentes países do continente, entre eles o Estado Español, que se sumou en 2001. Polo mesmo, cada asinante adopta o compromiso de desenvolver medidas de apoio e promoción de cara a estes idiomas, aínda que a fórmula da Carta permite que cada Estado seleccione dentro dunha gama as iniciativas de protección ás que se compromete dentro, iso si, duns epígrafes de obrigado cumprimento. O texto recolle espazos como a xustiza, a administración, os medios de comunicación, a vida económica e social e mais as relacións transfronteirizas entre linguas idénticas ou próximas, e presta especial atención aos ámbitos da educación e a cultura.

A obrigatoriedade
Ao falarmos dun tratado internacional, aprobado polas Cortes Xerais en 2001, a Carta fai parte do ordenamento xurídico estatal. Segundo explica Alba Nogueira, “o compromiso coa Carta afecta a todos os niveis desde o punto de vista político e institucional. É unha norma internacional de obrigado cumprimento que, de entrar en contradición con outras normas vixentes, obriga a modificalas”, lembra Nogueira. Deste xeito, por exemplo, atopamos que o Estado, incluíndo tanto o Goberno Central como o Autonómico, ten compromisos a prol da nosa lingua aínda inéditos en Galicia pero que, atendendo á Lei, deberían estar a se implementar. Para Nogueira, o incumprimento do pactado é algo común. “Segundo estudos de diferentes especialistas publicados polo Consello de Europa, para moitos países ratificar a carta é como pór unha medalla. Pero despois non adoptan medidas para garantir o cumprimento deses obxectivos. E España é un deles. Como tiña en moitas comunidades un ordenamento lingüístico relativamente avanzado, pensouse que xa abondaba”. De feito, ao estaren as competencias sobre linguas minoritarias en mans da autonomías, a miúdo é a lexislación destas a que máis directamente entra en conflito co tratado internacional.

O ensino
Un exemplo decisivo neste campo, e de plena actualidade pola proposta de Decreto para o Bilingüísmo do actual Goberno da Xunta, é o ensino. O Consello de Europa insiste que a Educación é un vehículo preferente para consolidar as linguas minoritarias e conseguir que superen a súa discriminación. “No ámbito do ensino, en varias comunidades non se cumpren os compromisos que adquiriu España”, lembra Nogueira. “Por exemplo, aceptou o punto no que se establece que debe existir como mínimo unha liña de ensino integramente lingua minoritaria en todos os niveis educativos do Ensino Obrigatorio”, explica. Isto implica que nin sequera o Decreto do Galego aprobado polo goberno bipartito da Xunta chegou a cumprir o acordado neste documento. “Os informes dos especialistas neste campo sinalan que só se fai deste xeito en Euskadi e Cataluña. Si felicitaron a aprobación do decreto do bipartito por considerar que era un paso no camiño correcto”. Malia a que España apostou por se comprometer ao máximo nivel coa presenza das linguas no ensino, ao chegarmos ao ámbito universitario atopamos que ese apoio diminúe. “Nos puntos de cumprimento voluntario, o compromiso máis discutible a nivel estatal é na Universidade, onde España escolleu o nivel máis baixo”, sinala esta profesora. Segundo isto, só se prevé “alentar ou autorizar” a posta en marcha de ensino universitario ou superior na nosa lingua. Para Nogueira, “Deberíamos estar no nivel un, que é garantir o ensino na lingua propia no Ensino Universitario. O nivel dous supón garantir que se ensina a lingua propia a nivel universitario, o cal está na realidade xa cuberto, como demostra a existencia das facultades de Filoloxía”.

Xustiza
Ainda que, como xa comentamos, moitas das medidas a prol da lingua dependen nesta altura da normativa autonómica, non deixa de haber ámbitos que fan parte das competencias do Goberno Central. “Un dos casos máis claros é o da Administración de Xustiza”, explica esta especialista. E é que a Carta apunta que, por petición dunha das partes, os xuízos deben celebrarse na lingua minoritaria. “Iso esixiría unha mudanza na Lei Orgánica do Poder Xudicial, e iso non se fixo”.

As fronteiras da lingua
O apartado da Carta que se centra nas relacións transfronteirizas, pensado para aquelas linguas que se distribúen entre distintos territorios, ten tamén a súa importancia para o noso país. Deste xeito, o texto aprobado por España sinala que non se pode circunscribir a protección dunha lingua por fronteiras administrativas que non coincidan coas lingüísticas. “Isto pode ter importancia para o galego en Asturias ou en Castela e León”, explica Nogueira. Do mesmo xeito, este epígrafe tamén afectaría ás relacións con Portugal, e dá amparo, por exemplo, á reivindicación de que se poidan recibir as cadeas televisivas do país veciño en Galicia. En concreto, a carta fai referencia a que “as partes comprométense a garantir a liberdade de recepción directa das emisións de radio e televisión dos países veciños nunha lingua utilizada baixo unha forma idéntica ou próxima dunha lingua rexional ou minoritaria”.

A presenza en órganos políticos
Unha das reclamacións lingüísticas que se recupera de xeito recorrente nos últimos anos é o emprego de linguas minoritarias nas Cortes, na relación coa administración central, e mais no Europarlamento. Para esta profesora, “a Carta non contempla os ámbitos de representación política. Si que fala sobre a administración, e indica que, en habendo un número representativo de falantes, debe existir atención na lingua correspondente. Aínda que non están obrigados, se sabemos que Parlamento Europeo se traballa con preto de vinte linguas, introducir as linguas minoritarias no español sería moi sinxelo”.

Os medios e a cultura
O compromiso estatal coa Carta chega ao punto de garantir que existan medios de comunicación de todo tipo en lingua propia, para o que se considera mesmo a posibilidade de achegarlle apoio económico á creación dos mesmos. E é que as posibilidades de intervención dos poderes públicos neste campo, mesmo á hora de condicionar os axentes privados, é moi grande. “Iso vese en cuestións como a excepción cultural francesa no cinema, e o mesmo o decreto que aprobou o goberno central a respecto ao español. Hai un decreto que establece que os teclados de dispositivos electrónicos que se comercialicen en España teñen que levar o Ñ, e no propio preámbulo di que se fai por preservar a identidade española” explica a xurista. Neste encontro, abordará esta cuestión Íñigo Urrutia, que fala encol da “paisaxe lingüística”, é dicir, que a lingua propia dun lugar se faga patente no contorno, por exemplo, mediante a rotulación de comercios.

O control
Dado que incumprimento da Carta non pode ser denunciado por vía xudicial, o que impide a execución de medidas sancionadoras, os informes dun comité de expertos son a principal ferramenta do Consello de Europa para verificar como evolúe a política lingüística dos asinantes. “Pode ter eivas pero tamén ten algo moi positivo, que é que non só lle fan caso ao que lles din os Estados”, lembra Nogueira. Entrevistas con diferentes ONG e con especialistas, e mesmo visitas ao terreo investigado son ferramentas a disposición deste organismo para elaborar os seus dictames. “Aquí mesmo ten pasado coa Administración de Xustiza, que se lles dixo que unha porcentaxe moi alta das sentenzas estaban en galego, e logo de se entrevistas con varios xuíces comprobaron que non chegaban a un 4%”. Nese sentido, o Consello de Europa recoñece no entanto que a diferenza de medios entre Estados e ONG dificulta que estas últimas poidan achegar información de conxunto ao nivel dos primeiros.

O futuro
Nese campo, semella que o camiño vai cara a unha maior estandarización do cumprimento da carta nos diferentes países. Aínda que os compromisos sexan diferentes en cada un, a intención e buscar unha maior harmonía nos criterios de análise sobre os diferentes países. “O que si se está a comprobar nos países nos que se está a aplicar é que os informes dos expertos si que provocaron avances na situación desas linguas, con mudanzas normativas e no funcionamento dos poderes públicos ou do ensino”, explica a coordinadora destes encontros. E é que a lexislación está xa aí, só cómpre aplicala.