GastroAtlántida

O Fórum Gastronómico de Santiago 2010 comeza esta fin de semana ata o mércores

Auditorio do Fórum na anterior edición. Foto: Fórum Gastronómico
Auditorio do Fórum na anterior edición. Foto: Fórum Gastronómico
Esta fin de semana comeza en Santiago o Fórum Gastronómico 2010 As Cociñas do Atlántico, a segunda edición do principal evento gastronómico do país. Unha intensa programación destinada ao público xeral esta fin de semana –O Fórum Cidade- que aproveita as posibilidades urbanas de Compostela para a divulgación gastronómica e as combina cun potente programa profesional de luns a mércores. Repasamos os principais fitos desta nova edición que pula por unha visión atlántica da gastronomía contemporánea.

Os precedentes
No ano 2008 púxose en marcha unha iniciativa de alto alcance gastronómico en Santiago de Compostela: o Fórum Gastronómico, creando unha versión compostelana dun evento celebrado de xeito bianual en Girona organizado pola firma Palau, Von Arendt & Associats. Co compromiso do concello de Santiago de Compostela. O compromiso rubricaba a alternancia da celebración do Fórum Gastronómico, organizándose un ano en Santiago de Compostela e o seguinte. A aposta do Fórum Gastronómica –unha converxencia entre divulgación, intercambio profesional con algunhas das principais estrelas da gastronomía galega e internacional e o espectáculo. A proposta frutificou nunhas espectaculares cifras de asistentes que revelaban que en Galicia existía público para unha nova visión da gastronomía.

O Fórum 2010
O Fórum 2010 divídese na programación de fin de semana e no congreso profesional. A programación de fin de semana divide claramente o sábado, no que o escenario é a propia cidade, en actividades, concursos, catas con maridaxe, tours gastronómicos, poxas de viño e arte ceas a cegas no Hostal dos Reis Católicos e os “Merco e cociño con…”, unha orixinal actividade na que os participantes van ao mercado cun destacado cociñeiro (desta volta Flavio Morganti e Marcelo Tejedor) e logo cociñan os produtos que mercaron con eles. O domingo, sen embargo, a acción trasládase ao recinto feiral de Amio, onde canda os stands, haberá presentación, catas e obradoiros de cociña e produtos tradicionais e innovadores. A innovación deste ano será a proposta de gastronomías locais, como a gastronomía da montaña ourensana ou a do Eume. O equipo de investigación da exposición Ao pé do Lar tamén presentará as seis receitas xurdidas do proceso de investigación.

O congreso profesional
A programación do congreso profesional este ano concederá unha gran importancia aos obradoiros no que os asistentes degustan e aprenden técnicas gastronómicas de man de destacados especialistas. O Fórum Gastronómico este ano optou por potenciar a visibilidade das outras gastronomías atlánticas. Bretóns, portugueses ou escandinavos serán algunhas das apostas máis relevantes do congreso. Ferrán Adrià presentará os proxectos para El Bulli cando se reabran as actividades públicas do restaurante no 2014 e o Fórum Viño deterase especialmente no concepto de ‘terroir’, de variedades únicas fronte ás dinámicas enolóxicas da globalización.