O futuro do Primitivo

O Camiño Primitivo é unha das vías Xacobeas con máis eivas e máis posibilidades

É un dos elementos do noso patrimonio que na actualidade conta con máis posibilidades de ser recoñecido pola UNESCO. No entanto, o Camiño Primitivo a Santiago carece aínda de delimitación e da correspondente protección legal, o que provoca que o seu contorno inmediato estea seriamente ameazado. Unha plataforma nada en Lugo está a loitar para conseguir o seu recoñecemento e defende a importancia dos valores culturais e naturais desta ruta.

O pasado 18 de xaneiro dábanse a coñecer os traballos que se están a desenvolver en Lugo con vistas a crear unha plataforma en defensa do Camiño Primitivo. Colectivos como ADEGA, o Colexio de Arquitectos, a Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar de Donas, Lugo Patrimonio, a Asociación Galega do Camiño de Santiago ou Amigos do Camiño Primitivo, entre outros colectivos, están a se organizar con vistas a defender unha ruta xacobea que consideran abandonada polas administracións. Entre as súas reclamacións inmediatas está que se finalize o proceso de delimitación desta vía e a súa declaración como Ben de Interese Cultural.

A importancia histórica
Ricardo Polín é un dos maiores especialistas sobre esta ruta na actualidade. Á hora de falar da súa importancia historica e patrimonial, destaca que “o primeiro que habería que pór de relevo é que estamos a falar do primeiro camiño xacobeo”. A peregrinación de Afonso II desde Oviedo a Compostela por esta vía é o comezo da tradición xacobea, xa no século IX. “A vía enlaza tres cidades Patrimonio da Humanidade”, lembra Polín. “Ademais, tamén enlaza con outra tradición tan antiga como o camiño que son as peregrinacións a San Salvador de Oviedo. Tratábase de romarías tradicionais que en ocasións visitaban os peregrinos ao voltar de Compostela”. Dada a antigüidade da ruta, non nos debe sorprender que nas súas proximidades se conserven os restos dos máis antigos hospitais para peregrinos que se coñecen. “Hai exemplos destacados, como o que fundou Pedro I en Santiago de Montouto, na Fonsagrada, de 1354, e no que aínda se pode ver o conxunto das albergarías, as capelas e mesmo un forno. Tamén na Póboa de Burón hai restos de cinco destes edificios, e en Melide consérvase un preto de onde converxen os camiños Primitivo e Francés”, apunta.

Outras pegadas
Para alén destas mostras, os restos medievais espállanse ao longo do camiño. “Tamén se pode ver unha importante rede de lazaretos vencellados á ruta. Aparecen en moitos puntos, e hai unha historiografía moi clara do paso de camiñantes. Existen referencias documentais onde se explica que era obrigado atender a xente prestándolles auga, lume e sal”, explica este investigador. Para alén dos obvios restos medievais, a ruta achega tamén pegadas romanas, xa que parte da mesma coincide coa antiga Vía XIX, que unía Lugo con Iria Flavia. Do mesmo xeito, tamén percorre outras estradas desa época que estaban vencelladas ás minas de ouro de Galicia e de Asturias. Precisamente na capital da provincia abondan as pegadas do tránsito de peregrinos, tanto na propia muralla como en diferentes edificacións que, segundo Polín “conformaban un complexo moi vasto de acollida de peregrinos”.

Un camiño natural
Ademais da importancia obvia cultural e patrimonial desta ruta, o Camiño Primitivo posúe tamén un grande potencial a nivel ecolóxico. Segundo explica Adela Figueroa, presidenta de ADEGA, “como asociación ecoloxista vimos unha grande degradación e pouca protección dos valores naturais vencellados á ruta”. Conxuntos como o sistema da Marronda, ou as paisaxes da Fonsagrada son algúns dos elementos destacados desta zona. “Para min o máis destacado é que esta póla do camiño non está tan urbanizado, polo momento, como outras, e aínda conserva zonas máis salvaxes”. No mesmo sentido, Polín advirte que “a Ruta Primitiva segue a ser un vieiro tradicional, que en moitos tramos vai por camiños de montaña e atravesa pequenas poboacións, bosques autóctonos ou ríos e que conserva arquitecturas populares. Sufríu menos agresións das grandes infraestruturas, e iso é algo que habería que conservar. Nese sentido é a antítese do Camiño Inglés, que practicamente pasou a ser unha estrada asfaltada”. Este investigador salienta elementos de interese etnográfico coma cruceiros, petos de ánimas, milladoiros ou capelas relacionado coa cultura do camiñante ao longo de todo o percorrido.

Protexer o patrimonio, protexer o medio
Para ADEGA, a protección do camiño pode facer desta ruta un elemento que favoreza a conservación natural, grazas as restriccións que impón a protección dos camiños a nivel de construcións e intervencións no seu contorno. “Queremos impulsar que a ruta se faga tamén un corredor verde, vencellado á Cordilleira Cantábrica e mais aos picos de Europa. Ao se protexer o itinerario, moitos animais e plantas vanse instalar no seu contorno de xeito natural. Facilitaríase a conservación de soutos, carballeiras ou árbores senlleiras que aínda están sen catalogar e que poden ter especial importancia pola súa proximidade ao camiño”, sinala. “Agora mesmo, ao non estar delimitado, permítese a política do ``ti vai facendo´´. Hai quen tala un souto, como aconteceu xa en Castroverde, ou tenta pór unha canteira como se fixo na pena Branca, en Castroverde”, explica Figueroa. “Pensamos que o camiño pode darlle vida a unha zona interior de Galicia que é a máis esquecida. Cremos que a ruta pode dar riqueza, e non queremos que teña unha protección de fanal ”, conclúe.

Os límites do camiño
A delimitación desta ruta, como o doutros camiños, é unha arela de hai xa anos. En 2006 destináronse de xeito específico a esta variante 635.000 euros, sen que polo momento teñan rematado eses traballos. Segundo lembra Ricardo Polín “o proceso abriuse co bipartito pero non se deu rematado. Aínda que os traballos están moi avanzados, falta expolos ao público. Hai que pensar que a delimitación non afecta só á traza física do camiño, senón tamén aos elementos que están vencellados ao mesmo, incluíndo a paisaxe”. O trámite é fundamental para conseguir a declaración do espazo como Ben de Interese Cultural e establecer, polo tanto, unha área de protección do seu contorno que obrigaría a solicitar permiso a Cultura sobre calquera intervención no mesmo, tal e como establece a Lei de Patrimonio. Do mesmo xeito, a Lei de Protección do Camiño de Santiago aféctalle a esta ruta, e establece unha área de protección de trinta metros a cada beira que pon baixo titela da Consellaría calquera actuación que se desenvolva na mesma, e dálle competencias mesmo sobre a organización de explotacións agrarias. Do mesmo xeito, o texto impide as actividades mineiras, a publicidade ou a extracción de grava e area nas proximidades da ruta.

A UNESCO
Malia a falta de delimitación, o Camiño Primitivo está na liña de saída para que España o presente como candidato a ser declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. En 2006 este elemento pasaba da lista de agarda á oficial do Consello do Patrimonio Histórico Español canda a Torre de Hércules e mais o Ferrol da Ilustración. Acontece, ademais, que o recoñecemento desta ruta é máis sinxela ao supor unicamente unha ampliación do que xa ten o Camiño Francés. “A proposta aféctalle a esta ruta e mais á da costa, pero para darlle este nivel de protección cómpre identificalo correctamente” insiste Polín.

Investimentos
No entanto, non se pode dicir que o camiño estea totalmente esquecido polas administracións. A ruta está sinalizada e recollida como un dos itinerarios xacobeos oficiais nos webs da Xunta, e conta cunha rede de albergues propia. “A comezos dos ano 90 fíxose unha itinerarización e sinalización ás présas. Marcáronse delimitacións erradas que cómpre corrixir. Neste tempo déronse invasións do camiño por particulares, e mesmo en Toques desfíxose un quilómetro de calzada de pedra para ampliar, con fondos europeos, unha estrada. Hai cousas incribles que pasan todos os días”, explica Polín. Dentro do Plan Corrector do Camiños, a vía recibirá un investimento de 1.316.000 euros. Dentro destes, desenvolveranse reparacións viarias e de albergues (100.000 euros), sinalización do trazado (130.000) e tarefas de mantemento e conservación (750.000 euros) ao longo de 127 quilómetros. Canda a estes investimentos, Cultura anunciou un total de 2.948.000 euros para esta ruta, na súa maior parte destinados á construción e adecuación de albergues. Canda a isto, abordaranse traballos de rehabilitación en Santa Cruz de Retorta, en Guntín, Santiago de Prógalo e San Miguel de Bacurín, así como na Igrexa do Carme, en Lugo.

O crecemento
O Primitivo non é en absoluto unha das vías máis transitadas polos peregrinos. Segundo as cifras de 2009, escolleron esta opción 11.388 camiñantes, o que o deixa no penúltimo posto, só por diante do Camiño Inglés, aínda que a pouca distancia do percurso Norte. No entanto, e malia a ese denunciado abandono administrativo, é unha das rutas que está a amosar un maior crecemento. Dá boa fe disto o incremento de pernoctacións que se deu no mesmo, que pasou de 23 no mes de xaneiro do último Xacobeo (2004) a nada menos de 122 no primeiro mes de 2010. Precisamente o feito de estar menos transitado e de atravesar unhas paraxes menos modernizadas son valores que animan a moitos a optar por esta vía.

Agarda agora un ano decisivo no que se han verificar as posibilidades de crecemento deste itinerario. Podemos agardar un maior protagonismo mediático da ruta, cunha incrementada afluencia de camiñantes e diferentes accións reivindicativas desta ruta da man da nacente plataforma. Queda por ver ata que punto avanza tamén a actuación administrativa sobre o camiño, e se veremos en breve unha nova ruta recoñecida pola UNESCO no país.