Nace o Centro Arqueolóxico do Barbanza como espacio pioneiro para a divulgación da prehistoria

Confín dos verdes castros

Á beira dun dos máis interesantes complexos urbanos da Idade do Ferro en Galicia, os Castros de Neixón, en Boiro, nace o Centro Arqueolóxico do Barbanza. Un espacio no que se integra o patrimonio arqueolóxico dunha comarca e a divulgación da nosa historia máis remota nun menú para tódolos públicos.

A primeira vez que un inexperto ve unha mámoa –unha tumba megalítica, que pode chegar a ter máis de 4.500 anos de antigüidade, en forma de pequeno montículo- pode amosar un aceno de incredulidade. Se o que lle amosan é un petroglifo, pode deixar os ollos sobre a pedra para captar os matices da figura que está representada. E se visita algún dos máis de dous mil castros en estado selvático que hai en Galicia, pode rirse cando lle sinalen que aquelo de alá é unha parte da muralla da cidade-fortaleza.



Galicia está chea de restos prehistóricos. É un dos territorios máis densos de Europa en tumbas megalíticas, por exemplo (van alá máis de 4.000 anos), en petroglifos (que chegan dende esas mesmas datas ata a Idade Media ou Moderna) ou en castros (que foron adoptados como residencias no país nun momento impreciso entre o final da Idade do Bronce (sobre o 800 a.C.) ata a época romana e medieval. Pero en moitos casos, é preciso unha certa información para comprender o que se está a ver.



Un lugar para comprender

Este numeroso patrimonio prehistórico é na súa maior parte descoñecido pola poboación. Para contribuír ó seu coñecemento entre os estudiantes, os estranxeiros e o público xeral, o Concello de Boiro e a Xunta de Galicia veñen de crear o Centro Arqueolóxico do Barbanza na parroquia de Cespón.



O Centro está encravado nun municipio dunha excepcional riqueza arqueolóxica e ó carón dos Castros de Neixón Grande e Neixón Pequeno. Segundo se chega ó complexo arqueolóxico, os visitantes xa poden ver o edificio da instalación. Despois, xa introducíndose na pequena e preciosa península do Neixón, aparece primeiro o castro de Neixón Grande, cos restos dun foxo e unha potente muralla. Este castro, a penas escavado, segue a ser unha incógnita. Descendendo pola costiña, a uns cen metros, o castro de Neixón Pequeno aparece deitado sobre o mar. Trátase, posiblemente, dunha das vilas da Idade do Ferro máis antigas de Galicia. Alí, nos anos 20, o arqueólogo Florentino López Cuevillas atopou restos dun “arybalos” púnico, un anaco de vidro policromado procedente das factorías cartaxinesas do Mediterráneo, e que segundo o arqueólogo Francisco Calo, posiblemente data dos séculos V ou IV a.C. É unha das primeiras probas tanxibles da existencia do comercio entre os galegos da época e os mercadores do Mediterráneo.



Historia interactiva

As peculiaridades do complexo castrexo de Neixón fixérono un lugar apetecible para a creación do Centro Arqueolóxico do Barbanza. Un espacio interactivo que permite ós visitantes percorrer diferentes etapas históricas. Deste xeito, pódense coñecer as mámoas no neolítico, a época na que os galegos comezamos a cultivar os campos, despois detense nos enigmáticos petroglifos, os gravados sobre pedra da Idade do Bronce que aínda hoxe seguen a dar moito que pensar ós historiadores, para remataren nos castros. Xunto a estes percorridos permanentes, o Centro dispón dun espacio para exposicións e un espacio de lecer. Alí tamén se pode recoller información cos itinerarios para percorrer o rico, e en moitos casos abandonado, patrimonio arqueolóxico do Barbanza.



Un dos obxectivos do centro é dirixirse á comunidade escolar, a través de visitas guiadas, campos de traballo, e chegar tamén ó público xeral e científico a través de seminarios e conferencias. O alcalde de Boiro, Jesús Alonso, indicou na inauguración do centro que o obxectivo é converter ó centro no punto de referencia da arqueoloxía da comarca.



E como chegar


Situado no Concello de Boiro, o acceso máis rápido ó Centro Arqueolóxico Barbanza faise dende a Vía Rápida Padrón-Ribeira, saíndo no desvío Boiro sur para coller a N-550 en dirección a Padrón. Ö chegar a vila de Cespón tómase cara a dereita ata a igrexa de San Vicente onde se colle cara os Castros de Neixón. O centro pode ser visitado de martes a venres en horario de 10 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas e sábados e domingos só pola mañá.O seu número de teléfono é 981843810.