Programas expositivos

A fotografía protagoniza as exposicións previstas neste 2010

<i>Autorretrato</i>. Cristina García Rodero. 1972
Autorretrato. Cristina García Rodero. 1972
Cando o 25 de xullo coincide en domingo, museos, fundacións e galerías saben que será un ano de moitas visitas e aproveitan para presentar a súa mellor programación. Con todo, este Xacobeo tivo a mala fortuna de coincidir en plena crise e iso nótase na programación, ausente de reclamos para grandes masas aínda que destacada en canto a calidade. Revisamos as exposicións previstas para este ano (leven ou non a etiqueta do Xacobeo).

Se hai un xénero que destaca na programación deste ano, este é a fotografía. No panorama xa anunciado, aínda hai moitas entidades que están por pechar as súas programacións, destacan nomes importantes.

Os nomes propios
Comezamos con Cristina García Rodero, unha das fotógrafas máis recoñecidas e ser a primeira española que traballou na prestixiosa axencia Magnum é un dos pratos fortes da programación deste ano. É unha das exposicións que se desenvolverá dentro das actividades previstas polo Xacobeo, pero non se precisou aínda en cal dos locais de Santiago nin en que datas. Outro dos grandes nomes da fotografía chegará á Coruña da man da Fundación Barrié. Trátase de Catalá Roca, un dos fotógrafos documentalistas do século XX. Na sede viguesa poderánse ver 150 obras en branco e negro coas que se fai unha revisión da obra deste autor fundamental da fotografía española e un dos grandes renovadores da década dos cincuenta. Canda isto haberá unha ampla programación didáctica e paralela, un vídeo documental e un catálogo completan esta mostra (do 4 de marzo ao 30 de maio). As grandes citas da fotografía teñen, ademais, outros nomes propios, o de Virxilio Viéitez (Soutelo de Montes, 1930-2008) e o da fotógrafa alemá Candida Höfer, na que será a súa primeira visita a España. A de Vieitez permitirá a súa primeira gran retrospectiva do fotógrafo galego que se caracteriza pola frontalidade, polo estaticismo, así pola gran expresividade dos suxeitos fotografados, presentándoos sempre cunha gran dignidade. Ambas mostras chegan da man do MARCO e compoñen a programación forte do ano.

Alén da fotografía, haberá espazo tamén para a arquitectura e a pintura. Neste eido destaca a exposición que a Fundación Barrié fará de Chipperfield, unha das figuras máis relevantes do presente a nivel internacional (Sede da Coruña, de febreiro a maio). A outra gran referencia do ano será a de Luis Seoane. Coincidindo co centenario do seu nacemento, varias entidades botan man do prolífico traballo deste creador para dalo a coñecer. A primeira exposición será a que lle dedica a Obra Social Caixanova e coa que abre a súa sede social en Santiago este xoves. Detrás dela, chegarán as grandes mostras coas que a fundación Seoane pretende dar a coñecer facetas menos coñecidas deste pintor, escritor e ilustrador, que complementarán un macrocongreso científico (con tres sedes) que se desenvolverá en Vigo, Santiago e A Coruña. Aínda que non será ata o día 12 de febreiro cando se presente a programación anual completa do CGAC, xa se adiantou que o artista italiano, Gilberto Zorio, incluído dentro da corrente chamada arte pobre (arte povera) xunto cos irmáns Wilson (Jane e Louise), pertencentes á xeración chamda dos “Novos Artistas Británicos”, que foron referentes en videoinstalación e fotografía.


O fondo armario
Se hai unha constante que se pode apreciar en todo o ano expositivo 2010 é que as grandes entidades aproveiten esta época para revisitar os almacéns e sacar ao público as obras mestras que estiveron gardadas todos estes anos. O CGAC comezou o ano con Espectral, unha ollada á colección propia que pretende facer unha “cartografía conceptual do intanxible, que se complementará a partir de 12 de febreiro (ademais de que levará parte dos seus fondos fóra da súa sede, como pode ser o MARCO). Non é a única entidade, a Fundación Barrié xa ten neste momento unha exposición a partir dos fondos de Francisco Llorens que ten na súa colección. Outra das grandes entidades, a Fundación Caixa Galicia continuará nesta liña de traballo iniciada no 2009 con varias exposicións (ciclo “Miradas” actualmente aberta na sede santiaguesa). Nesta nova ollada sobre os seus fondos destaca o diálogo que pretenderán facer entre os fondos da Fundación Caixa Galicia (dos máis importantes do coleccionismo privado) e o da Catedral. A Fundación non ten previsto realizar unha liña de exposición inspirada en grandes nomes como desenvolveu no seu momento con Frida Kahlo, Diego Rivera, Tamara de Lempicka, Maruja Mallo ou Ruth Matilde Anderson, senón que nesta época de crise centrará a súa actividade na formación (bolsas no exterior e bolsas primeira obra), así como nos programas de acción social.

Outras liñas de identidade
Ademais, tamén haberá espazo para actividades moi destacadas e curiosas. Comezamos polo Centro Torrente Ballester, nunha interesante liña de traballo na que destaca a mostra xa aberta, A ousadía do bufón que aproveita a capacidade da arte para transformar os aspectos negativos da realidade. A mostra dará pé a un programa no que hai espazo para a arte, moda, videocreación e propostas de vangarda. Entre as curiosidades destaca, o traballo do MARCO por repensar lugares do edificio non pensados para exposicións (vestíbulo, zonas de tránsito, áreas de traballo….) que se converterán en renovadas propostas. Canda elas, o MARCO tamén converterá o seu Espazo Anexo nunha habitación de hotel.

Este 2010 tamén coincide que terá lugar a Bienal de Pontevedra. Comisariada por Santiago Olmo, descentralizará a súa actividade para presentar en Vigo e Vilagarcía parte do seu traballo. Este ano, estará dedicada ás migracións co que a descentralización nestes espazos cobra especial relevancia. Exposicións, mesas redondas, conferencias, un ciclo de cine e outras actividades formativas e lúdicas conforman o aspecto destacado desta edición da bienal.

A Fundación Seoane e o Museo de Arte Unión Fenosa (MACUF) abordarán dúas maneiras de reflexionar sobre a relación entre a arte e a saúde. Se a Seoane orienta a súa exposición desde a enfermidade, o MACUF presenta unha mostra que defende a tese de que a vida é todo aquilo que a arte toca (do 25 de febreiro ao 20 de xuño). En todo caso, serán obras colectivas con traballos de numerosos artistas contemporáneos recoñecidos.

Cómpre pechar esta revisión das exposición co esforzo inxente desenvolvido por numerosas galerías e entidades pequenas. Entre elas, a galería Trinta, Moret Art, Ad Hoc, SCQ, Bacelos, Marisa Marimón ou Ana Vilaseco. A santiaguesa Trinta achegará a Miguel Ángel Molina, Florentino Díaz, Jaume Pitarch e Pamen Pereira; mentres que a segunda seguirá na súa liña de traballo e ofrecerán exposición de artistas que xa deron a coñecer en Espazo Atlántico (feira de arte de Vigo), como son Daniel Sueiras, Isabel Tallos, Álvaro de la Vega ou Helena Segura-Torrella (galardoada co premio Díaz Pardo da Deputación da Coruña).