A Coruña inagurará no 2003 un novo concepto de coñecer a historia da cidade a través dun roteiro de casas-museo

Tres polo prezo dun

Revivir a historia dos espacios urbanos a través dun paseo cunha loitadora do século XVI, un político republicano e un pintor é unha das principais apostas da Coruña para o ano 2003. María Pita, Casares Quiroga ou os primeiros trazos de Pablo Picasso son as excusas para presentar os diferentes momentos da historia da cidade herculina mediante as casas-museo que o Concello está a preparar nunha iniciativa pìoneira en Galicia.

Entre finais deste ano e comezos do que ven, A Coruña disporá de catro novos museos, a casa de Casares Quiroga, que acollerá o Museo da República, a de Picasso, a de María Pita, cunha reproducción sociolóxica e histórica da Coruña do s. XVI, e o Museo de Luis Seoane, creado para dar acollida á obra que o pintor doou á cidade. Este último proxecto é o máis ambicioso: case 5 millóns e medio de euros dedicados unicamente ás obras de rehabilitación que se están a facer nun antigo edificio militar preto dos xardíns de San Carlos. “As obras xa levan en marcha desde hai tres meses e non rematarán ata o primeiro trimestre do ano que ven”, asegura Carlos Aller, responsable de museos da Concellalía de Cultura. Curiosamente o de Seoane, o máis caro, – ademais da exhibición permanente da obra do pintor tamén haberá unha sala de exposición de pintura contemporánea – será tamén o único destes novos museos que o Concello non xestionará xa que pasará a mans da Fundación Luís Seoane, presidida pola súa viúva.



O Picasso coruñés

Pero a Seoane adiántaselle outro pintor en ter a súa propia casa – museo na Coruña, nada menos que Picasso, que abrirá a súa a finais deste ano. A súa estadía na Coruña cando era un neno de 11 anos – daquela xa un bo debuxante e retratista aínda que mal estudiante – fixo que o Concello da Coruña se decidira a mercar o piso no que a familia Ruiz Picasso viviu entre 1891 e 1895, o segundo do número 14 da rúa Paio Gómez. Cun presuposto de máis de 150.000 euros e ó longo de 5 meses de traballo acometeuse a rehabilitación da vivenda. Paredes, teitos, instalacións de iluminación e aire acondicionado, seguridade,... “fixemos unha limpeza de cara da vivenda, da fachada do inmoble e das escaleiras ata o portal”, explica Gonzalo Rey Lama, responsable das obras de rehabilitación desta vivenda, un proxecto que se une ás máis de 200 rehabilitacións que leva feitas en 35 anos de actividade profesional. Para a dotación de contidos deste museo, o Concello asignou 70.000 euros, unha partida bastante modesta. “Museoloxicamente vai ser pobre porque non podemos aspirar a ofrecer alí obras de Picasso”, asegura Carlos Aller. En compensación ofreceranse reproduccións facsimilares dos debuxos e pinturas que fixo Picasso durante esa época e documentos curiosos, como as notas do colexio dun mozo que daquela aínda asinaba como Pablo Ruíz.



Xestión do Consorcio de Turismo

Tanto o museo de Picasso, que tamén estará aberto para acoller exposicións itinerantes do artista malagueño, como as casas – museo de Casares Quiroga e María Pita estarán xestionadas polo Consorcio de Turismo, que será o encargado de crear, a longo prazo, as estratexias que se consideren necesarias para dárlle corpo á rede histórica da cidade da Coruña. Para ver esta rede, sen embargo, non hai que precipitarse. “Somos modestos”, asegura Aller, “primeiro deberemos ver como funcionan os museos individualmente, a súa viabilidade e a resposta do público e logo faremos a integración e a conseguinte avaliación de custes”.



A casa de Casares Quiroga é a seguinte na lista de Aller. As obras na vivenda do que foi ministro da Segunda República e presidente do Concello cando estala a Guerra Civil comezarán en setembro, cunha duración estimada de tres meses e unha dotación para o deseño e remodelación do edificio de 25.500 euros e 400.000 euros para a reforma interior e dotación de equipamento. O Concello mercou o edificio completo coa intención de dedicar a planta baixa a memoria de Casares Quiroga e a súa familia, aportando escritos e documentos, “ademais do gabinete do político republicano, composto por mesa, sillón e estante, que puidemos recuperar da vivenda dun particular”, todo un achado se temos en conta que as propiedades de Casares foron espoliadas e a súa biblioteca queimada na Guerra Civil. O Museo da República ocupará a primeira e a segunda planta do edificio coa exposición de obxectos, obras e documentos históricos relacionados co republicanismo. Unha sala de exposición, un xardín, unha biblioteca e un centro de documentación completarán a oferta do Casares Quiroga.



A rede completarase coa casa – museo de María Pita, a revolucionaria coruñesa que protagonizou a defensa da Coruña fronte a invasión das forzas de Drake. “Non hai moitos datos sobre a heroína, poucos gráficos pero si documentación histórica. Sabemos, por exemplo, que casou catro veces e parece que era unha muller de ‘rompe e racha’”, asegura Aller. Na que parece que foi a súa casa, na rúa de Ferrerías, recollerase documentación da Coruña da época, recreando o contexto histórico- social.



¿E a Pardo Bazán?

O ideal sería que o roteiro que quere fomentar a Concellalía de Cultura se completara con outra famosa muller nacida na Coruña, Emilia Pardo Bazán, pero tanto dunha como doutra parte amósanse cautos. “Cada quen está a traballar na súa casa”, comenta a responsable da Pardo Bazán, Xulia Santiso, quen asegura que o Concello aínda non se puxo en contacto con eles. Nestes momentos, a casa – museo de Pardo Bazán permanece pechada tralas reformas ás que foi sometida. O museo anterior, ubicada no Salón Nobre do número 11 da rúa Tabernas, a sede da Real Academia Galega, “só ofrecía unha colocación de obxectos sen coherencia”, explica a súa responsable, “nós o que fixemos foi catalogar e reubicar elementos”. Cun presuposto de 24.000 euros aportado pola Deputación da Coruña e con axudas da Xunta e do Concello, o museo ofrecerá a partires de outono unha visión da vida urbana da Coruña do s. XIX.


Que forme ou non parte da rede histórica da Coruña dependerá do acordo de ambas partes. De momento, desde o Concello só se fala dunha oferta que semella as das rebaixas: 3 museos polo prezo dun.