2010: Exame de lectura

Unha xira de autobuses dá comezo á grande aposta de promoción cultural deste ano

A grande iniciativa da Consellaría de Cultura para este ano 2010, con permiso do Xacobeo, arrincou onte en Compostela. O Ano do Libro e da Lectura está a ser publicitado desde hai meses como a solución para os problemas desta industria desde o departamento de Roberto Varela. A presenza en feiras internacionais, a promoción do libro galego ou actividades que xa están en marcha desde anos anteriores atópanse nun ambicioso programa que, como non, tamén se integra cos fastos do Xacobeo.

Os eventos conmemorativos do Día do Libro. As homenaxes a Novoneyra, Seoane ou Torrente Ballester. As actividades de Política Lingüística no programa Bocaberta. O Congreso Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. As Feiras do Libro, galegas e internacionais. A práctica totalidade das iniciativas que vén desenvolvendo a Consellaría de Cultura nos últimos anos arredor da lectura danse cita na programación deste Ano do Libro. No entanto, non estamos só ante unha nova marca para estas propostas. A celebración tamén dá para novidades no sector.

Eixes
Segundo sinalou onte Francisco López Rodríguez, director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, a iniciativa estrela da Consellaría para este 2010 no campo estritamente cultural, conta cun orzamento de 2.850.000 euros, e artéllase en cinco eixes fundamentais. A animación cultural, a difusión da cultura, actividades de promoción e difusión do libro, o fomento da lectura e a mellora da xestión do libro e bibliotecas preséntanse como as bases que rexerán o conxunto de accións sobre este ámbito. Ao tempo, aínda que non están recollidas no programa, “a nivel de promoción e difusión do libro, mantemos xa unha política de asentamento do sector con axudas á edición, á tradución ou a grandes proxectos editoriais”, lembrou López Rodríguez.

Comezo rodado
Libros sobre rodas é o nome da iniciativa que dá comezo ao Ano do Libro e da Lectura. O proxecto de dinamización lectora, que se presentou onte na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, baséase nun autobús que visitará, nunha primeira fase, 14 vilas galegas achegando o público ao mundo do libro. Para este fin, desenvolveranse actividades teatrais arredor do obxecto da campaña. A proposta continúa o seu periplo hoxe mesmo por Lalín e ata o vindeiro domingo visitará O Saviñao, Sarria, Viana do Bolo, Celanova e Ribadavia. No outro estremo do calendario, Cultura anuncia a celebración ao final do ano dunha Noite dos Libros, tamén centrada na animación de rúa. As persoas que visiten o vehículo recibirán un exemplar da obra A grande aventura do libro, un texto que resume a historia deste medio de expresión.

Actividades de animación
As propostas de animación e o sacar os libros á rúa han ser recorrentes no ano que agora comeza. Deste xeito, diferentes espazos públicos acollerán as actividades As Prazas dos Libros, con ocasión do Día Internacional do Libro. Datas sinaladas coma esta ocupan un espazo destacado no programa anual, e Cultura sinala o seu interese en reforzar a celebradión do Día das Letras, o Día de Rosalía, o da Poesía, o do Teatro, o da Tradución ou o do Libro Infantil e Xuvenil, co que podemos agardar actos festivos espallados por todo o calendario. A maiores, e xa no campo das exposicións, poderá verse a mostra Libros de literatura contra a guerra, feita en colaboración co Foro Mundial da Educación, e A palabra convertida en arte que se centrará na escrita medieval e que incluirá diferentes obradoiros. Precisamente unha exposición con este mesmo título puido verse no Verbum - Casa das Palabras de Vigo ao longo do primeiro semestre de 2009.

Conmemoracións e congresos
O programa que arrincou onte integra as anunciadas actividades polos consabidos centenarios de Torrente Ballester e de Luís Seoane, así como os 125 anos de Rosalía de Castro e mais a celebración do Día das Letras. Con ocasión destas homenaxes, prevese desenvolver exposicións e encontros sobre cada un detes autores. Do mesmo xeito, o Congreso Internacional do Libro Infantil e Xuvenil do IBBY, xa anunciado en 2008 e que se celebrará o vindeiro mes de setembro fará parte do programa. A I Semana Auria de Novela Histórica, e mais o I Encontro Internacional sobre Literatura de Viaxes serán as principais novidades que, ao abeiro deste programa, se integren no calendario de encontros literarios galegos de 2010.

Crear e traducir
No campo do apoio á escrita, Cultura anuncia o desenvolvemento de talleres de creación literaria e, a nivel de ensino, da oposta en marcha dunha biblioteca de contos escritos por escolares. De cara á tradución, anúnciase a posta en marcha das Casa dos tradutores, un espazo que pretende ser un punto de encontro para os profesionais do sector. Precisamente as axudas á tradución provocaron no último fortes críticas ao departamento de Varela, que comprometeu para este 2010 un investimento de 300.000 euros no sector, repartidos entre esta anualidade e a seguinte.

Difusión
Dentro das propostas de promoción, o libro ocupará un oco na información diaria, segundo explicou Francisco López Rodríguez, “con tanto protagonismo coma un espectáculo, un concerto ou calquera outra nova”. O formato para isto será o microespazo Palabra de autor, palabra de autora, un programa que xa se puido ver en 2005 no que diferentes autores explican brevemente unha das súas obras. Precisamente o DVD que recompilaba este material foi dirixido polo propio López Rodríguez, o que lle valeu o Premio Irmandade do Libro. Para alén deste mircroespazo, Roberto Varela sinalou que “non imos inventar nada. Haberá anuncios de televisión, como os que xa desenvolveu o Ministerio animando a agasallar libros, e traballanse especialmente na xente máis nova. Trátase de que a xente merque máis libros e os lea, de reactivar a industria”.

Ferias internacionais
Un dos cabalos de batalla do actual equipo de Cultura, mudar o xeito en que se desenvolve a representación internacional das nosas letras, terá a súa presenza no ano da lectura. Tal e como se anunciara, o número de citas á que acudirán as editoras galegas non muda significativamente, e haberá delegacións galegas en Boloña, Buenos Aires, Madrid, Frankfurt e Guadalaxara. No campo da banda deseñada, Cultura semella mesmo ampliar a oferta internacional, e anuncia que promoverá os nosos autores en Bruxelas e Navarra, para alén das xa habituais citas de Angoulême e Barcelona. No entanto, e segundo recalcou López Rodríguez, o departamento centrará o seu traballo neste campo en apoiar as iniciativas dos diferentes colectivos profesionais. “Hai unha nova concepción na celebración das feiras, tanto das que se fan en Galicia como das internacionais. Este é un aspecto que a literatura galega debe aproveitar. E para isto queremos que sexan as propias asociacións de escritores e de editores os que nos propoñan que creadores deben ir a estes eventos, e non a Consellaría”. Este modelo puídose ver xa na última Feira de Guadalaxara, onde foi a Asociación de Editores a que se encargou, co apoio económico do Ministerio de Cultura, de artellar a grande maioría da programación cultural que se desenvolveu no evento e mais da selección de autores, mentres a actividade da Consellaría se centraba nos contactos oficiais e na organización de varios obradoiros e encontros de banda deseñada.

Feiras domésticas
Poida que finalmente este ano vexamos a reformulación das feiras do libro, amplamente reclamada desde o sector. A Consellaría anuncia no seu programa unha nova fórmula para estes eventos, que desde hai anos sofren unha importante crise de participación. Cultura pretende “facer estes eventos máis atractivos e participativos” e anuncia a posta en marcha dun evento denominado A Festa das Letras a coincidir co encontro feiral en Lugo. A celebración desenvolverase de xeito itinerante cada ano nunha localidade.

Bibliotecas
Cando se fan tres anos da posta en marcha da Lei do Libro e da Lectura, Cultura quere aproveitar este ano para desenvolver este texto, pondo a andar organismos coma a Cámara do Libro e o Observatorio Galego do Libro e da Lectura. O equipo agarda rematar o ano co novidades no outro grande texto legal pendente de modernizar, a Lei de Bibliotecas, que xa se tentara mudar na anterior lexislatura. Neste campo anunciouse xa hai meses o desenvolvemento dun Mapa e dun Plan de Bibliotecas. Tamén está previsto neste 2010 unha inauguración tan simbólica como a da Biblioteca de Galicia.

Lectura e consumo
Segundo explicou o Conselleiro de Cultura na presentación do programa, con esta iniciativa quérese incidir no problema “do índice de lectura e de consumo de libros” que no noso país é inferior “non só á media europea senón mesmo á española”. En concreto, segundo os datos da Federación de Gremios de Editores de 2008, un 52,6% da nosa poboación le, e que destes, un 59,2 ten obras en galego entre as súas lecturas. Con pequenas variacións, Galicia mantense ao longo dos últimos anos entre os tres últimos postos neste campo a nivel estatal. Nese sentido, Varela explicou que, ao seu ver, “non abonda con subsidiar a creación e a edición, cómpre tamén favorecer o consumo”. O conselleiro recoñeceu, de calquera xeito, que os efectos da celebración que agora comeza “non se poderán cuantificar de inmediato”.

O castelán
Encol da cuestión lingüística na promoción do libro e da lectura, os responsables de cultura defenden que a presenza de autores e obras en castelán será testemuñal. “Se apoiamos, por exemplo a edición facsimilar dunha obra de Torrente Ballester, sairá en castelán, obviamente. E os obradoiros de introdución á súa obra tamén se farán sobre obras en castelán, pero sempre cunha perspectiva de enriquecemento dos autores”, sinalou López Rodríguez. Pola súa banda, Roberto Varela sinalou que “a promoción da lectura pretende favorecer toda a lectura, pero no campo da promoción estamos a falar sempre do libro en galego”.

Colaboracións
Unha das propostas máis curiosas do programa é a integración das galegas nas celebracións do ano Xacobeo. Co título Camiños de amor e lúa un espectáculo que une poesía e música e que durante os meses de maio e xuño se desenvolverán nos nove camiños de Santiago. De xeito semellante, tamén fan parte das actividades propostas por Cultura a campaña Cruzando Libros, coa Secretaría Xeral de Igualdade, que pretende integrar a os libros nos centros de información para mulleres. Tamén fai parte do calendario a iniciativa Bocaberta, que pretende promover o noso idioma entre o máis novos, e que desde o pasado ano desenvolve a Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración con diferentes editoras galegas, rebautizando unha iniciativa nada en 2008. Outra colaboración é a que se desenvolverá coa Biblioteca Julio Cortázar en Buenos Aires, onde se abrirá unha sección dedicada ao libro galego.

Accións longamente agardadas. Eventos xa programados. Novas iniciativas. A aposta está enriba da mesa. O balance deberá agardar ata o final do ano.
Folleto de presentación do Ano do Libro e da Lectura.