
CRÍTICA
Código Compostela
Por Beatriz Bravo
As actas escuras xa é maior de idade. Dezaoito anos tivo que agardar esta moza de carácter complicado para presentarse en sociedade, non da man do seu pai, como manda a tradición, pero si rodeada dunha escolma de amigos e compañeiros de profesión.
Xúlio Lago viste de etiqueta un texto a priori de difícil adaptación escénica; entre as palabras de Vidal Bolaño asoman, ben arroupadas, unha morea de datos históricos e un discurso complexo que os actores mastigan para facerllo chegar ó publico sen atragantamentos. Non sempre é doado. A importancia do texto e do razoamento deductivo condiciona un ritmo un tanto perezoso por momentos, pero que Lago sabe distribuír en pezas de indubidable beleza estética cunha coidadísima iluminación que acariña os ambientes.
A escuridade das actas radica entón nos obstáculos que se alzan na loita pola verdade. ¿Non é ocultar o pasado un xeito de mentir? ¿Debe a verdade saír á luz sexan cales sexan as consecuencias? ¿Non son os que deberían loitar por ela léase sen ambaxes a Igrexa- a meirande parte das veces os que máis a enlaman? O conflicto ético sorprende a Don Mauro e o seu sobriño, encargados pola Igrexa de investigar a veracidade dos restos do Apóstolo atopados na Catedral de Santiago. Dous personaxes encarnados máis que acertadamente por Pico e de Barreiro- debuxados con toda a súa humanidade por Vidal Bolaño e que saben gañar o cariño e a empatía do espectador no seu devenir na procura da sempre escorrediza e manida verdade.
As actas escuras

As actas escuras

As actas escuras
Foto: Tono Arias (CDG)

As actas escuras
Foto: Tono Arias (CDG)