Xabier Rodríguez Baixeras gaña o VIII Premio de Poesía Caixanova coa obra Deserto diamantino

O gañador recibirá 12.000 euros e a súa obra será publicada na colección de poesía "Arte de Trobar’"

Guillermo Brea, director da Obra Social Caixanova, e Luís González Tosar, presidente do Pen Clube de Galicia, deron a coñecer o fallo esta xoves nun acto no que tamén estiveron presentes os outros membros do xurado cualificador: Anxo Tarrío, catedrático de Literatura Galega da USC; Luisa Castro, escritora; Ana Acuña, crítica literaria, e Carlos L. Bernárdez, crítico literario. Tras unha deliberación que se prolongou dúas horas no Centro Social Caixanova da cidade olívica, o tribunal escolleu este poemario presentado baixo o lema Areoura de entre os 55 presentados a concurso. Entre outras razóns, salientou que a obra de Rodríguez Baixeras “retoma aspectos do mundo poético clásico, maxistralmente engarzados coa herdanza da linguaxe patrimonial”. Así mesmo, indicou que o texto “formula unha fonda reflexión desde a experiencia da madurez vital e literaria, apostando por unha revitalización da poesía estrófica e rimada, ao servizo dunha visión actual do mundo”. O acto de entrega oficial do VIII Premio de Poesía Caixanova terá lugar a vindeira primavera.