Grupos galegos buscan novas vías de difusión da súa música

Música de segunda xeración

Xeito Novo, un grupo de galegos de segunda xeración lideran os sons da música folk en Arxentina mentres os compoñentes de Laio teñen a súa axenda de verán cuberta en Canadá e descuberta en Galicia

Vale, non son Mercedes Peón, que foi portada de Folk Roots, nin Carlos Núñez, que toca para a CNN, pero a internacionalización da música, ou mellor dito, dos músicos galegos ten tamén camiños que, como dirían os teólogos, son inescrutables.



Poñamos por caso Xeito Novo. Son un exemplo da evolución xeracional na emigración. Xeito Novo, con colaboracións de Lito Vitale entre outros, é un dos grupos de culto no eido das novas músicas en Arxentina. Dende o ano 1984, a formación, iniciada por un grupo de galegos de segunda xeración, presenta no panorama musical arxentino a música do mundo celta. O seu primeiro disco, Xeito Novo (1986) foi posiblemente a primeira experiencia de música “celta” na Arxentina, e xunto con músicas galegas tamén incorporaban melodías de Irlanda, da Bretaña e de Gales. A partir dese embrión de galegos, Xeito Novo enriqueceuse coa presencia de novas tendencias, fusións musicais e xente nova.



O seu último disco, “Luz de Invierno”, parece indicar este esquema de fusión no que a conexión galega segue estando ben presente. Por exemplo, xunto con versións de Álvaro Cunqueiro, “Quen puidera namora-la” ata música nun esquema máis tradicional “Muñeira de mora” ou colaboracións de músicos de prestixio no eido do new age, como Lito Vitale.



Xeito Novo levou a música celta e étnica a unha Arxentina moi urbana ben antes do boom destes ritmos a mediados dos 90. Naceron no ano 84 en Bos Aires. Deles dixo o prestixioso xornal porteño La Nación: “Xeito Novo non é hoxe o único grupo que cultiva a música celta no noso país. Pero sen dúbida é un referente ineludible. Hai que escoitalo”. O seu ritmo, pero a súa filosofía aínda máis, é ben interesante. Teñen unha fundación –a Xeito Novo para a cultura galega- e a través dela argallan iniciativas paralelas á súa actividade profesional.




Laio canadense


E un caso mesmo máis atípico é Laio, ó que Faro de Vigo lle dedica unha reportaxe. Un grupo de músicos galegos que participaron no ano 2000 nunha xira con Xosé Manuel Budiño e logo ficaron no paro. O seu foi unha asociación por desesperación, o cal se cadra se pode intuír ó entender o nome do grupo. Laio, curiosamente, atopou as portas máis abertas en Canadá que en Galicia. Por exemplo, alí publicaron o seu primeiro disco, titulado “Como corre o tempo”, que por dificultades comerciais non puido ser distribuído en Europa. e o segundo, Luneda, distribuido en Norteamerica e Xapón baixo o selo Universal. As causas, segundo eles, teñen que ver con diferentes disposicións ante a entrada de novas músicas e músicos. Para Ben García, compoñente do grupo, “os festivais canadenses funcionan dun xeito moi sinxelo: se gustas, chámante e promociónanche ata onde faga falta. Non ocorre como aquí, en que o primeiro que preguntan para actuar é se tes publicado un disco”.



A partir do día 18, Laio estará de novo percorrendo Canadá e actuando en festivais de Calgary, South Country, Kananaskis, Edmonton, Banff ou Fort Macleod, sitios nos que eles indican que non tocou ningún grupo galego. En Galicia, sen embargo, seguen tendo dificultades para actuar. As causas, son moitas e darían para moitas reportaxes. Pero non hai dúbida de que algo queda da súa propia situación: “cando nos embarcamos en Laio estabamos nunha situación tan crítica que non tiñamos nada que perder”. Soa a emigración.