Lendo no libro dos xenes

As análises xenéticas permiten novos achegamentos mesmo á evolución da lingua

Os estudos sobre lingua atopan na xenética un recurso novo para ver como se van constituíndo as poboacións de falantes e como evolúen. Do mesmo xeito, esta ciencia permítenos coñecer aspectos históricos da organización social do noso país. O Consello da Cultura Galega acolle hoxe e mañá as xornadas Xenes, linguas e historia de Galicia, na que especialistas destas disciplinas analizan os últimos avances nas súas colaboracións.

O xenetista Anxo Carracedo e mais o historiador Xerardo Pereira son os coordinadores deste encontro, que continúa outras xornadas celebraradas na mesma institución en 2002. Desde aquela desenvolvéronse diferentes avanes nestas colaboracións científicas. Así Carracedo sinala que nos últimos anos “avanzouse moito no coñecemento da diversidade de variacións do ADN mitocondrial e do cromosoma Y a nivel europeo”. A un nivel máis concreto, este investigador sinala os avances que están a realizar na relación entre grupos xenéticos e linguas co traballo de Francisco Villar, da Universidade de Salamanca. Ademais dos coordinadores e do propio Villar, o encontro tratará cuestións coma a mobilidade de poboación en diferentes épocas históricas ou enfermidades xenéticas en Galicia e a súa relación coas migracións, entre outras cuestións.

Xenes e lingua
"O estudo do ADN está a avanzar moito en xeral. No campo do ADN mitocondrial, por exemplo, estase conseguindo analizar moita máis información da que se estuadaba antes, e iso dá nunha maior resolución dos resultados", explica Antonio Salas, un dos relatores deste encontro. Precisamente a súa conferencia versa sobre esta parte do código xenético que se transmite unicamente a través da muller e que permite establecer liñaxes xenéticas e comparar diferentes grupos. "Pódense coñecer mellor as variacións demográficas das poboacións e relacionr mellor os ámbitos". Se ben os especialistas consultados coinciden en que desde o encontro de 2002 se deu un incremento nas relacións entres historiadores e xenetistas, unha das grandes novidades na interdisciplinariedade é a incorporación dos estudos sobre lingua. "Hai proxectos moi interesantes. Os xenes son movidos por persoas pero as linguas tamén, e pode haber certa correlación, aínda que non sempre é así", lembra Salas. Nese sentido, pódense reconstruír determinadas raíces lingüísticas en relación con liñaxes xenéticas. Este é precisamente o proxecto que se está a desenvolver, de xeito pioneiro a nivel mundial, en colaboración con Francisco Villar, da Universidade de Salamanca.

A xenética precisa historia
Malia ás posibilidades que as análises xenéticas achegan para identificar grupos de poboación, non sempre eses datos clarifican como foi a evolución histórica. Segundo explica Anxo Carracedo “a miúdo precisamos a axuda dos historiadores e mesmo de especialistas en movementos de poboación recentes para entender cousas que observamos no estudio da nosa poboación. Os estudios de todo o xenoma tamén están producindo resultados de grande interese ainda que non fáciles de interpretar”. Mais concretamente sinala que “os que facemos xenética de poboacións, vemos cousas que , facendo mal historia, interpretamos do noso xeito. Pola súa banda, os historiadores a miúdo non empregan ferramentas oxectivas que explican moitas cousas do noso pasado histórico”.

Onde alcanza a xenética
As posibilidades que oferta a xenética para coñecer polo miúdo a nosa historia semellan maiores canto máis ao pasado nos remontamos. “Pode axudar máis en cuestiónas amplas, poerque a nivel particular non se fixeron aínda estudos de moitas poboacións locais, pero aínda así pode botar moita luz en cousas concretas, e nese sentido estamos comprobando que os movementos de poboación máis recentes teñen tamén moita importancia”, lembra Carracedo. “Penso que podemos ter colaboración efectivas cos arqueólogos en ADN antigo”, completa.

Os límites dos grupos
Malia a que os xenes permitan identificar grupos históricos concretos, Carracedo advirte especificamente contra a idea de diferenzas importantes entre eles. “Na xenética de poboacións non se fala de razas. Centrámonos na idea de poboacións, que manteñen unha maior continuidade xenética entre si. Tampouco traballamos a idea de cultura, senón de xente. En xeral as poboacións tenden a se mesturar, pero hai certas diferenzas xenéticas entre distintas poboacións, xeralmente marcadas por criterios xeográficos”. Para alén, este xenetista lembra que a variabilidade de riscos xenéticos entre os individuos dunha mesma poboación é moito maior do que entre poboacións distintas.

A poboación galega desde os xenes
A aproveitar as posibilidades destes recursos, desde a Universidade de Santiago teñen en marcha un ambicioso proxecto. "Gustaríanos analizar desde o punto de vista do xenoma a estrutura da poboación galega. Queremos verificar se hai microestruturas concretas ou se podemos falar de aspectos coma a matrilocalidade ou a patrilocalidade, que se cuestionaron durante moito tempo", explica Antonio Salas. É dicir, se en determinandos momentos da nosa historia, as familias formábanse nos fogares maternos ou paternos, ou se existíu algún tipo de matriarcado no noso país, tal e como recollera Estrabón. A análise deste tipo de factores é especialmente complicado. "Non é doado recoller mostras e iso esixe unha loxística complicada. Tes que ir a vilas e pobos, constatar que a xente e a súa familia leva certo tempo alí". Polo xeral, e pendentes de confirmacións xenéticas, Salas sinala que en xeral a poboación galega "foi un pobo máis de emigrantes que de inmigrantes, pero sempre hai mesturas, sempre hai alguén que vén de fóra. E queremos constatar iso desde o punto de vista xenético".

Mesturas en todos os ámbitos
Se xa a estes niveis atopamos en terreos esvaradizos para definir grupos, pobos e riscos definitorios, debemos pensar que a mudanza de límites entre pobos non está a se dar só a nivel cultural, senón que tamén afecta á propia xenética. Segundo sinala Carracedo, as posibilidades de estudar poboacións concretas máis ou menos illadas vanse esluíndo, xa que a actual tendencia é a unha mestura xenética crecente a nivel mundial. “Estamos interesados en estudar poboacións actuais, dentro de pouco será moito máis difícil reconstruír o que sucedeu no historicamente nunha poboación, porque canto máis mesturada, máis se complica coñecer o seu pasado”.