Cultura, previo paso pola cadea

Varias iniciativas pretenden recuperar prisións para uso cultural

O Marco, antes da súa remodelación. Fonte: Marcovigo.com
O Marco, antes da súa remodelación. Fonte: Marcovigo.com
Hoxe é un museo, pero no seu momento, foi o xulgado e a antiga cadea de Vigo. Falamos do MARCO, o museo de arte contemporánea de Vigo, que foi o primeiro dunha serie de propostas que pretenden converter as cadeas, unha vez que deixan de funcionar como tales, en edificios culturais. A Coruña, Sarria, Celanova… son só algúns exemplos que reivindican aproveitar eses edificios para uso cultural.

A principios dos noventa o equipo formado por Quijada, Fraga e Portolés desenvolveron un proxecto de reconveter o antigo xulgado e cadea municipal de Vigo, nun centro cultural de carácter artístico. Aproveitaron a estrutura interior do edificio sito nunha das mellores rúas de Vigo para reconverter os seus usos e funcións. Unha das primeiras mostras coas que abriu o museo naquel momento fixo un aceno ao pasado carcereiro do edificio (Cardinais, comisariada por Bartomeu Marí e Dirk Snauwert). Un uso hoxe case esquecido pola súa fonda actividade cultural. O MARCO é o exemplo a seguir por outras iniciativas que están a agromar en Galicia. Unha delas chega desde a Coruña e pretende conseguir unha nova actividade para o antigo centro penitenciario de Monte Alto. A outra, chega desde Sarria, onde diferentes concellos se agruparon para solicitar ao estado a desafectación da prisión preventiva deste concello.

A Coruña
O cárcere de Monte Alto deixou de funcionar como tal a finais dos noventa coa posta en marcha do centro Penitenciario de Teixeiro. Logo chegou o período de transición que establece institucións penitenciarias para a desafectación das instalacións, que se materializou cun convenio que lle subscribiu co concello da Coruña. Desde entón, non deixaron de chover as propostas para ocupar este edificio, situado estratéxicamente ao lado da Torre de Hércules. De feito, a súa proximidade co monumento declarado Patrimonio da Humanidade, fixo que Henrique Tello, primeiro tenente de alcalde, solicitase que fora Centro de Interpretación do faro romano (de feito, así figura nos informes que se lle remitiron a Patrimonio da Unesco para conseguir a declaración para o faro). Pero non é a única proposta, o alcalde da Coruña, Javier Losada, propuxo que se convirtira nun parador que fixese parte da rede de centros destas características. Segundo comunican fontes do gabinete da alcaldía da Coruña, técnicos de paradores estiveron visitando o edificio para establecer o seu dictame sobre a pertinencia do uso hoteleiro. No entanto, hai na rede unha campaña para solicitar que o centro se destinara a factoría cultural, algo que ao que tamén se uniu o primeiro tenente de alcalde da cidade. Agora ben, o que está claro é que a día de hoxe, só hai propostas para reconvertelo en uso cultural.

Sarria
Sarria comezou a construir en 1870 unha prisión preventiva en terreos comarcais (Paradela, Incio, Láncara, Páramo, Samos e Sarria) cedidos ao goberno. Malia que tardou moito en construirse estivo a pleno funcionamento durante a época da Guerra Civil. Segundo conta Jaime Félix López, Arlindo, o cronista oficial de Sarria, “estivo sobresaturada a partir do 36 e logo tardou pouco a estar en desuso”. Desde hai varias décadas funciona como albergue de peregrinos, conta con escolas-talleres de varios concellos. “No fondo, a nosa iniciativa pretende darlle forma xurídica ao que xa de feito está”. Pero para darlle fórmacómpre que os seis concellos da comarca fagan a solicitude conxunta ao Ministerio de Interior, para a desafectación dos terreos e a devolución aos seus orixinais propietarios. Ademais, a Deputación de Lugo comprometeuse a destinar unha partida orzamentaria para a construción dun museo neste edificio.

Por outra parte, non é estritamente cultural, nin foi concibida como unha prisión, pero o mosteiro de San Salvador en Celanova funcionou como tal durante oito anos. Nese período comprendido entre 1936 e 1943 contabilízanse que pasaron por alí arredor duns 10.000 presos políticos con sentenzas firmes (entre eles Celso Emilio Ferreiro, que escribiu alí o seu libro Longa noite de pedra). Un uso temporal que foi recordado a través de numerosas homenaxes, publicacións e documentais. Agora mesmo, no edificio está situado o instituto de bacharelato, aínda que a Xunta acaba de instar ao Goberno Central a convertelo nun Parador de Turismo. Unha iniciativa que se acaba de atopar coa oposición que acaban de montar unha Plataforma en Defensa do Uso Público Educativo do Mosteiro de Celanova “para manter o actual emprazamento do instituto no claustro do Poleiro do Mosteiro de San Salvador”.