Os editores centran a presenza galega na Feira de Guadalaxara

Cultura promoverá que o noso sexa o país convidado na vindeira edición

A Asociación Galega de Editores, co apoio do Ministerio de Cultura, carga co groso da representación da nosa cultura na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara, que comezou onte. A entidade organiza unha Semana da Edición Galega en México na que Fina Casalderrey, Alfredo Conde e mais Manuel Rivas participarán en diferentes encontros co público. No mesmo programa, un encontro entre editores galegos e mexicanos analizará a situación da edición independente nos dous países. Pola súa banda, a Consellaría de Cultura participa cun posto compartido cos editores e achega ao evento ao director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Rodríguez, que presentará o vindeiro xoves o programa 2010 Ano do Libro e a Lectura e mais proporá que o noso sexa o país convidado na vindeira edición desta recoñecida feira. Do mesmo xeito López Rodríguez entrevistarase con responsables do International Board on Books for Young People (IBBY). Cultura tamén organizou para o mesmo evento un obradoiro de banda deseñada que impartiron onte o debuxante Kiko da Silva e mais o guionista Carlos Portela. A feira prolongarase ata o vindeiro 6 de decembro.

Programa dos editores na Feira de Guadalaxara 2009.