Televisión Española en Galicia desenvolve unha serie de programas sobre diferentes eidos da cultura do país

Cultura nas ondas

Van xa 28 anos desde que a televisión comezou a falar galego. Cun traballo calado e pouco coñecido polo grande público, a delegación da Televisión Española en Galicia (TVE-G) veu desenvolvendo o seu labor a prol da normalización do noso idioma e da nosa cultura. Actualmente, con case mil horas de emisión ó ano, está a desenvolver toda unha serie de pequenos programas sobre diversos eidos da cultura que achegan unha visión fresca sobre campos que a penas contaban con presencia nas ondas.

Os programas


Hai xa moitos anos que TVE-G vén prestando atención á cultura do país, pero foi nesta temporada 2001-2002 cando lanzou na súa programación de tarde toda unha serie de novos programas culturais. Trátase de magazines que roldan os vintecinco minutos e que tratan cadanseu aspecto da nosa cultura. Os pioneiros foron, a comezos do ano, “Revolución MP3” e “Ó pé da letra”, conducidos respectivamente por Alejandra López e por Raquel Domínguez. O primeiro deles trata a actualidade musical galega e amosa os novos grupos que traballan no país, a razón de dous por programa, ó tempo que recupera a memoria de clásicos da nosa música, cunha imaxe con constantes referencias a Internet. Pola súa banda, “Ó pé da letra” tenta cubrir todos os aspectos relacionados coa cultura do libro, amosando as últimas novidades literarias, entrevistando autores, ou dando a coñecer os espacios dos libros, coma as bibliotecas ou as librerías do país.
Tamén en marzo naceu “Kinoki” un programa que se ocupa da actualidade do audiovisual e que pon en antena as produccións dos novos autores galegos neste eido onda as promocións de produccións foráneas onda as novas do sector audiovisual. O último en pórse en marcha foi “Mercuria” onde a poeta Yolanda Castaño tenta amosar os traballos máis innovadores que se realizan en diferentes eidos da cultura do país. Onda estes programas, e cunha estructura semellante, puidemos ver Muller.es, outro magacine que prestaba atención á presencia da muller nos máis diversos campos da nosa sociedade.


Ademais de magazines esta temporada programáronse series documentais que prestaban atención ó noso patrimonio artístico, coma é o caso de “Pezas mestras”, ou recollían rutas culturais para o tempo de ocio coma “Galicia paso a paso”. Todos estes espacios fóronse alternando nas nosas pantallas desde o último inverno entre as sete e as oito da tarde a través da segunda cadea de TVE.



Da idea á pantalla

Segundo sinala o director do Centro Territorial de TVE-G desde 1998, Octavio Rodríguez, cada un destes programas ten unha orixe diferente aínda que todos participan da idea de realizar “algo de poida ser de interese para Galicia e que non estea feito ou que se poida facer doutro xeito”. Tamén teñen en común o feito de teren como responsables a xente nova, algúns deles recentemente saídos da Universidade. ”Desde 1999 incrementouse a programación, e desde o 2001 ese incremento de horas foi cedendo espacio a programas de tipo cultural alternativos á programación habitual do país”, explica.


Algúns dos magazines naceron da idea dun traballador que lla presentou despois á dirección, coma foi o caso de “Revolución MP3”. Otros xurdiron coma iniciativas da propia directiva da cadea, coma “Ó pé da letra” ou “Mercuria”. O proceso neste caso pasou por buscar un responsable para o programa, perfilar con el o formato xeral do mesmo (duración, temática, función do presentador) e logo deixarlle ó encargado desenvolver o proxecto. Así, en “Ó pé da letra”, Raquel Domínguez foi perfilando “con total liberdade” os microespacios que se incluirían, despois de acordar coa dirección que sería un magacine duns vintecinco minutos “áxil, no que se tocasen varios aspectos do mundo do libro, coa intención de achegar a literatura de xeito ameno”, sinala a presentadora.


A historia de “Kinoki” é un exemplo do aproveitamento de sinerxías. Desde TVE envióuselles ós diferentes centros territoriais unha serie de trailers de películas para facer un programa sobre as estreas cinematográficas. En TVE-G, Alberto Lema, realizador e María Blanco, presentadora, decidiron aproveitar ese material e, completándoo con curtametraxes feitas no país e con noticias sobre o sector, facer “algo así coma o informativo do audiovisual galego”, sinala Lema.
Desde a dirección saliéntase o importante esforzo que realiza o persoal da casa para botar adiante uns programas que en moitos casos teñen grandes doses de aposta persoal por parte dos seus responsables. Trátase de “programas alternativos que non queren dicir minoritarios”, respondendo o lema da segunda cadea de TVE, “para unha inmensa minoría”.



Máis cultura en TVE-G

O traballo cultural desenvolvido desde TVE-G durante os últimos catro anos non se limita só a estes programas. Numerosos documentais sobre temas concretos coma “Naviegos, os outros arraiáns”, a Semana Santa de Ferrol ou os túneles galegos realizáronse nesta casa e foron emitidos a través da canle internacional de TVE ou pola 2 da cadea estatal.


Tamén se produciron series documentais coma “Pola morada dos deuses”, que seguía o intento de dous montañeiros porriñeses por chegar a todos os montes de máis de oito mil metros que hai no planeta. Ou a serie “Espacios Arquitectónicos”, dedicada a edificios destacados do país e que continuará o vindeiro ano prestando especial atención ó arquitecto vigués Antonio Palacios. Sen embargo, as dúas produccións máis importantes da última época do centro foron os programas “Galegos nas Américas”, un percorrido polas comunidades galegas máis importantes deste continente, e “Galicia na transición”, un documental que lembra este período histórico recuperando imaxes dos comezos da TVE-G.


Outros espacios foron os documentais “O legado do padre Sarmiento”, ou os dedicados á Festa da Coca de Redondela ou a da Istoria de Ribadavia. No eido da promoción do idioma, TVE-G realizou a dobraxe ó galego de dúas series de debuxos animados, “Marcelino pan e viño” e “Nicolás”, que eran vistas no noso idioma polos nenos do país mentres fóra de Galicia se emitían en castelán.



Datos e datas

O Centro Territorial de TVE en Galicia inaugurouse o vintecinco de xullo de 1971, pero non sería ata 1974 cando se iniciaron as emisións en galego co programa “Panorama de Galicia”, un veterano que aínda chega semanalmente ós nosos televisores. Desde entón as emisións foron evoluíndo e concursos, magazines, documentais, e mesmo pequenas series de producción propia foron enchendo as horas de emisión.
Actualmente o centro conta con arredor de setenta persoas entre fixas e contratadas, unha cifra de persoal que se atopa en descenso por mor dun expediente de regulación de emprego. O orzamento anual de TVE-G é dun millón seiscentos mil euros, aínda que neles non se inclúen os gastos de persoal. Os cartos dispoñibles para programas roldan os 300.000 euros cada ano (arredor de cincuenta millóns de pesetas).


Neste último ano as emisións son de media hora pola mañá e arredor dunha hora e media pola tarde durante a semana e dúas horas máis na fin de semana, que se dedican ós programas “Panorama de Galicia” e á estrela da casa, “Desde Galicia para el mundo”.



O futuro e as críticas

O director do centro, Octavio Rodríguez, sinala a súa satisfacción coa programación cultural desenvolvida este ano, e aínda que evita falar de cifras de audiencia, considera cumprido o obxectivo de acadar incidencia social con estas produccións. Así pois, a continuidade destes espacios semella asegurada para a vindeira temporada, agás o caso de “Revolución MP3”, logo dun descanso imposto polo verán. A eles está previsto que se sumen “Entornos”, unha serie sobre os parques naturais e as paisaxes peculiares do país, e “Galegos no Olimpo”, que tratará sobre os deportistas galegos que participaron nos Xogos Olímpicos durante o século XX.
A programación cultural de TVE-G non está libre de críticas. A dirección do centro territorial recoñece que reciben queixas de telespectadores, xa que os programas culturais solapan os telefilmes estadounidenses que se emiten no resto do estado pola 2 de TVE e que tamén teñen os seus afeccionados, os pobriños ;-)