O CCG pide ao Parlamento que desenvolva o Plan Xeral de Normalización Lingüística

Considera que a lingua debe estar a “resgardo dos vaivéns políticos e dos cambios de goberno”

| Santiago. Redacción | Seccións: Lingua
Compartir:

“O Parlamento é a sede da soberanía popular e, por tanto, o escenario ao que se dirixe esta proposta” apuntou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), na presentación da suxestión que ofrece a entidade a propósito do conflito da lingua galega. O CCG propón a creación dunha Comisión Parlamentaria que sexa a encargada de desenvolver, de xeito consensuado, o Plan Xeral de Normalización Lingüística. Así figura nun documento que Ramón Villares lle entregou hoxe á presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, e posteriormente lle remitiu aos voceiros dos diferentes grupos parlamentarios.

O documento foi elaborado pola sección de Lingua, Literatura e Comunicación e aprobado na sesión plenaria do CCG celebrada o pasado martes. Nel, “faise una explicación da porqué o Consello da Cultura Galega se sinte nesa obriga, razona e fai consideración sobre as actitudes que circulan arredor da lingua e argumenta a petición da entidade a partir do que establece a lexislación vixente” explicou Víctor Freixanes, coordinador da sección encargada de elaborar o documento.

Ramón Villares lembrou o carácter consultivo da institución que preside e lembrou que o documento é “unha proposta ou unha suxestión que pretende achegar unha vía de saída razonable ao conflicto actual”. Entre as consideracións que o plenario quere traladar ás institucións e á opinión pública está a de non tomar medidas que supoñan “pasos atrás no proceso de recuperación do galego”, que as actuacións “non se deben reducir ao ámbito educativo, a pesar da súa importancia capital” e que deben ser arropuadas “como un amplo consenso político, social e institucional”. Nese sentido, Villares lembrou os postulados de Ramón Piñeiro (coincide que no Consello da Cultura se estaban a desenvolver unhas xornadas sobre a súa figura) ao reivindicar o “ámbito neutral para a lingua”.

Que che parece esta nova?
40 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Normalización Lingüística, Ramón Villares, Consello da Cultura Galega, Lingua galega...