O Festival Celta de Ortigueira comeza esta fin de semana coa fusión como eixo

Intelixencia folk

De icona da cultura hippy de finais dos setenta a festival de masas na entrada do novo século. O ano pasado, máis de 50.000 persoas concentráronse na vila norteña de Ortigueira para asistir ó Festival Internacional do Mundo Celta, unha das principais citas mundiais de música étnica. Este fin de semana, volve con xenio. ¿Cales son as claves do éxito do Festival?

Esta fin de semana, á pequena vila de Ortigueira vaille saír xente por todas partes. É o Festival Internacional do Mundo Celta, posiblemente o máis coñecido evento cultural do verán en Galicia. ¿Cales son os factores que determinan esta boa acollida? Veteranía (25 anos de existencia), unha intelixente campaña de promoción, e máis unha boa receita a base de grandes gurús da música celta, novos valores, actividades culturais paralelas, acampada de balde e servicios complementarios. E todo de balde. Ortigueira acadou xa o nome de marca. Este ano os organizadores agardan unha invasión de 60.000 visitantes ávidos de música folk e xolda. O ano anterior foron 50.000.



Coma case sempre, todo parte dos cartos: un potente orzamento de máis de 360.000 euros (uns 60 millóns de pesetas). É o punto de partida e tamén o de remate. O concello asume a organización, a Deputación da Coruña achega a metade (máis de 180.000) e conta tamén con contribucións da Xunta de Galicia, de Caixanova e de Estrella Galicia. De aí sae a gratuidade dos concertos, os servicios para os visitantes, as actividades complementarias.



Vermello e negro

Calquera organizador de festivais sabe que a promoción é fundamental. Lonxe das maquinarias publicitarias dos grandes festivais europeos e as grandes contas promocionais das multinacionais, hai que aguzar o enxeño. Pero todo encaixa dentro dunha estratexia de difusión entre os medios: por exemplo, o Festival Celta de Ortigueira é o evento galego máis vinculado a Internet, ese impreciso por onde pasa moito do público obxectivo ó que se dirixe e no que os custes publicitarios son máis baratos que noutros medios. Conta cun amplo e ben estructurado sitio web en galego, español e inglés, (por certo, a versión galega está bastante escasa), contactou cunha promotora de publicidade en Internet para difundir os seus banners en sitios de referencia dentro do panorama galego e español, e o seu gabinete de prensa contacta e envía información de referencia en inglés para as grandes webs internacionais de música.



Ademais, o Festival asegurou o apoio expreso da Compañía de Radio Televisión de Galicia. Deste xeito, a Televisión de Galicia vai realizar unha docuserie sobre o festival e os seus persoeiros –cantantes, visitantes, xente que chega por primeira vez- co gallo dos vintecinco anos da creación do Festival. A Radio Galega emitirá en directo o emblemático programa de folk Lume na Palleira dende o Teatro municipal e aseguraron tamén o apoio expreso de La Voz de Galicia, que figura como entidade colaboradora. A presencia de medios internacionais é, sen embargo, escasa: este ano está confirmada a presencia dunha radio holandesa e unha televisión alemana.



Todo isto, acompañado cun deseño coherente de toda a identidade corporativa do festival. Cabanas, un pintor da Coruña, realizou o deseño da famosa serpe en forma de espiral, e a axencia Terra da Coruña arranxouno para a súa difusión en cartelería e noutros soportes. A propia identidade dos carteis fai referencia ó público, máis que ós propios músicos ou grupos. A organización buscaba fuxir dunha “visión demasiado tradicional” do que debía ser a imaxe dun festival folk. O ano pasado, un rapaz de melenas co torso espido e un colgante coa serpe do festival levaba tatuado o nome dos grupos participantes. Este ano, o deseñador Alborés fixo un cartel baseado en diferentes fotografías do coñecido fotógrafo Xulio Villarino nos que se resalta o público dun concerto, a xente acampada ó carón da praia. É a identificación entre público e festa. Os carteis parecen dicir: Ortigueira non é un festival, é un xeito de vida.



Paquete completo

O Festival distinguiuse dende o primeiro momento por realizar actividades paralelas ó que está a suceder nos escenarios musicais, buscando completar a oferta musical para o público interesado en profundizar na realidade cultural das periferias atlánticas. O denominador común semella ser buscar conexións entre as diferentes culturas da área celta. Así, dende exposicións de cerámica ata instrumentación musical, pasando por xornadas de investigación e estudio sobre a cultura e a historia dos países con estas raíces étnicas. Sen embargo, non tiñan a audiencia que se agardaba e este ano cambiouse a estratexia. Contactaron coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo para realizar unhas xornadas sobre estudios celtas que situaron a semana anterior. Este ano, paralelo ó festival correrá unha exposición de Xulio Villarino.



Afinar co tempo

A longa traxectoria modificou a concepción e o tipo de programación do festival ó longo do tempo. En certo xeito, Ortigueira ten evolucionado coma o panorama musical galego. O Festival encarnou ó principio músicas e grupos das tradicionalmente chamadas “nacións celtas”: Bretaña, Gales, Escocia, Cornéalles, Irlanda, Galicia e a Illa de Man. A pegada da organización inicial –a Escola de Gaitas de Ortigueira- marcábase nos numerosos grupos de gaitas que randeaban e randean continuamente pola rúa. No ano 2000, o Festival abriu un novo e non exento de polémicas camiño: a apertura cara músicas paralelas ó tradicional son celta. Deste xeito, a XVI edición do festival comeza a introducir grupos e solistas non procedentes deses países pero con influencias “étnicas”. O ano pasado, o redeseño do festival fixo abrir un novo escenario: o chamado “Runas”, dedicado en exclusiva a grupos noveis. Nesta ocasión, tres grupos galegos, Lume fatuo, Macfleck e Birimbao xunto cos madrileños Hermana Cruel, os canarios de Brandania, os andaluces de Rare Folk e Rapabestas, que aínda que non o parece, é de Castela e León. A promoción de novos grupos, que raramente teñen a posibilidade de actuar diante de públicos tan numerosos, é un factor de grande éxito.



E tamén esa capacidade de cheirar novos tempos que ten o Festival plásmase tamén na actuación dos DJs, que este ano pasan á capa central despois das actuacións de monstros como Liam O’Flynn, Béla Fleck ou Berrogüetto. Por manter a coherencia do evento, os DJs practicarán a fusión entre os ritmos máis tradicionais e o techno a través das actuacións de Celtic Soundclash e os Afro Celt Sound System.



25 anos non son nada

Ano 77: os membros da Escola de Gaitas de Ortigueira visitan o xa famoso Festival Celta de Lorient e deciden crear un similar na súa vila. Comeza o evento no ano 78: cun pregoeiro moi simbólico: Xosé Filgueira Valverde, a conexión cunha liña de pensamento marcada polo galeguismo. Un millón de pesetas, orzamento ben axustado, e actuacións de Antón Seoane, Emilio Cao, Terra Meiga e entre os convidados, estudiosos da cultura celta procedentes de Escocia e Gales. As contas: 10.000 persoas.



A partir de aquí os números incrementáronse e tamén os problemas. Nos anos 80, os números de asistentes continuaron aumentando convertendo a Ortigueira no punto de encontro do público hippy e alternativo do Estado e Europa. pero non estiveron exentos de polémicas. Disturbios nos concertos, problemas entre o público e de financiamento fixeron que no ano 87, o Festival entrara en crise e pechara as súas portas ata o ano 95. A partir deste ano, o concello entra na organización, conseguindo incrementar as cifras de orzamento e o mecanismo volveuse pór en marcha ata hoxe.



O curriculum de Ortigueira é de vertixe. Polo norte pasaron Milladoiro, Xorima, Budiño, Susana Seivane, Cempés, Patrick Molard, Shooglenifty, Kepa Junquera, Llan de Cubel, Alan Genty, Davy Spillane, Capercaillie, Värtinä, Michael McGoldrick, Eileen Ivers pasaron polos escenarios da vila.



E os sentimentos

O factor emocional tamén conta na difusión. É o que se chama a teoría do rumor e o que os expertos da Nova Economía denominarían “marketing viral”. Uns visitantes recoméndano a outros, e o boca a boca é a mellor estratexia publicitaria. Hai moito público que é fiel á marca porque, en moitos casos, medrou con ela. Os ingredientes son os adecuados: o contorno, un amplo e precioso territorio natural con rituais de peso –é habitual despois dos concertos ir ver a posta de sol á praia de Morouzos, coa fermosa illa da Coelleira xurdindo entre a brétema-, a sensación de liberdade que se vive, a acampada libre e os servicios complementarios –duchas, autobuses, ferrocarrís, etc. valeron para captar a moito público novo que acaba por ter unha vinculación case sentimental co Festival Celta de Ortigueira. O dito, un xeito de vida.