Comisariar hoxe

Catro responsables de proxectos artísticos explícannos a situación do seu oficio

Nestes días, o MARCO de Vigo expón Mirrors/espellos, unha exposición que xorde da segunda edición do seu certame para novos comisarios. Ao tempo, o museo ten en marcha a terceira convocatoria deste premio. A aproveitar a ocasión, queremos reflexionar sobre o presente e futuro do comisariado de arte en Galicia. Para isto, falamos con catro novas comisarias que ao longo dos últimos anos están a se enfrontar aos seu primeiros proxectos artísticos no noso país. Clara Rodríguez, Neves Seara, María Peña Lombao e Anxela Caramés reflexionan con nós encol dunha profesión que está a sufrir un proceso de profesionalización acelerado e no que as perspectivas non semellan malas.

A nivel internacional, hai xa uns anos que está a figura do comisario está a coller un protagonismo no proceso expositivo que en décadas anteriores lle correspondera a creadores e a centros de arte. Cuestións coma a reformulación do espazo de exposición coma un lugar de experimentación, ou o potencial creativo deste posto para trasladar ideas e tendencias amosan un crecente interese por esta figura. A cuestión é se, nese campo, o noso país está a seguir tamén a corrente do resto do mundo. A creación recente dun mestrado sobre este campo ou a existencia dunha facultade de Belas Artes favorecen que unha nova xeración de profesionais cunha formación sistematizada se poidan achegar a un campo en plena transformación. Falamos con varias das novas comisarias galegas, que amosan tamén que a presenza feminina neste campo terá unha importancia crecente no futuro.

A situación do comisario
Clara Rodríguez foi a recente comisaria da mostra de Jesús Madriñán que se puido ver este verán na sala Zona C de santiago de Compostela. Para ela, “o principal problema do comisariado é que aínda resulta unha profesión nova e pouco coñecida. Nese sentido é difícil situarte desde qué perspectiva queres traballar e qué che apetece facer. En Galicia hai bastantes espazos respecto a outras comunidades, e iso dá oportunidades para traballar e facer cousas. O difícil é que che tomen en serio cando es novo”. Coincide con ela Neves Seara, responsable da exposición colectiva Cartas de ausencia, que se pode ver na sala Musaca da Coruña. “Non é demasiado difícil traballar nisto. O que se nota é moita necesidade de xente con ganas que traian ideas novas. Nese sentido existen salas dispostas a recibir novas propostas”, explica. Tamén Anxela Caramés, coordinadora de Outornarte 09, ten unha ollada positiva sobre a situación. “Penso que a cousa foi medrando e mellorando para a arte contemporánea en xeral, e con este crecemento tamén xurdiron novos comisarios”. Máis concretamente sinala “á creación do Mestrado en Museografía e Comisariado da Universidade de Santiago, de aí están saíndo algunhas persoas ás que se lles debe seguir a pista. Ademais, cada vez aparecen máis posibilidades para comisarios novos, como a Zona C, en Santiago. Quizais faltan aínda en Galicia salas intermedias que non están tan institucionalizadas coma os grandes museos pero que teñen certa entidade”. María Peña Lombao é a responsable da exposición Irreversible que se pode ver no Pazo da Cultura de Pontevedra. Para ela “nos museos é onde o comisariado está máis regulado, pero moitas veces acódese a xente de fóra. Tamé é certo que nós tamén facemos proxectos para o exterior, e se algo non sae aquí, sae noutro sitio. Nas galerías o habitual é que sexan os propios galeristas os que comisarían a mostra. En xeral hai oportunidades en canto a museos e institucións”.

Traballo por amor á arte
Deitando abaixo o mito popular de que no mundo da arte contemporánea abondan os cartos e é habitual o derroche, boa parte das comisarias consultadas coinciden en que existe unha dose moi abondosa de traballo gratuíto seu oficio. “Mesmo en espazos nos que habitualmente se fai traballo remunerado, custa aínda definir canto se fai por amor á arte e canto como profesión”. Na mesma liña, para Neves Seara “o principal problema é o económico”. Anxela Caramés, pola súa banda, pensa que “falta un pouco de profesionalización na arte contemporánea. Hai bos profesionais, pero non se valora moito este tipo de traballos. Acontece coa xente nova e, moitas máis veces do que pensamos, cos consagrados. En moitos casos críticos, artistas ou comisarios traballan por amor á arte. Sexa por interese no proxecto, por coñecer a xente que o fai ou polo que sexa. Isto dáse en todas partes, pero penso que en Galicia máis”.

Mudanzas para as comisarias
Coinciden tamén as consultadas en sinalar que a profesión que escolleron está a mudar significativamente. Unha profesionalización cada vez maior, a existencia de novos foros e mesmo o recoñecemento social achegan novos aires a un ámbito laboral ata o de agora pouco coñecido. Para Clara Rodríguez “a situación está a mudar. Este ano fíxéronse por vez primeira unhas xornadas sobre o comisariado en Madrid e en León, e reuníronse moitos comisarios novos. Ao falar e definir a profesión podes despois traballar deste unha teoría, tes unha base desde a que traballar. Estes foros tamén permiten contactar con persoas de xeracións anteriores e iso é moi enriquecedor”. Tamén para Neves Seara “o traballo está moito máis definido”. Pola súa banda, María Peña Lombao considera que as mudanzas no sector dan tamén en novos xeitos de se achegar ás exposicións. “Agora é unha boa etapa no sentido de que están a saír proxectos que apretan un pouco os formatos antigos de expor. Hai inquedanzas e hai xente que tenta animar o que é unha exposición de arte coma publicación de obras”.

O recoñecemento
En canto ao recoñecemento público do traballo dos comisarios, as profesionais consultadas teñen disintas opinións. Rodríguez sinala que “a xente comeza a saber que non es un oficial de policía e que non te dedicas só a facer contas ou a traballos organizativos, vaise comprendendo a faceta creativa ou teórica que isto pode ter. Durante moito tempo a figura do comisario era moi descoñecida”, conclúe. Seara, pola súa banda, considera que “o recoñecemento da profesión está máis ou menos igual. Cando menos fora, que é onde tiven a miña experiencia, sempre se lle deu bastante peso. Tamén é verdade que aquí traballamos a pequena escala, pero en grandes proxectos sempre se lle recoñeceu o seu traballo”. Caramés, pola súa banda apunta posibles causas do recoñecemento desta figura. “Do que se oe falar habitualmente é do comisario estrela. Algúns teñen un papel de creador e conseguen transmitir unha serie de ideas mediante o seu traballo con diferentes artistas. Nese sentido si que se valora cada vez máis este traballo, xa son case coma artistas ou directores de cinema, para ben ou para mal. Logo acontece que ás veces están sobrevalorados e outras infravalorados, como en todas as partes”. María Peña Lombao considera que “a figura do comisario comeza a se respectar un pouco e a se considerar coma artífice da mostra. En canto a que lida coas obras de arte, o espazo e o orzamento, ao final é o seu punto de vista o que vai relocer. A última pincelada sempre a vai ter el, en certo xeito é unha nova forma de artista”.