Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931) é un novelista que cultivou o western (A morte de Frank González), a ciencia ficción (Reportaxe cósmico), a narrativa de quiosco (Corrupción e morte de Brigitte Bardot) ou novela de corte histórico (Agosto do 36, Os últimos fuxidos e, nos últimos tempos Tempo de centeo). Agora, o Pen Club quere recoñecer o seu traballo cunha homenaxe que terá lugar hoxe no Parador Museo de Santo Estevo de Ribas de Sil. Xosé Luis Méndez Ferrín, os poetas Víctor Campío Pereira e Manuel Álvarez Torneiro participan nesta homenaxe que ao mesmo tempo analizará o estado da novela e a poesía actual.