As regras do xogo (II)

Directores e productores discrepan sobre os atrancos do novo marco xurídico

Antón Reixa, Alfonso Zarauza, María José Arrojo, Vicente Aranda e José Nolla na mesa de debate do Foro Academia Aberta
Antón Reixa, Alfonso Zarauza, María José Arrojo, Vicente Aranda e José Nolla na mesa de debate do Foro Academia Aberta
A discusión era importante porque, ademais de que condicionará o emprego de numerosas produtoras, determinará a oferta de películas (cine, televisión e outros dispositivos) que os espectadores poderán ver nos vindeiros anos. Falamos do novo marco xurídico no que se move a industria de contidos que foi o segundo debate no marco do “Foro Academia Aberta” que se celebrou a semana pasada no Consello da Cultura Galega.

Os directores Alfonso Zarauza (A noite que deixou de chover) e Vicente Aranda (Juana la loca, Tirante el blanco, Canciones de Amor en Lolita´s club…) xunto cos produtores Antón Reixa (que combina tamén coa faceta de director) e José Nolla, mantiveron posicións encontradas sobre o novo contexto xurídico no que se desenvolve a creación audiovisual contemporánea. Para os directores e produtores máis modestos a situación redúcese á afirmación de Alfonzo Zarauza que apunta que a “lei (refírese á Lei do cine, 55/5007) e a orde ministerial (CUL/2834/2009 que establece as bases reguladoras das axudas estatais) está feita a medida das grandes producións”. Mentres que para os outros, como Vicente Aranda “é un parche que soportamos con paciencia sanchopancesca e que non vai solucionar as deficiencias e carencias que existen”. O que está fondo é o establecemeneto de dous niveles de películas en base aos seus orzamentos: os que se fan con presupostos maiores a dous millóns de euros e con máis de 70.000 espectadores, e despois todas as demais, que co novo marco só 20 proxectos recibirán axudas públicas. Para algúns, significa a desaparición das pequenas produtoras que, por outra parte, son as que sustentan o tecido empresarial audiovisual. Non se fala só de perda de emprego e postos de traballo, senón tamén dunha pluralidade de contidos audiovisuais que, aínda que polo sistema de distribución actual non cheguen a salas, aínda se pode ver en mostras, festivais e circuitos pequenos. Os pequenos produtores vaticinan a desaparición dunha oferta temática de contidos plural e diferente.

As (outras) dificultades
“O problema principal é que a xente non vai ao cine” apuntaba o director Vicente Aranda. “E se non vai, pode haber axudas, pero seguimos tendo o mesmo problema” engadiu despois. Un aspecto que no que coincidía Pancho Casal, presente na xornada, que apuntou que “non pode existir un cine sen espectadores”, para pasar a constatar esa realidade cunha relación de títulos que chegaron as carteleiras que fixeron cifras moi baixas de recadación. Nese sentido, o director Jorge Algora abriu un punto de reflexión e de esperanza ao debate ao apuntar que “está a porta aberta das noavs tecnoloxías que poden ser a solución a todos os problemas que están apuntando para a exhibición e distribución”.

O que parece que ten menos solución é outro dos problemas que Susana Maceira, presente entre o público, apuntaba “que é que a nova lexislación establece uns mínimos orzamentarios que poñen en perigo as coproducións internacionais minoritarias, que son moi necesarias para todas as cinematografías”. A orde ministerial establece que para recibir subvencións, o produtor español deberá achegar un mínimo de millón e medio de euros, o que supón que o orzamento total da película é de seis millóns. Unha cifra que está moi afastada dos actuais orzamentos que manexan as produtoras independentes nas coproducións inernacionais actuais.

O contexto de futuro
Ademais, no 2012 haberá unha fonda revisión do sistema de axudas a nivel Europeo e será nese momento cando se redefina o esquema desde a Unión Europea. Aínda así, José Nolla aclarou “non debemos esquecer que no tocante as axudas á lei do cine, o rango da norma é unha orde ministerial que é revocable. Non é o mesmo na Lei Xeral do Audivisual que, se todo sigue igual e se aproba no Parlamento, para min, a sensación é que gañaron as televisións”. Nolla fai referencia ao descenso nas porcentaxes mínimas que lle obriga á lexislación ás televisións a investir no sector audiovisual e que son o sustento de moitas empresas independentes. Agora ben, haberá que agardar a ver que acontece no Parlamento se se aproba o texto tal e como está ou hai modificacións. En todo caso, o que parece claro é que este contexto determinará o número e o tipo de produtos audiovisuais (cine, televisión, series, formatos multimedia….) co que os espectadores encheremos o noso tempo de lecer.

A reflexión sobre os dous modelos de cine en conflito é a segunda das mesas redondas que a Academia Galega do Audiovisual desenvolve no marco do foro "As regras do xogo". A seguinte e última cita terá lugar o mércores 11 de novembro, cando se aclarán o marco administrativo do sector.