Monstros moi especiais

A Fundación Seoane descubre o traballo do mestre dos efectos especiais de cine de aventuras e fantasía.

Ray Harryhausen con unha das súas creacións
Ray Harryhausen con unha das súas creacións
Ray Harryhausen quedou impresionado cando de pequeno veu no cine a un King Kong que podía andar, moverse e respirar. Aquela paixón de neno acabou por converterse na súa profesión e levouno a ser un dos especialistas en efectos especiais máis famosos da historia do cine de tal xeito que o seu traballo supera o contexto do técnico para entrar no do artista. Agora, na Coruña a Fundación Seoane permitirá dar a coñecer o traballo de Harryhausen a través de maquetas orixinais, bosquexos, fotografías, carteis e as proxeccións das súas 16 películas.

A formación deste artista polifacético nacido en Los Angeles en 1920 e que a día de hoxe vive dacabalo entre Londres e Los Ángeles abrangue un profundo coñecemento de disciplinas tan dispares como a escultura, o debuxo, a fotografía ou o drama. Considerado coma un dos maiores creadores de efectos especiais da historia do cine, o traballo de Ray Harryhausen constitúe un referente fundamental para coñecer e gozar do xénero cinematográfico de aventuras e fantasía. A día de hoxe son moitos os directores de cine, creadores de series de televisión e banda deseñada e mesmo deseñadores de videoxogos que inclúen tributos a Ray Harryhausen nas súas producións como é o caso de Tim Burton ou o videoxogo God of war II. A súa pegada na historia do cine contemporáneo é enorme: chega recordar que, en realidade, el non foi director de cine, senón técnico de efectos e, sen embargo, a maior parte dos afeccionados e crítica especializada, ao citar películas como Simbad e a Princesa ou Furia de Titáns, refírense a elas coma películas "de Harryhausen" obviando ou esquecendo o nome dos que foron directores destas películas, o que o converte, xunto a Georges Mèlies, nun dos poucos creadores de efectos especiais cun nome que figura en maiúsculas dentro das enciclopedias dedicadas á sétima arte. Neste sentido o director de cine John Landis dixo del: “Ray é verdadeiramente único na historia do cine como un técnico de efectos especiais que é realmente o autor dos seus filmes. Traballando con moitos directores e guionistas, as criaturas e os vehículos creados por Ray non eran só as estrelas das películas, senón a principal razón para que aquelas películas existisen.”


A técnica coñecida como stop motion, que segue utilizándose hoxe en día, foi perfeccionada ao máximo por este artista e conta, aínda na actualidade, con destacados defensores dentro da industria cinematográfica actual. Ademais Harryhausen desenvolveu un sistema propio, o Dynamation, que permitiu abaratar as producións de xénero fantástico conseguindo recrear universos fantásticos coñecidos en todo o mundo. Xasón e os Argonautas (1963), Fai un millón de anos (1966), a triloxía de películas de Simbad - “The 7th voyage of Sinbad” (Simbad e a princesa) en 1958, “The golden voyage of Sinbad” (A viaxe fantástica de Simbad) en 1974 e “Sinbad and the eye of the tiger” (Simbad e o ollo do tigre) en 1977- a obra de Jonathan Swift As viaxes de Gulliver (1963) ou a súa derradeira película, Furia de Titáns (1981) son algúns dos seus títulos de máis éxito.


Ray Harryhausen. Creador de monstros é un proxecto comisariado por Asier Mensuro e producido pola Fundación Luis Seoane e The Ray & Diana Harryhausen Foundation. A exposición reúne preto de 74 debuxos orixinais, 22 maquetas orixinais, montaxes de vídeo con animacións inéditas, 50 fotografías e carteis: trátase da mostra máis ampla do traballo deste artista realizada ata esta data no noso país. Conta así mesmo cunha importante sección de documentación e investigación realizada ao redor da relación de Harryhausen co ámbito do cine español, na que inclúese material inédito pertencente a arquivos de debuxantes, creadores e deseñadores como Gil Parrondo ou Fernando González, que colaboraron en diferentes momentos co técnico americano. Ademais das obras incluídas na exposición, a Fundación Luis Seoane prepara un ciclo dos títulos máis representativos da carreira de Harryhausen que permitirá aos espectadores visitar de novo o mundo da imaxinación de quen é hoxe admirado a partes iguais por público e crítica. Esta é a única exhibición prevista desta exposición que despois do 10 de xaneiro de 2010 viaxará directamente a Los Angeles, sede da fundación do autor e a súa dona.


A Fundación Ray & Diana Harryhausen recuperou recentemente unha gran cantidade de obxectos dun garaxe na casa de Harryhausen en Los Angeles. “Ray sempre insistiu en que, se había algo no garaxe, non sería interesante xa que non sería importante de abondo, pero o que non é importante para Ray é historia do cine para o resto de nós.” aseguran desde a web da Fundación. Nestes achados descubríronse elementos das súas primeiras experiencias, incluíndo un Triceratops utilizado na película Evolution of the world coa súa pel de látex completa en excepcionalmente bo estado. Tamén recuperáronse armaduras do Tyranosaurus rex e o brontosaurus vistos tamén nesa película e as armaduras para os largos tentáculos usados en It Came From Beneath the Sea. A Fundación traballa agora na catalogación e conservación destes "novos elementos".

Bosquexo do Kraken. Furia de Titáns (Clash of the Titans, 1981)

Bosquexo do Kraken. Furia de Titáns (Clash of the Titans, 1981)

Fonte: Fundación Luis Seoane

Ray Harryhausen traballando na maqueta do Kraken. Furia de Titáns (Clash of the Titans, 1981)

Ray Harryhausen traballando na maqueta do Kraken. Furia de Titáns (Clash of the Titans, 1981)

Fonte: Fundación Luis Seoane

Modelos para Xasón e os Argonautas (Jason and the Argonauts, 1963)

Modelos para Xasón e os Argonautas (Jason and the Argonauts, 1963)

Fonte: Fundación Luis Seoane