O IGAPE concede a Dygra un préstamo que lle permite retomar a súa actividade

Noite de ¿paz? estrearase no Nadal do 2010

Non era un segredo que Dygra, a pioneira factoría de animación coruñesa, estaba atravesando un mal momento financeiro. Na primavera presentou un ERE de tres meses que afectou a metade do cadro de persoal (que levaba oito meses sen cobrar) e que paralizou os seus proxectos. A semana pasada o Consello da Xunta autorizou o IGAPE á realización dunha serie de operacións, entre as que figuraba a concesión dun crédito por importe de 3 millóns de euros. A medida permitiralle retomar o ritmo habitual de traballo e fixar un novo calendario. Así Noite de ¿paz?, o seu proxecto de animación en 3D estereoscópico, adía a súa estrea ata o Nadal de 2010, un ano despois do previsto. Á inxección económica fornecida polo IGAPE unirase, en breve, outra operación cunha entidade financeira galega.