Artfutura comeza cunha performance que se desenvolverá simultaneamente en Vigo, Madrid, Barcelona e Murcia

Experimento MP3 pídelle aos cidadáns que acudan ao Marco o xoves ás 18:00 horas

ArtFutura leva vinte anos exhibindo o último en canto a arte dixital, por iso, falar deste festival é falar da evolución mesma da cultura dixital e á implantación das novas tecnoloxías en todos os ámbitos. O MARCO de Vigo, unha das sedes habituais dunha parte deste encontro, acollerá os xoves, vernes e sábado de novembro (agás do 12 ao 14 que é a festa de aniversario do museo) diferentes proxeccións audiovisuais que abordarán temas como a realidade aumentada, as comunidades virtuais, os cyborg, a arte colectiva, a vida artificial ou a estética de datos. O certame comeza mañá xoves con Experimento MP3, unha performance que precisa da colaboración dos cidadáns, que deberán descargar un arquivo mp3 e acudir co seu reprodutor ás 6 da tarde ás portas do museo.