Normalizar onde se fala galego

O traballo a prol da nosa lingua tamén é necesario onde a maioría da poboación xa a fala

Ao reflexionarmos sobre a situación do galego, a miúdo o que nos vén á cabeza é o esquema das grandes cidades. Unha perda acelerada de falantes, problemas de transmisión xeracional... No entanto existe unha realidade que se dá en boa parte do noso país no que a situación é un pouco diferente: A de concellos na que a maioría da poboación é na actualidade galegofalante, onde non deixan de ser necesarias accións normalizadoras.

Son lugares nos que a maior parte da poboación fala de xeito natural en galego. Onde os nenos tamén o aprenden con total normalidade. No entanto, non están exentos das súas propias problemáticas coa lingua. A pasada semana, a mesa redonda Concellos rurais de maioría galegofalante. Que cómpre facer polo galego? abordaba esta cuestión no marco do III Encontro de política lingüística desde as administracións locais que organizou a Deputación da Coruña no Pazo de Mariñán. Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio de Xornalistas, foi o moderador dunha mesa redonda que contou coa presenza dos rexedores de Vilasantar, Montero e Cabana de Bergantiños.

Demografía e traslados
Segundo explica Pereiro, a raíz das súas impresións na mesa, “en xeral os alcaldes ligan a supervivencia da lingua á propia supervivencia da poboación”. É dicir, o factor demográfico é a grande ameaza para que nestas zonas se continúe a falar galego. No entanto, non deixan de existir, tamén aquí, axentes castelanizadores. “En Cabana de Bergantiños, que é unha área eminentemente rural, sinalan que os principais elementos de castelanización, mesmo en persoal do concello ou en profesorado, está en que se trata de xente que non vive no lugar, senón na Coruña ou en vilas próximas”. De xeito semellante, en Vilasantar dáse o fenómeno de xente que vai fóra e muda de lingua. “Teñen o problema nos tramos superiores do ensino. Cando os rapaces van estudar fóra é cando se dan máis casos de abandono da lingua, aínda que o máis probable é que despois volten ao rego ao ter máis idade ou ao voltar ao mercado laboral”. Manuela García, alcaldesa deste concello, confirma que “mentres están aquí na escola ou van facer a ESO e o Bacharelato a Boimorto ou a Curtis manteñen o galego de xeito maioritario. A perda dáse cando van á Coruña, vemos que empregan moito máis o español, sobre todo para a relación entre eles”. Como se pode ver, é o achegamento físico ás vilas ou cidades, en moitos casos motivado pola falta de servizos no rural, o que provoca en moitos casos o abandono da nosa lingua nestes lugares.

Efectos da administración
Canda aos desprazamentos xeográficos e aos problemas de poboación, nesta altura as institucións oficiais continúan a ter un efecto castelanizador en áreas nas que unha maioría da poboación fala a nosa lingua. “A alcaldesa de Vilasantar, por exemplo, sinalaba que malia á norma que establece que o idioma da Administración local vai en galego, en moitos casos isto depende do funcionario en cuestión, mesmo a nivel da Deputación”. Isto dá nunha grande cantidade de formularios ou avisos públicos feitos en castelán desde estes organismos, o que non axuda precisamente a prestixiar o galego entre a poboación. Segundo apunta Manuel García, “cando os veciños veñen ao concello falan galego pero cando contactan con outras administracións ou van á cidade mudan de lingua”.

Percepción e prestixio
Precisamente o prestixio ou a valoración que os falantes fan da súa lingua nesta zona pode ser outro problema para o galego nestas áreas. “Non existe unha especial preocupación para a lingua, para os falantes adoita ser un feito cotián”, explica Pereiro. Segundo confirma Manuela García, “na fala non temos ningún problema pero logo a visualización do galego non é tam ampla como nos gustaría. Hai que traballar para que as actividades se fagan en galego”. Canda a isto, recoñece que “o problema é que non se emprega en todos os niveis e en todas as instancias”. En relación con esta problemática está a percepción que recolle Pereiro de que “en xeral os alcaldes coinciden en afirmar que eles ven como necesaria a figura do técnico de normalización, aínda que recoñecen que os veciños non comparten en moitos casos esa necesidade”.

O papel dos técnicos
Precisamente nesa valoración da lingua é onde os técnicos de normalización semellan ter un campo axeitado para desenvolver o seu labor. No entanto, Pereiro sinala que se detecta unha grande diferenza entre o traballo que desenvolven, fronte aos que traballan nas cidades. “En moitos casos empregan o técnico para unha función que eu chamei corrector de word. É dicir, centra a súa tarefa en corrixir escritos do concello”. No entanto, hai casos, coma no de Vilasantar, no que o técnico de normalización pasa a desempeñar tarefas de xestor cultural. Segundo explica a alcaldesa “para nós era prioritario telo, aproveitando as axudas da Deputación e da Xunta. Non fai un traballo tanto de corrección de escritos burocráticos, que para iso xa hai ferramentas, senón que se centra na dinamización”. Asociación, comisións de festas ou o centro de saúde son algúns dos ámbitos nos que actúa, promovendo de xeito especial o emprego escrito da lingua e apoiando a realización de actividades nas que se emprega a nosa lingua. A ausencia dunha definición clara do seu traballo ou a falta dun aproveitamento axeitado das súas posibilidades fan que en moitos casos, dentro de concellos con maioría galegofalante, estes técnicos non conten con xornada completa, o que tamén limita as súas capacidades para desenvolver campañas ou actividades.


Segundo recoñece Pereiro, “para min estas afirmacións foron unha certa sorpresa, porque estabamos a falar duns lugares non semellaba moi necesario traballo de normalización. É certo tamén que falamos de lugares en xeral están a esmorecer. Hai concellos coma Carballo, que sendo galegofalante nunha grande medida, está a medrar, e a súa situación pode ser moi diferente”. Manuela García sinala que “fáltanos mellorar a visualización do galego como a nosa lingua, queda aínda moito traballo por facer e cómpren recursos”.