Receitas contemporáneas

Os xestores e programadores explicaron a problemática de contratar espectáculos escénicos actuais

Mateo Feijoo, Lola Correa, Arantza Villar e Pepe Vélez (de esquerda a dereita) na mesa de debate sobre programacións. Fonte: Agadic
Mateo Feijoo, Lola Correa, Arantza Villar e Pepe Vélez (de esquerda a dereita) na mesa de debate sobre programacións. Fonte: Agadic
Programar é un traballo complicado, cheo de presións, contratempos e con orzamentos que nunca son suficientes. E moito máis difícil aínda se lle engadimos outra variable: espectáculos alternativos, de investigación ou performativos. Ou este é alomenos a impresión que ofrecen os programadores/xestores culturais/directores artísticos (non lles gusta ningunha denominación) que participaron na mesa de debate para sobre a programación para novos formatos.

Pouco teñen en común La Laboral (a “cidade da cultura” de Xixón), as rúas de Vigo ou a rede de Teatros de Cádiz, pero os seus directores artísticos enfróntanse ao mesmo reto: buscar espectáculos para encher os seus escenarios con propostas vangardistas e actuais que, ademais de convencer aos políticos que aproban as partidas que as financian, han de convencer ao público. Non é un camiño doado e non existe un manual e cada quen ten o seu estilo. Mateo Feijóo, de La Laboral, “eu teño un proxecto para o teatro que está moi claro e definido, con obxectivos concretos e específicos que desenvolvo temporada a temporada e non sempre é ben comprendido”. Por comprensión, refírese á clase política, que é a que ten a asina as partidas orzamentarias que permiten desenvolver o proxecto. “E difícil convencer a política de precisamos investir en formación e en innovación e que iso non ten un rendemento inmediato e que leva o seu tempo que chegue ao público” explica Feijóo. Unha liña na que tamén coincidía Pepe Vélez, que se encarga de definir a programación de tres espazos escénicos (o Teatro Falla, que ten 1.200 butacas; o espazo Central Lechera que ten 120 butacas e un tercer lugar no que se desenvolven concerto de verán e actividades para un público numeroso), ha de ser un proxecto a longo prazo. Vélez apuntou a necesidade de establecer un “equilibrio” entre os espazos escénicos convencionais e con linguaxes contemporáneas.

Pero.. ¿e co público?
En primeiro lugar, o concepto de público é algo que non lles satisfai aos profesionais que se encargan de elaborar programacións. “Eu prefiro falar de espectador” explica Feijoo, mentres que Vélez opta polo de “públicos, en plural”. En todo caso, é o destinatario ao que vai toda a programación e todos coinciden na importancia da difusión e divulgación para que eses espectáculos cheguen ao público. Canda iso, Vélez apuntou a cidade como escenario, levar os espectáculos á rúa para chegar ao público. Unha fórmula que para Feijoo está ben pero “non garante que iso acabe por converterse nun espectador que logo acode ao teatro”.

A rúa é o lugar no que se desenvolve desde hai nove anos o festival ALT de Vigo. Un proxecto promovido por Lola Correa e que programa o máis contemporáneo e alternativo do panorama escénico actual con grande éxito de público. Cun orzamento pequeno, o máis reducido da plataforma de festivais dos que ALT forma parte, repite esquema durante unha quincena en cada edición. “Gustaríanos ter programación que se puidera alongar ao resto do ano porque cremos que existe público para esa proposta” apuntou Correa quen apuntou a necesidade de traballar coas bases (a escola, o teatro afeccionado….) para que acaben converténdose en público estable para o futuro.


Pero o feito que exista público para propostas innovadoras e arriscadas, non acaba callando en todos os programadores. Arantza Villar, actriz de Nut Teatro que era a moderadora do debate, achegou a súa experiencia particular “eu traballo nun espectáculo no que saio espida e hai concellos nos que noto reticencias”. Aínda que o anzol que enviou era moi suxestivo, ningún programador ou xestor se animou a intervir.

A este respecto, Pepe Vélez apuntou que “estamos nun tempo de reconversión no que os teatros teñen que ser máis permeables e permitir acceder a novas propostas”, ao tempo que apostou por ofertalle á cidadanía proxectos que a priori non se atrevería a ver de “motu propio”.