Manuel Lourenzo gaña o premio Álvaro Cunqueiro coa obra Flores de Dunsiname

Neira Cruz, Begoña García e Ignacio Vilariño completan os premios de escrita teatral

Non era a primeira vez que Manuel Lourenzo se presentaba ao Álvaro Cunqueiro, o premio por excelencia dos textos teatrais. “Foi na primeira convocatoria, cando aínda non se chamaba Álvaro Cunqueiro e, por suposto non o gañei” apuntaba Lourenzo tras recoller o galardón da man do conselleiro de Cultura, Roberto Varela. O xurado valorou da súa obra, Flores de Dunsiname, a súa reinterpretación do mar “o emprego dunha linguaxe rica, poética e expresiva dramaticamente”, aínda que o autor recoñeceu que era un texto “difícil e moi pouco provocativo”. Canda o galardón para Manuel Lourenzo, tamén se fallaron os outros premios de escrita teatral no que foi o acto de apertura desta edición da Feira Galega das Artes Escénicas.

Xosé Antón Neira Cruz repetiu galardón pola súa literatura para pequenos, aínda que este ano o xurado presidido por Blanca Ana Roig, concedeulle o Manuel María polo texto Sopa de xarope de amora. Neira Cruz agradeceu o premio ao xurado; a Agadic, por manter a iniciativa e expresou a satisfacción por poder poñer o seu “nome ao lado do de Manuel María”. Canda este, tamén se outorgaron os premios Barriga Verde nas súas categorías de monicreques e de adultos. O primeiro foi para Ignacio Vilariño polo texto Auga que non vas beber... quen recolleu o galardón reivindicando a figura de Barriga Verde ao tempo que asegurou que era “un premio da literatura oral que eu me dediquei a coser”. O de adultos, foi para Begoña García polo seu texto Bon appetit.

Os catro galardoados recibirán 6.000 euros cada un e, tal e como establecen as bases, poderán ser publicados pola Agadic nalgunha ads coleccións que a axencia mantén, en colaboración con varias editoriais galegas.