A Mesa pola Normalización Lingüística, unha organización crucial na defensa do galego, afronta unha nova etapa

A forma da Mesa

A campaña contra a representación de Castelao en castelán. O encontro nacional sobre lingua. A polémica sobre a renovación da directiva. Son só as últimas noticias sobre unha organización que leva xa dezaseis anos facéndose imprescindible á hora de falar de lingua en Galicia. Pero, ¿que é a Mesa?

Da orixe

A Mesa naceu en abril de 1986 dunha xuntanza de tres días convocada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Asociación Sócio-Pedagóxica Galega e a Federación de Asociación Culturais Galegas co apoio da Associaçom Galega da Língua. Catrocentas oitenta e sete persoas xuntáronse en Compostela para analizar e propor alternativas o estado da normalización lingüística do país. Entre as conclusións deste encontro estaba a creación dunha Mesa Permanente para a Normalización Lingüística. Pouco tempo despois o funcionamento da mesa, baseado no traballo de voluntarios de todo o país revelaba a necesidade de transcender esa estructura e consolidarse como unha asociación autónoma.
No 2002 a Mesa é unha organización imprescindible á hora de pular pola recuperación do noso idioma e concita apoios multitudinarios ó seu traballo.




Unha grande organización


Actualmente a Mesa é unha asociación que conta con 2900 socios censados dos que arredor de 2800 están ó corrente no pago das cotas anuais, que oscilan entre os doce e os trinta euros. Son estas cotas as que aportan a maior parte dos entre quince e vinte millóns de orzamento con que conta a organización cada ano. Unha parte variable dos cartos vén por convenios con diferentes concellos, cos que a Mesa organiza campañas, aportando material e coñecementos. Nos últimos dous anos ata o corenta por cento do orzamento total obtívose neste concepto. A Mesa conta desde a pouco despois súa fundación cun posto de liberado que se adxudica a un membro con tarefas de representación pública a elección da directiva. A organización acadou este posto mediante un acordo cos sindicatos Comisións Obreiras e a Confederación Intersindical Galega que se alternan para cederlle alternativamente un dos seus postos de liberado cada ano. Ademais, na actualidade ten dúas persoas contratadas para tarefas administrativas e de organización do arquivo que a organización ten no seu local de Santiago de Compostela.
Durante grande parte da súa historia, a Mesa non recibiu subvencións públicas, ou recibíaas en tan pequena cantidade que eran rexeitadas, o que motivou que nos últimos anos se deixasen de pedir. A nova directiva avoga por voltar a pedilas partindo da idea de que son cartos de todos os galegos e que deben ser empregados a prol da normalización do idioma.
Os propios responsables da organización recoñecen que nos últimos anos produciuse un descenso na capacidade de organización interna da asociación, desactivándose varios grupos locais, diminuíndo a actividade de seccións coma a Mocidade pola Normalización Lingüística ou caendo a periodicidade do boletín interno “A Remesa”.



Organización comarcal e seccións


A pesar de que nos últimos dous anos diminuíu a actividade a nivel comarcal, a Mesa conta aínda con delegacións locais moi activas nas zonas de Vigo, Lugo, A Coruña ou As Pontes. Entre 1997 e 1998 a organización chegou a contar con tres locais para as seccións de Vigo, Coruña e Ourense, ademais do central de Compostela. Actualmente só se mantén o local de Vigo, onde se mantén unha xuntanza do grupo local cada quince días. Unha das prioridades da nova directiva é realizar unha xira por todas as zonas locais, priorizando as cidades, para reactivar o funcionamento dos grupos locais da Mesa.
Ademais das delegacións locais existen dúas seccións sectoriais dentro da Mesa. Por unha banda está Pais e Nais polo Ensino en Galego, que aínda a día de hoxe mantén unha intensa actividade, especialmente nas áreas de Vigo e de Compostela, reclamando unha maior presencia do noso idioma na educación. Pola outra está a Mocidade pola Normalización Lingüística que desenvolveu campañas a prol da galeguización do ensino e que, logo de ver diminuída a súa actividade nos últimos anos, está previsto darlle un novo pulo e outorgarlle unha maior autonomía coma organización.




En compañía

A Mesa participa de xeito puntual en diferentes plataformas para reivindicar o emprego do galego en sectores concretos. Na actualidade esta organización participa na Plataforma polo Ensino en Galego onda a CIG, o Sindicato de Traballadores do Ensino Galego, Comisións Obreiras, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e Nova Escola Galega.
Desde as Mocidades creouse a Plataforma do Alumnado pola Galeguización do Ensino Medio, na que participan os Comités Abertos de Escola, Galiza Nova e as Mocidades de Esquerda Unida. Na actualidade esta plataforma amosa pouca actividade.




Normativa



Desde o seu nacemento a Mesa avogou pola necesidade de acadar un acordo normativo e aplaudiu todas a iniciativas que xurdiron neste sentido. Mentres non se acade este acordo, a organización emprega, con certa flexibilidade a normativa de mínimos reintegracionistas xurdida do acordo ortográfico de 1980 cos engadidos propostos no “Manifesto para un Acordo Necesario” redactado no propio encontro no que se constituíu a Mesa. No recente debate sobre a reforma normativa, a organización apoiou a proposta sen adoptala ó non chegar a facerse oficial pola negativa da Real Academia.



O futuro

Logo da renovación da súa directiva, agora encabezada por Carlos Callón, a Mesa enfronta o futuro coa intención de reactivar as áreas que máis decaeron e de dar un novo impulso que permita desenvolver as súas tarefas con máis eficacia.
Entre as ideas coas que traballa a nova directiva está a de reactivar as diferentes seccións da organización e de organizar unha nova campaña de captación de socios. Coma punto destacado do seu programa está a creación unha fundación paralela á Mesa que tería coma unha das súas principais funcións fomentar o incremento dos fluxos culturais co ámbito da Lusofonía e abordar o traballo de normalización desde unha óptica non tanto de reivindicación e denuncia coma de análise e propostas. Dentro desta fundación preténdese tamén desenvolver un traballo de formación de cadros normalizadores de cara ó seu traballo na propia organización.
De calquera xeito, calquera das modificacións organizativas e novas liñas de actuación que se desenvolvan estarán pendentes da decisión da vindeira Asemblea Xeral que está convocada para o primeiro trimestre do 2003.




Galería: Campañas de normalización da Mesa

Galería: Campañas de normalización da Mesa

Unha das primeiras actividades da Mesa: A festa do 17 de maio de 1986, apenas un mes despois da súa creación. Fondos do Arquivo de Planificación e Normalización Lingüística de Galicia.

Galería: Campañas de normalización da Mesa

Galería: Campañas de normalización da Mesa

Un dos manteis de papel da campaña "Galician people speaks galego" na que se lles ensinaba ós turistas o vocabulario galego da comida. Fondos do Arquivo de Planificación e Normalización Lingüística de Galicia.

Galería: Campañas de normalización da Mesa

Galería: Campañas de normalización da Mesa

Cartel da campaña de 1998 para a o recoñecemento da forma OU nas matrículas ourensás. Fondos do Arquivo de Planificación e Normalización Lingüística de Galicia.

Galería: Campañas de normalización da Mesa

Galería: Campañas de normalización da Mesa

Cartel da campaña reclamando o emprego do topónimo A Coruña. Fondos do Arquivo de Planificación e Normalización Lingüística de Galicia.

Galería: Campañas de normalización da Mesa

Galería: Campañas de normalización da Mesa

Folleto do manifesto publicado pola Mesa con motivo da estrea en Galicia da coproducción entre o Centro Dramático Nacional e o Centro Dramático Galego: "Los viejos no deben enamorarse", de Alfonso R. Castelao. Fondos da Mesa Pola Normalización Lingüística

Os inicios da Mesa.
Nestes dous documentos pódese coñecer a xestación da Mesa pola Normalización Lingüística. Por unha banda ofrecémosche o texto no que se perfila a constitución da mesa coma Asociación Autónomo. Pola outra, as conclusións do Encontro sobre o Estado Actual da Normalización Lingüísitica (1986) no que se determina a creación dunha Mesa Permanente pola Normalización.
Cara o futuro.
Neste documento podes ler o programa completo da candidatura que se fixo coa dirección da Mesa na última asemblea da organización. No texto explícanse polo miúdo as propostas da actual directiva para anovar e impulsar a asociación.
Resumo de campañas.
Unha lista das diferentes campañas que veu desenvolvendo a Mesa desde a súa fundación en 1986. Informe realizado desde a Mesa pola Normalización.