A Xunta quere acelerar o traspaso de museos, bibliotecas e arquivos do Estado en Galicia

Cinco bibliotecas e outros tantos museos poderían pasar a estar xestionados polo goberno autonómico

O presidente da Xunta. Alberto Núñez Feijoo, avanzou hoxe a intención do seu departamento de solicitar a reunión da Comisión Bilateral co goberno do Estado para avanzar na cesión dun paquete de transferencias que afecta a 17 traspasos que foron obxecto de negociación na pasada lexislatura e que non foron culminados. Segundo explicou o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, en materia cultural estes traspasos afectarían ás xestións das bibliotecas públicas que agora mesmo son titularidade do Estado na cidade de Santiago, a Biblioteca Pública da Coruña, a de Lugo, a de Ourense e a de Pontevedra. En canto aos museos, serían o Museo de Belas Artes da Coruña, o Monográfico do Castro Viladonga en Lugo, o Etnográfico do Cebreiro, o Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Museo de Artes e Costumes Populares de Ribadavia. Respecto aos arquivos que son de titularidade estatal, Alfonso Rueda sinalou que a Xunta pedirá que se axilicen os trámites para que o Goberno galego poida asumir finalmente a súa titularidade. Ademais, o Executivo galego pedirá que se complete a transferencia da cesión dos inmobles nos complexos do Castelo de Monterrei, a Torre da Pena, a Torre de Sandiás e a Torre de Porqueira.