A Coruña, o verán e o xeneralísimo

Teatro do Noroeste repite co musical para ambientar a Coruña dos anos cincuenta

“Glass City explica os anos cincuenta, como se vivía esa época na Coruña cando Franco viña a veranear e como medio Madrid se desprazaba á Coruña a pedir favores” explica Eduardo Alonso, director e autor de Glass City, o último espectáculo de Teatro de Noroeste. Pero as estadías do verán do xeneralísimo non se producían soas, senón que tras del viña unha galería de personaxes que querían pedir favores e tamén divertirse nos cafés cantantes da cidade. Unha comedia con ambientación histórica que estará en xira ata decembro.

CRÍTICA
Glass City, comedia musical para nostálxicos.
andrea á. pino


A estancia estival de Franco e cía. no Pazo de Meirás revoluciona a vida da cidade da Coruña. Corre o ano 1958, momento de irrupción do rock ‘n’ roll estadounidense e das máquinas de discos no país. Teatro do Noroeste explora a senda aberta en 2006 co seu Imperial: Café Cantante. Vigo 1936, desta volta cunha produción histórica ambientada nun establecemento coruñés de finais dos 50. Glass City, comedia musical para nostálxicos. Anímese quen gostara daquela primeira grande introdución da compañía galega no xénero; abstéñase quen apeteza algo máis ca o estereotipo.

O imaxinario do musical cinematográfico condiciona unha posta en escena ambiciosa que, porén, fraquea ao confiar na intensidade do traballo interpretativo como baluarte da acción. Se ben o desenvolvemento anecdótico da historia permite trasladar o foco á particular galería de personaxes, e malia a que a intercalación de cancións e coreografías garante ritmo e emotividade durante as dúas horas de función, o espectáculo está falto de forza e carece da dose de provocación que, sen dúbida, lle conferiría unha dimensión máis interesante.

Como é habitual, Eduardo Alonso propón un esquema sinxelo pero correcto. Mágoa que dos catorce intérpretes que conforman o amplo elenco desta Cidade de cristal, moi poucos logren unha integración efectiva dos códigos de actuación interdisciplinar que rexen en calquera traballo de teatro musical.