Os títeres hispanoamericanos protagonizan a 14 edición do Festival Galicreques

O proxecto da sede estable para os títeres está aparcado por falta de apoios

Imaxe corporativa de Galicreques 09
Imaxe corporativa de Galicreques 09
Son xa 14 as edicións que ten Galicreques, o festival de títeres de Santiago que comeza mañá venres. Pero este ano ten un aire especial xa que os organizadores, a asociación Barriga Verde, deseñaron un festival con importante presenza hispanoramericana. Esta orientación é posible grazas a unha axuda de Iberescena que se suma á de Agadic (recortada en 16.000 euros) e á do Concello de Santiago. En canto ao deseño do festival, ao carón das funcións de títeres nas rúas e nos teatros da cidade e os obradoiros de formación, destacan dúas exposicións (unha retrospectiva sobre o festival e outra sobre a colección de cartelería dos monicreques no país desde 1979) e unha serie de mesas redondas para analizar o presente e o futuro do sector dos títeres.

Na rolda de prensa de presentación da programación da 14 edición de Galicreques, tanto Jorge Rey, da compañía Barriga Verde, como Socorro García, concelleira de Cultura de Santiago, explicaron que o proxecto para construír unha sede estable de títeres estaba “aparcado nun caixón” por falta de apoio. Un apoio que deberia de chegar por parte de Agadic, xa que o concello tiña previsto o emprazamento para facelo e o Colexio de Arquitectos encargárase do deseño. “O proxecto, asegurou Socorro García, permitiría ter unha programación estable de títeres na cidade, tanto ao aire libre como nun espazo cuberto”.
Ligazóns