Onde residen as identidades

Xabier Mariño analiza o papel do público cunha proposta apoiada pola AGADIC

Como se pode traducir a identidade dunha persoa en música sen que se saiba tocar un só instrumento? A resposta a esta pregunta está en Identidades, o proxecto de investigación sobre a reacción do público que Xabier Mariño desenvolveu no MARCO, o museo de arte contemporánea de Vigo. Unha das propostas das 14 residencias artísticas que promove a AGADIC neste ano.

“Tratábase dunha instalación interactiva para captar o movemento a través dunha webcam que xeraba videocreacións en tempo real, que me permitía investigar e traballar sobre o concepto de interacción” explica Xavier Mariño. Licenciado en Composición en Musikene, o Centro Superior de Música do País Vasco, e con formación específica en medios electroacústicos para medios audiovisuais, Mariño desenvolveu durante os meses de xullo e agosto unha instalación, que mesturaba a performance, a videocreación, a escultura e a música electroacústica e coa que pretendía captar os movementos do público e convertelos en vídeos e son en tempo real. Pero para poder converter en arte a resposta do público, había que pasar por unha fase previa de investigación e iso foi o que fixo Xabier durante os meses de xullo e agosto no MARCO.

O desenvolvemento
Xabier explica que “para conseguir o noso obxectivo precisabamos dunha base tecnolóxica, e foi así como empregamos unha ferramenta informática dun programa que se desenvolve no Centro Pompidou de París para proxectos musicais e que traballa con vídeo e audio en tempo real”. Coa axuda da artista visual Ana Moya e do escultor César Orrico, preparou o salón de actos do MARCO cunha escultura cara á que apuntaba unha webcam. Esta cámara era a encargada de recoller a resposta do público e iso alteraba o son, a música, os vídeos (que eran imaxes da cidade de Vigo proxectadas sobre o chan). Deste xeito, tal e como figura na memoria, creábase “un espazo imaxinario, virtual que aporta como se dunha retroalimentación se tratase a súa propia identidade, a súa actitude pasiva ou activa á construción narrativa”.

Así, vendo a interacción do público co seu contorno virtual, podíase apreciar as identidades individuais do asistente, como a “colectiva”, como froito da interacción conxunta do público coa obra e viceversa.

Despois destes dous meses de traballo, o proxecto abriuse ao público esta fin de semana (do 1 ao 5 de setembro) e Xabier Mariño quedou moi satisfeito co resultado. “Superei amplamente as expectativas” afirma ante a boa reacción do público que participou. O obxectivo do seu proxecto era o de abrir portas á utilización da tecnoloxía como laboratorio de investigación, creando unha especie de “libraría” de ferramentas que poidan ser empregadas no ámbito da danza, o teatro ou a música contemporánea. Con todo, Xabier Mariño recoñece que esta liña de investigación vai quedar aparcada durante un tempo, porque ten numerosos proxectos de ámbito da composición musical nos que vai seguir afondando.

Os artistas en residencia
O programa no que se integra o traballo desenvolvido por Xabier Mariño é unha iniciativa da Agadic, a Axencia Galega das Industrias Culturais, xestionada a través de dúas das súas unidades de produción (o Centro Dramático Galego ou o Centro Coreográfico Galego) para apoiar a artistas ou colectivos que queiran desenvolver un proxecto de investigación ou creación nos ámbitos do teatro, circo, danza e outras artes do movemento. Nesta ocasión selecionáronse 14 proxectos de 167 propostas que se desenvolverán entre os meses de abril e decembro en diferentes espazos e lugares, e con obxectivos e propostas ben diferentes. A democracia de Pablo Fidalgo e Estefanía García; PlayGround_textil'n progress de La Canalla C.B., Corpo-puta-vaca-berro de Gena Baamonde, Eva Freixeira e Vanesa Sotelo ou Rewind de Borja Fernández e Uxía P. Vaello son algúns dos proxectos que se desenvolverán nesta edición.

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo

Fonte: MARCO de Vigo