Aprender do campo

A Universidade Rural Galega apostar por aproveitar os coñecementos da nosa tradición

Malia ao progresivo abandono do noso campo, aos poucos, unha nova xeración de persoas comezan a se achegar a este mundo e a velo coma unha auténtica alternativa vital. A reunir un bo feixe de iniciativas interesadas na reivindicación do agro, a Universidade Rural Galega preséntase en sociedade coa intención de recuperar e dar a coñecer este mundo.

Malia a que naceu hai xa cinco anos, non é ata este 2009 que a Universidade Rural Galega (URG) está a se dar a coñecer ao grande público. “ A Universidade é un proxecto que ten como obxectivo a recuperación e o mantemento do noso mundo rural” explica Paula Ares desde a coordinación desta plataforma. Segundo ela, “o proxecto iniciouse en 2004, cun grupo de persoas que tiñan un fondo pesar pola desfeita do rural. Aos poucos, foise xuntando un monte de asociacións, e en 2007 conseguiuse un subsidio da Axencia Galega de Desenvolvemento rural e comezou a se traballar a pé de campo”. Na URG intégranse colectivos coma Euroeume, Xermolos, o Sindicato Labrego, Preescolar na Casa, A Cova da Terra, Papaventos, Brinquedia ou Verdegaia, por citar só algúns dos máis colectivos. Canda a eles, labregos, técnicos e diferentes persoas interesados por manter e desenvolver este mundo.

Censos
Un dos primeiros traballos que abordou esta entidade foi a elaboración dunha serie de censos. “Son accións que poden parecer pequenas pero que permiten coñecer a xente que traballa e vive no rural. “O primeiro é o banco de sabedores e sabedoras dos traballos e artes tradicionais. Queremos coñecer todas as persoas que teñan algún coñecemento da base da nosa cultura, aínda que non se dediquen en exclusiva a iso”. Deste xeito, por exemplo, o censo tenta localizar toda a xente que sabe facer cestos, malia a que non sexan cesteiros. “Logo hai outro censo que quere listar as persoas e os grupos que se centran en recuperar o noso patrimonio e cultura. Tamén nos interesa coñecer os proxectos de desenvolvemento do rural e todos os grupos que fan algún tipo de dinamización”, continúa Ares. Na actualidade o proxecto ten listados preto de 200 sabedores, e cen persoas e grupos de dinamización e recuperación do patrimonio.

Contacto
Para alén do intenso traballo de campo que supuxo a realización destes censos, a Universidade Rural quere traballar fundamentalmente coma un nexo de coordinación e de comunicación entre todas as persoas e colectivos interesados no traballo a prol do rural. “Queremos organizar charlas onde o solicite quen for. A Universidade non pretende iniciar proxectos, senón colaborar. Todos aqueles grupos e persoas que queiran organizar conferencias para dar a coñecer saberes, ou que busquen persoas con coñecementos específicos para facer cursos poden contactar con nós.

Últimos proxectos
Na actualidade, e co apoio do Xacobeo, a URG está a desenvolver un censo polo miúdo de sabedores nos lugares por onde pasa algún dos camiños a Santiago. Ademais, “ata decembro temos programadas catro ou cinco charlas, tamén imos publicar os censos do Camiño de Santiago, e logo o que xorda, sempre en colaboración con outros grupos”, explica Paula Ares. O proxecto desenvolve agora mesmo un intenso labor de visibilización, “queremos que a xente saiba que existe esta iniciativa e que pode recorrer a nós. Participamos en feiras, xa estivemos en Lourenzá ou en Castroverde, entre outras para nos dar a coñecer”.

A visión do rural
Encol da situación actual do medio rural, na Universidade Rural penan que “a enorme aportación que ten feito á vida en xeral está a esmorecer progresiva e implacablemente. Os que iniciamos o proxecto sentimos un pesar enorme por esta desfeita. Pero semella que se abre unha pequena esperanza, pode haber indicios dun pequeno cambio, sobre todo pola xente que agora ten outro xeito de vivir o rural e non o relacionan tanto co sufrimento e o sacrificio, coma en xeracións anteriores”.