Eventos a colgar dun fío

Destacadas citas culturais recortan o seu orzamento pola retirada de apoio da Xunta

¿Recortes orzamentarios, descoordinación ou mudanza de políticas públicas? Sexa polo que for, nas últimas semanas multiplícase o número de eventos culturais, nalgúns casos de grande tradición, que están a ver perigar a súa programación polos recortes no apoio que a Xunta lles prestaba. Clásicos coma o Festival de Jazz de Cangas, o o Outono Fotográfico de Ourense ou o Constantino Bellón son algúns dos máis destacados, pero a lista parece medrar.

Nos últimos días están a se repetir as novas encol de diferentes eventos culturais que suspenden ou ven limitadas as súas edicións deste verán por mor de falta de apoio da Xunta. O Certame de Gaita Constantino Bellón, a Mostra de Teatro de Cee, ou o Festival de Jazz de Cangas son algúns que xa se viron afectados polos recortes orzamentarios. No caso dos dous últimos, o recorte de apoios veu por parte do Xacobeo. En Cee a contribución autonómica pasou de 20.000 euros a cero dun ano para outro. Segundo o director do evento, Artur Trillo, a explicación foi que a partida orzamentaria estaba esgotada. En Cangas tiveron que facer o seu célebre festival sen os 12.000 euros que achegaba este organismo.

Cine e poesía
A Xornadas de Cine e Video de Galicia (Xociviga), que se celebraron a recentemente, levaban xa meses a denunciar a retirada de apoio institucional. Malia a que finalmente o evento foi adiante, a organización sinala que tivo que mudar de datas por esta cuestión. Os vindeiros días 4 e 5 de setembro o Festival de Poesía do Condado chegará á súa XXIII Edición cun programa reducido a dous días polo mesmo motivo. Segundo a organización, non obtiveron resposta á súa solicitude de fondos ante a Consellaría de Cultura.

Suspensión
Malia a que nos casos mentados as programacións seguiron adiante con máis ou menos recortes, non foi ese o caso do Certame de Gaita Constantino Bellón, que anulou a súa edición deste ano e adía para 2010 a celebración. Desta volta foi a Secretaría Xeral de Emigración a que restrinxiu o seu apoio, “debido á necesidade de atender outras prioridades específicas propias deste departamento”. En concreto, Emigración non cubriu os gastos de traslado e aloxamento dos catro gaiteiros de centros e comunidades do exterior que se achegan a participar no recoñecido certame.

Políticas culturais e recortes
Desde Cultura recoñecen que están previstas mudanzas no apoio a diferentes programas. “Con vistas aos presupostos da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura e ao apoio a concertos e espectáculos que vai facer, hai a filosofía de revisar algúns proxectos, outros vanse rebaixar e outros vanse potenciar”, explican desde o gabinete de prensa, onde aseguran que se analizarán os diferentes proxectos para decidir o apoio que lles presta. Non se nega, en todo caso, a influencia nestas decisións da política de austeridade económica longamente anunciada polo actual goberno da Xunta, “haberá rigor e control do gasto”, recoñece. En todo o caso, no departamento aseguran que non é unicamente este criterio o que está detrás das mudanzas de rumbo que se están a ver e, é de supor, se verán. “É un híbrido entre causas técnicas e a austeridade”, conclúen.

Futuros
De cara ao futuro, xa saltou a alarma encol da viabilidade do Outono Fotográfico de Ourense. Segundo denunciou a Casa da Xuventude, a Dirección Xeral correspondente deixou en 10.000 euros as súas achegas para celebrar este evento e mais as Xornadas de Banda Deseñada de Ourense. Estas últimas, con cartel e programa xa adiantados, consumirán por sí soas 9.000 euros, mentres que para o Outono Fotográfico estaba previsto un investimento de 24.000. Os festivais de cinema, pendentes da convocatoria de axudas deste ano, que xa é practicamente imposible que entre en prazo, engádense tamén á lista. E todo fai temer que a lista de eventos con problemas de financiamento vai continuar. Cando menos o Festival de Teatro de Cee semella xa conseguiu o compromiso deste departamento de cara á vindeira Edición. En Cultura sinalan que “non sabemos exactamente que actividades se van desenvolver no vindeiro Xacobeo. Vanse tentar conxugar un grande número de mostras e festivais procurando o apoio aos grupos autóctonos”.

En estudo
Desde Cultura, sinalan que están a estudar cada caso, pero inciden en que a política de austeridade está aí. “Os proxectos que poderán recibir apoio orzamentario por parte da Consellería de Cultura e Turismo están sendo avaliados pola Dirección Xeral de Promoción da Cultura, ditas decisións estarán condicionadas a criterios de austeridade e rigor no control do gasto”, sinalan desde o gabinete de prensa.

Semella que estamos a vivir uns meses de transición no que moitos eventos deben enfrontarse a mermas repentinas dos seus orzamentos. É de agardar que de cara a vindeiras edicións moitas destas citas atopen novas fontes de financiamento que lles permitan continuar coa súa actividade. Tamén cabe a opción, para 2010, de conseguir acollerse ao anunciado apoio do Xacobeo, ou que, aos poucos, se reequilibre un pouco o apoio da Xunta e a economía en xeral.