Non só vigués

Vigo abre ao público o Arquivo Pacheco para reconstruír o pasado fotográfico da cidade

Fondo: © Arquivo Pacheco
Fondo: © Arquivo Pacheco
Felipe Prósperi chegou a Vigo no último terzo do século XIX para facer teatro. Pero acabou cambiou os escenarios polos cuartos escuros e abriu un pequeno negocio de fotografía que acabaría por converterse nun dos estudos máis destacados de Galicia: o Pacheco. Case dúas décadas despois de que o concello de Vigo mercase os seus fondos á familia, acaba de completarse a dixitalización dunha pequena parte para abrila ao público. Fai parte do Programa Indagacións, no que os visitantes acheguen información para a documentación. É a memoria viva da cidade.

“Aquí hai absolutamente de todo, desde fotografías de estudos, das rúas da cidade, de arquitectura, de paisaxe, do deporte… e non só de Vigo senón tamén do seu contorno” asegura Vitor Vaqueiro, o director do Arquivo Pacheco e o encargado de investigar, xestionar e difundir un material que ascende a 150.000 imaxes en diferentes formatos (negativos, positivos, placas…) que están en desigual estado de conservación.

Desde a semana pasada, desde os ordenadores da Casa das Artes o público pode achegarse a unha pequena parte. En total unhas 60.000 imaxes que están completamente dixitalizadas e foron arquivadas nun rudimentario proceso de catalogación que se estendeu ao longo de varios anos, non exentos de atrancos polo escaso persoal. “De momento só puidemos numeralas, é dicir, do número 1 á 60.000 e agora queda por diante todo un proceso de documentación” asegura Vaqueiro. É neste traballo no que acaban de solicitar a axuda da cidadanía. Este proceso colaborativo leva o nome de Programa Indagacións no que “o que pretendemos é, nun primeiro momento, que a xente veña (á Casa das Artes) a ver ese material pero que na súa visita tamén nos achegue información” explica Vaqueiro. Así, con cada informante irán abrindo fichas que permitan completar o proceso de catalogación).

A apertura destas imaxes ao público non é mais que unha pequena parte, xa que o tenente de alcalde vigués, Santi Domínguez avanzou hai unhas semanas, que non é máis que o primeiro chanzo dun proxecto que culminará coa apertura do Museo da Fotografía, que acollerá, ademais do legado de Pacheco, outras coleccións.

O arquivo Pacheco
Foi no ano 1870 cando un italiano, Felipe Prósperi Cortechi chega a Vigo cunha pequena compañía teatral. É aquí onde deixa deixa o teatro para establecer unha galería fotográfica e iniciar así unha pequena historia que comeza ata os nosos días. É a súa muller, Cándida Otero, a que se queda á fronte do negocio á súa morte (en 1899) e acaba por asociarse en 1907 con Jaime de Sousa Guedes Pacheco, un mozo nado en Freixo de Espaada á Cinta, na portuguesa Serra da Estrela. En 1915 o estudo pasa a chamarse a ser propiedade de Pacheco e así se conserva ata o instante da súa desaparición.

Pacheco non realiza so fotografía de estudo, senón que tamén tirou moitas instantáneas de exterior, principalmente para medios de comunicación. Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, ABC, Vida Gallega, Blanco y Negro… son algunhas das cabeceiras de prensa e revistas nas que se publicaron moitas destas imaxes. Traballo no que Jaime Pacheco non estivo só, senón que contou coa colaboración do seu sobriño Horacio. Ademais, tal e como explica Vaqueiro, “a maior parte das imaxes que figuran no arquivo son de Vigo, pero tamén as hai da comarca e mesmo doutras cidades”.

Cando en 1954 fina Jaime Pacheco, son os seus fillos Alberto e Xaime os que se fan cargo de continuar o labor desenvolvido polo seu pai, pero xa lonxe do esplendor e da sona que tivo durante tantas décadas. Á morte do seu último fillo en 1981, o material queda en mans da familia. Pero o arquivo non permaneceu agochado baixo chave, xa que o Centro de Estudos Fotográficos (CEF), conseguiu exhibir algunhas pequenas mostras no marco das diferentes Fotobienais que se desenvolveron a cidade de Vigo a partir na década dos oitenta. Ademais, Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal (responsables do CEF) desenvolveron diferentes investigacións sobre ese fondo das que chegaron a editar algunhas das publicacións que hai sobre o tema. Foi a partir de aí, cando comezaron os diferentes contactos do concello olívico cos descendentes de Pacheco que se resolveron nos noventa, coa compra do arquivo completo por parte do concello.

Os fondos son amplos e inclúen desde imaxes da vida cotiá, ata fotografía de estudo. Con eles, é posible seguir a evolución do Vigo social pero tamén industrial. En todo caso, como asegura Vitor Vaqueiro “non só teñen valor documental, senón tamén estético, xa que con el tamén se pode percorrer a historia da fotografia”.

Selección Pacheco

Selección Pacheco

Fondo: © Arquivo Pacheco

Fondo: © Arquivo Pacheco

Fondo: © Arquivo Pacheco

Fondo: © Arquivo Pacheco

Fondo: © Arquivo Pacheco

Fondo: © Arquivo Pacheco

Fondo: © Arquivo Pacheco

Fondo: © Arquivo Pacheco