O debate sobre a pasarela única chega a diferentes sectores en Galicia

Pasardela

A revolución do veludo xa comezou. Suavemente, sen polémicas nen acritudes, pero con moitos fíos que tecer. O primeiro en marcar o ritmo foi o goberno, cun Plan Global da Moda que deseñou un modelo de moda cunha imaxe de marca exportable a todo o mundo. E o epicentro do seu proxecto pasaba por un lugar de exhibición, unha pasarela única. E o sector téxtil galego quixo entrar a formar parte dun mundo marcado pola disputa entre Madrid e Barcelona.

Organizar unha pasarela de moda que sexa capaz de crear unha imaxe de marca de todo o que se cose no estado español para fóra é unha tarefa moi complicada. É moito máis que unir os intereses dunha serie de deseñadores, exhibir os seus modelos en maniquíes con perfeccións aureas e convocar á prensa de diferentes países nun recinto dotado da infraestructura e comunicación precisa para atender a especialistas, prensa e famosos chegados desde a metade dos países europeos e demais puntos internacionais. Significaba ser a punta do iceberg dun sector de negocio rendible e que agocha moitos máis intereses que os de ser mero escaparate da producción dun país. Isto non é só presencia na prensa e un dos grandes deseñadores, o ourensán Roberto Verino, nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia (28 de marzo de 2002) afirmaba que este tipo de negocio interesa cando sae nas páxinas sepia” (esas que dan conta dos asuntos económicos). Queda claro que a pasarela única, punto máis discutido (e máis polémico) deste Plan Global da Moda deseñado polo goberno vai moito máis alá que a presencia de caras famosas e coñecidas no circuito, exhibindo e contemplando como público creacións baixo o selo “made in Spain”.




Tres requisitos




Acoller unha pasarela única significa gozar dunha infraestructura, datos, e números que avalen por detrás cada candidatura. Así, as agullas galegas comezaron a enfiar neste gran telar ó considerar que Galicia era unha boa candidata para asumir o reto. E foi, en parte, porque o sector téxtil cumpría moitos requisitos que facían crer que o soño era posible. En primeiro lugar porque unha gran parte dos deseñadores que creaban esa “imaxe de marca exportable” que pretende o goberno para o seu Plan Global de Moda son galegos. Adolfo Domínguez, Roberto Verino, Antonio Pernas, Kina Fernández... primeiras figuras dentro do panorama estatal e que son un claro referente galego. Nomes e figuras con proxección internacional, con imaxe de marca, que se presentan co selo de ser figuras do panorama español, ademais de ser bos embaixadores do producto nacional galego. O sector téxtil galego ten figuras que avalaban esa imaxe de marca que o goberno quere como características desa pasarela única xa que aportaba o “glamour” a un negocio moi rendible.



Sen embargo, en Galicia había algo máis sólido que esta imaxe intanxible, algo moito máis cuantificable e numérico que faría que Galicia fose unha boa candidata. Son os bos resultado económicos de cada exercicio que fai que o sector téxtil galego vaia adquirindo posicións de cabeza en pouco tempo. En tan só dez anos, Galicia deixou de ser unha descoñecida no mundo da moda para pasar a empregar a 31.200 persoas, exportar o 28.49% do total da producción téxtil española e facturar uns 4.083 millóns de euros. Son datos relativos ó exercicio do 2001 que ofrece a Asociación Téxtil de Galicia (asociación que acolle a todos os grandes deseñadores galegos agás Inditex) que revela un crecemento do sector en exportacións (733,69 millóns de euros), o que fai que Galicia vaia ocupando terreo a un espacio que ata hai ben pouco tempo estaba liderado por Cataluña. De feito, segundo estimacións feitas polo xerente da Asociación Téxtil de Galicia, Antonio Arufe, a El Correo Gallego, “nun período de cinco anos Galicia podería adiantar a Cataluña como a principal comunidade exportadora de productos de vestir”. A día de hoxe, é a única comunidade que presenta un saldo positivo na súa balanza comercial téxtil aumentando anualmente o seu peso porcentual nas exportacións nacionais en dous puntos. Precisamente o mesmo valor que perde Cataluña cada ano. E estes resultados apuntan forte cara Galicia. Ademais, a lóxica do mercado impón a celebración de feiras naqueles puntos nos que se consegue desenvolver un determinado sector productivo. E queda claro que Galicia, por resultados, é un sector productivo. A súa actividade foi capaz de outorgar en tan pouco tempo unha identidade propia ós seus productos e facerse notar nun marcado sometido a unha importante competitividade mundial.




Quen decide, quen manda




E non só iso, en Galicia esta industria téxtil non ten un carácter tradicional como acontece en zonas como Cataluña e Valencia, senón que a creación deste sector foi diferente. A industria do téxtil naceu pouco a pouco, da man de xastres e costureiras que desde os seus oficios foron creando pequenas empresas e obradoiros que iniciaron o proceso de confección en cadea. Deste xeito é lóxico que así se fosen creando figuras con prestixio ó abeiro das que naceron as imaxes de marca. Esa que tanto se busca desde o Goberno para converter o deseño e creación do textil no Estado Español en centro da moda.


Pero traer a pasarela cara un lugar xeograficamente “periférico” implicaba tamén o compromiso de todos: institucións, deseñadores, partidos políticos, cámaras de comercio... que tiñan que actuar como unha piña para poder conseguir que Galicia decidise algo dentro deste plan de moda globalizador que deseñou o estado. E facía falla que todos se unisen para facer chegar a súa reivindicación. Comezou así o aluvión de declaracións a favor e en contra da pasarela galega. Pero por parte da fonte principal, a que pode decidir a ubicación da pasarela, ou sexa, o Goberno de Madrid nunca houbo unha declaración en firme por parte do goberno que non fose a pregunta retórica feita por Pio Cabanillas. Aínda así en Galicia seguíase a facer ruido coa posibilidade e o boom das reivinciacións chegou en marzo, cando a Asociación Téxtil de Galicia se moveu para conseguir os maiores apoios posibles para esta candidatura. Foi neste momento no que os deseñadores, os que máis tiñan que dicir, presentáronse ante os medios de comunicación divididos. Se cadra porque o custe deste traslado teríao que asumir a Administración (e sabían que sería moi elevado) e por outra parte, porque moitos dos deseñadores galegos están máis interesados polas vendas e non por subirse a unha pasarela.



E neste ir e vir de declaracións a favor e en contra, a Xunta, a través da súa Consellería de Industria amosábase positiva con respecto á candidatura de Galicia. E iso a sabendas de que implicaba moito máis que un esforzo puntual, xa que debería atender a unha planificación que se había de facer a moi longo prazo. Pero isto era a Consellería de Industria xa que o presidente da Xunta, Manuel Fraga nun Consello da Xunta afirmou que “sería moi difícil chegar a unha conciliación total, polo que sería moi probable que non se poida traer a Galicia”. Parecía seguir así as recomendacións do ICEX que tempo atrás, anunciara que o “Plan Global da Moda non era un proxecto rexionalizable” e que o goberno non aceptaría presións autonómicas, ademais de ter a última palabra para decir a súa ubicación final.


A moda en datos

A moda en datos

Evolución do sector téxtil O gráfico marca a evolución das exportacións do sector téxtil (agás Inditex) coincidindo coa recuperación dos mercados da UE (que é o seu principal mercado) así como polas políticas de expansión internacional das principais compañías do sector.

Fonte: ATEXGA

A moda en datos

A moda en datos

Evolución das exportacións téxtiles canalizadas dende Galicia

Estes resultados sitúan ó sector téxtil e á confección galega no terceiro posto por importancia tras Cataluña e a Comunidade Valenciana.

Fonte: ATEXGA

A moda en datos

A moda en datos

Evolución do emprego.

Desde 1997 o sector téxtil galego continúa na súa senda de crecemento mentres que no resto do estado continúa paralizado.

Fonte: ATEXGA